O BNG de Lalín propón anticipar as convocatorias de subvencións municipais a entidades sen ánimo de lucro
O BNG fai balance do ano 2025: “menos benestar e máis endebedamento para a veciñanza de Lalín”
O BNG de Lalín quere aproveitar os últimos momentos do ano 2025 para facer balance do que foi un ano marcado de goberno do PP en Lalín que deixa ás veciñas e veciños “menos benestar e máis endebedamento”. A responsable local, Mari Fernández Sanmartín, asegura que botando a vista atrás a este novo ano de goberno de Crespo en Lalín “o resultado é máis do mesmo, empeoramento dos servizos sociais, aumento da inseguridade cidadá, aumento de impostos e taxas municipais, un goberno desaparecido en problemas fundamentais como a vivenda”. Diante desta “incompetencia” do goberno municipal do PP, o BNG lalinense destaca que “para o que si son competentes é para endebedar á veciñanza”, cun novo crédito de 4,2 millóns de euros que eleva a “débeda récord” de 11.900.000 euros, “a maior da nosa historia”.
O balance do BNG deste 2025 até as últimas decisións adoptadas este mesmo mes de decembro polo PP no Concello é o dunha xestión “irresponsable e desastrosa que nos vai a levar a bater un novo récord en amortización de capital e intereses da débeda”. Grazas á xestión do PP no Concello de Lalín, destacou Mari Fernández Sanmartín , o concello vai a pasar a pagar 500.000 euros anuais en intereses pola débeda, o “agasallo de Nadal” de Crespo á veciñanza, xa que cada veciña de Lalín “debe xa 586 euros pola nefasta xestión do goberno do PP”.
Para o BNG de Lalín “é moi duro neste contexto do goberno local de dispendios e triunfalismos” ter que escoitar na rúa á veciñanza “queixándose polas deficiencias da sanidade pública, dos servizos sociais básicos, as preocupacións pola vivenda, os terribles problemas de inseguridade que vivimos este ano, un rural abandonado...”. E diante diso critica a responsable local do BNG “temos un goberno insensible coas necesidades das lalinenses e os lalinenses que non fai máis que darlle as costas ou poñerse de perfil diante das demandas da veciñanza”.
Deterioro dos servizos básicos
Van alá un ano e dous meses da inauguración do CIS de Lalín, un centro sanitario comarcal demandado que chegou xa con moitos anos de retraso e, como o BNG advertiu en numerosas ocasións “sen recursos axeitados para garantir unha sanidade pública de calidade ás veciñas e veciños de Lalín”. Neste 2025, destaca Fernández Sanmartín que “a sanidade pública en Lalín foi a peor”, critica o BNG local listas de agarda para unha cita en atención primaria que este mes de decembro chegan aos 17 días, eivas en servizos como pediatría e saúde mental ou o feito de que “anos de demanda non serviron para que Lalín teña ambulancia medicalizada”. Para o BNG de Lalín “os recortes do PP na Xunta e a complicidade do PP de Lalín, puxo en risco neste 2025 a saúde e a vida da veciñanza de Lalín e seguirá a facelo no 2026”.
Desde o BNG de Lalín advirten xa ao PP que “imos seguir facendo propostas e demandando o que nos piden as veciñas e veciños” tamén neste 2026. Destaca Mari Fernández que o BNG xa o fixo cos orzamentos da Xunta da Galiza “que abandonan ao noso concello, e fixémolo diante do silencio cómplice de Crespo e o PP”. O BNG emendou os orzamentos da Xunta demandando 6 millóns de euros en investimentos “vitais” para o futuro do concello como unha residencia de maiores ou un centro de día, mentres o PP de Lalín “calou e dixo amén” diante do “desprezo” da Xunta polo noso concello.
Suben os impostos e baixan os servizos
No balanzo dun novo ano do goberno do PP en Lalín o BNG destaca a “incongruencia e cara dura” do goberno do PP cando ten aumentado de xeito “escandaloso” a recadación das taxas e impostos municipais mentres “recorta ou deixa sen servizos básicos como a seguridade” á veciñanza. Critica Mari Fernández Sanmartín que “ningún veciño entende que pagando máis impostos teña menos servizos”.
“O mesmo goberno que perpetra un atraco á veciñanza co IBI, o ICIO, as Plusvalías, etc é o mesmo goberno máis caro da historia do Concello de Lalín critica a responsable local, que define como “insensible e irresponsable” a actuación do PP no Concello de Lalín tamén en materias como a vivenda, unha das principais preocupacións actuais da cidadanía en todo o país, tamén en Lalín, fronte á que “a única resposta do alcalde e seu equipo de goberno foi a improvisación e os parches pagados por outros”.
