MARI FERNÁNDEZ INSTA AO GOBERNO DO PP A “USAR AS SÚAS COMPETENCIAS” SOBRE AS MÁIS DE 3.500 VIVENDAS BALEIRAS

O BNG reclama políticas municipais contra o “grave” problema da vivenda en Lalín

O BNG reclama políticas municipais contra o “grave” problema da vivenda en Lalín


O BNG de Lalín denuncia a “política de brazos cruzados do goberno do PP diante do grave problema de vivenda que ten o noso concello”. A responsable local, Mari Fernández Sanmartín, critica que diante da “situación dramática que padecen en Lalín moitas persoas ás que lles resulta imposible atopar un piso en alugueiro, nin sequera a mal prezo”, o goberno do señor Crespo “mira para outro lado e non exerce as competencias que ten.

O BNG lalinense lembra ao goberno municipal que a Lei de Vivenda habilita aos concellos a tomar medidas para regular os seus mercados tensionados, a máis efectiva e rápida no caso de Lalín é poñer en circulación as máis de 3.500 vivendas baleiras. “Non vale como escusa que o goberno de Crespo diga que os propietarios non queren porque teñen medo aos supostos efectos perversos da Lei estatal de vivenda, concellos como A Estrada, que tamén goberna o PP, aprobaron o recargo do IBI para estes propietarios”. Fernández Sanmartín pide ao PP de Lalín “que priorice as necesidades da veciñanza sobre as consignas de Rueda e Feijóo para boicotear todo o que veña do Parlamento español, sexa bo ou malo, por simple cálculo político e obediencia debida cando no noso concello a xente non ten onde vivir”.

Os datos a respecto do mercado inmobiliario en Lalín son públicos e están “para telos en conta e tomar medidas urxentes”, demanda Fernández Sanmartín. Segundo os datos do INE 2024-2025 entre o 28 e o 36% do parque inmobiliario de Lalín son vivendas baleiras. Isto supón máis de 3.500 vivendas pechadas e fóra dun mercado de vivenda “tensionado” en Lalín. Segundo os datos do Observatorio da Vivenda de Galicia, cos criterios da Lei estatal de Vivenda Lalín está entre os 92 concellos galegos que cumpren algún dos requisitos para ser mercados tensionados. Lalín está entre os 20 concellos galegos con máis vivendas baleiras.

Pois diante destes datos, lembran os nacionalistas lalinenses que “a mesma Lei de Vivenda que o goberno do PP de Lalín critica e non aplica, habilita aos concellos para tomar medidas que revertan o problema da vivenda nos municipios propiciando a posta no mercado destas vivendas baleiras”. Advirte Fernández Sanmartín que “os datos son moi alarmantes” e demanda “con urxencia” que o goberno local tome medidas e exerza as competencias e responsabilidades que ten na materia.

 

A fotografía “lamentable” da vivenda en Lalín

Segundo os datos 2025 da Dirección Xeral do Catastro en Lalín hai “grandes tenedores de vivenda”, en concreto 46 persoas que son titulares de máis de 5 inmobles, 41 persoas que teñen até 10 fogares ao seu nome, 4 que son titulares de 25 inmobles e 1 persoa que é propietaria de 100 inmobles. Mentres esto acontece, critica Fernández Sanmartín que “as e os lalinenses temos un goberno incapaz de analizar os datos, deseñar políticas e executalas diante dunha preocupación que xa é a primeira entre boa parte da veciñanza”.

A media dos prezos de alugueiro en Lalín medrou un 30% máis nos últimos 5 anos. Segundo os datos do Observatorio da Vivenda en Lalín custa 94 euros máis ao mes alugar unha vivenda que no ano 2020. Sinala o BNG de Lalín que só hai que mirar os prezos de oferta de vivenda nos portais inmobiliarios para comprobar que os alugueiros en Lalín non deixaron de medrar nos últimos anos, aumentaron un 6,8% no ano 2023, subiron un 8,99% no 2024, aumentaron un 4,6% no 2025 e a previsión destes portais inmobiliarios é que suban de novo neste 2026.

Tendo en conta que Lalín é un dos concellos de Galiza cunha das rendas medias por fogar máis baixas do país -27.000 euros anuais por fogar, 10.318 euros de renda neta anual por persoa segundo os últimos datos do IGE e a Axencia Tributaria-, a unha persoa soa suporíalle alugar un piso en Lalín o 48% dos seus ingresos .

As cifras oficiais empeoran cada ano, por iso é “urxente” que o goberno municipal tome medidas que alivien a tensión do mercado da vivenda en Lalín e aumenten a oferta de vivenda no mercado “xa”, destacou Fernández Sanmartín. Os últimos datos de poboación do IGE colocan a Lalín en 20.107 habitantes, unha posición perigosa para perder a categoría de concello de máis de 20.000, “sen vivenda seguiremos perdendo poboación categoría e recursos”, advirte a responsable local nacionalista.

 

“Non podemos agardar por outros, hai que actuar xa”

Cos datos “alarmantes” do acceso á vivenda no noso concello, advirte Fernández Sanmartín que “a resposta dun goberno responsable non pode ser agardar a ver que fan outros, hai que actuar xa”. Sinala Fernández Sanmartín que no Rexistro de Demandantes de Vivenda Protexida da Xunta, no que é evidente que só aparece unha parte mínima de demandantes de vivenda, ascenden a 85 as persoas de Lalín inscritas, “e subindo, porque aumentou en 13 persoas só no último ano”.

A Xunta anunciou no seu último plan 6.000 novas vivendas até 2030. Só no rexistro de demandantes de vivenda protexida da Xunta hai inscritas 30.000 persoas. As novas vivendas anunciadas polo PP non cobren nin o 20% da demanda actual. Explica Fernández Sanmartín que no caso de Lalín as vivendas anunciadas pola Xunta só cubrirían o 22% da actual demanda de vivenda protexida no concello. Iso sen ter en conta que xa que non hai nova vivenda o número de inscritos como demandantes seguirá medrando até 2030, e si o fai na mesma proporción no 2030 os lalinenses demandantes de vivenda protexida superarán os 150, co que a taxa de cobertura da demanda baixará en Lalín ao 12,6%.

O BNG reclama políticas municipais contra o “grave” problema da vivenda en Lalín