Denuncia o BNG lalinense que este gran problema -o da vivenda- tamén é froito dun PP de Lalín “sen proxecto nin modelo urbanístico, cunha política baseada no negocio dos amigos, as inversións en obras faraónicas e facer oídos xordos á xente”. Rematamos 2025 “sen saber cal é o modelo de vila que defende o goberno do PP”. Critica Fernández Sanmartín que “logo de mil anuncios en titulares e millóns de euros investidos non sabemos en que, o goberno de Crespo segue obviando o básico en democracia, escoitar á cidadanía”. O BNG de Lalín advirte que o “urbanismo salvaxe” que practica o PP no concello seguirá “pasando factura” no benestar da veciñanza tamén no 2026.
O BNG pide un Observatorio da Vivenda de Lalín
O BNG de Lalín reclama a creación dun Observatorio da Vivenda municipal que estude o parque inmobiliario, identifique problemas e aporte solucións e unha política municipal en materia de vivenda que atenda realmente os problemas da veciñanza. A responsable local, Mari Fernández Sanmartín, criticou que na actualidade aínda que a vivenda é unha das principais preocupacións das e dos lalinenses, o goberno municipal do PP “sigue a improvisar, a anunciar parches doutras administracións” cunha “política errática coa que o señor Crespo só quere facer que fai, sen dar solucións na práctica ao problema habitacional no noso concello”.
Para o BNG de Lalín, un goberno serio que tome en serio o problema da vivenda da súa veciñanza “ten que estudar o parque inmobiliario municipal, identificar problemas, aportar solucións e atender ás necesidades da xente, para despois poñer en marcha unha auténtica estratexia en materia de vivenda que aporte solucións de cara ao futuro”. Critica Fernández Sanmartín que “o único en materia de vivenda que fixo Crespo foi crear unha oficina municipal infradotada e da que nada sabemos cinco anos despois respecto do seu uso por parte da veciñanza”.
O BNG “ten feitos os deberes” nun problema “grave que afecta a boa parte das nosas veciñas e veciños e que así nolo teñen trasladado”. Fernández Sanmartín destaca do parque inmobiliario municipal, con case 12.000 vivendas, os datos deste mesmo 2025 de portais como Idealista que sinalan que existe un 28% de vivendas baleiras, máis de 3.300 no municipio. Ademais os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) debuxan un parque inmobiliario “antigo” no que case o 65% das vivendas teñen máis de 35 anos de antigüidade e características que “non responden á demanda actual”.
O maior número de vivendas de máis recente construción en Lalín datan do ano 2001 e até o 2010, explica Fernández Sanmartín cos datos do IGE, “a partires de 2011 e até 2020 o número de vivendas novas non chegaron a 200, polo que o actual parque inmobiliario municipal “ten as eivas propias dos anos de construción” e a maiores, segundo tamén destaca o censo de vivendas do IGE, na metade das vivendas de Lalín detectáronse problemas como ruídos exteriores, contaminación, pouca limpeza nas rúas, malas comunicacións, escasas zonas verdes e delincuencia e vandalismo na zona.
Destaca tamén dos datos de portais especializados como Idealista a escasa oferta de alugueiros no municipio, o que nun momento no que o acceso á vivenda é o principal problema xeral en Galiza e tamén no Estado español, supón un “tapón” para calquera persoa que queira establecer un proxecto vital no noso concello. Para o BNG de Lalín “a vivenda é un problema que hai que tomar máis en serio que crear unha oficina que ninguén utiliza e lanzar ocorrencias deslabazadas sen unha análise previa do parque actual e as necesidades da xente”.
“Parches e improvisacións”
Unha vez máis “estamos diante da política do parche e a improvisación coa que goberna o señor Crespo”. O BNG de Lalín critica neste caso a “irresponsabilidade” que en materia de vivenda está a practicar o PP no Concello. Fernández Sanmartín lembra ao goberno do PP que “para adoptar medidas e solucións serias e de futuro hai que ter clara a situación actual e escoitar á veciñanza”.
Lembra o BNG que a solución a un problema tan serio como a vivenda “non pasa por facer seguidismo do que diga o señor Rueda e dos anuncios e bailes de cifras de miles de vivendas construídas ao chou e en tempo récord”. A Xunta de Galiza, lembra o BNG lalinense, leva 16 anos de gobernos do PP “nos que se fixeron 0 vivendas protexidas”, por iso convida tamén ao PP de Lalín a “recoñecer que a situación actual é froito dos erros políticos do seu partido durante máis de 15 anos gobernando e arremangarse para traballar dunha vez por todas polas veciñas e veciños”.