MARI FERNÁNDEZ DENUNCIA QUE A DE SVB DE 12 HORAS “É INSUFICIENTE”

A falta de ambulancia medicalizada “pon en perigo cada día” a vida da veciñanza

A falta de ambulancia medicalizada “pon en perigo cada día” a vida da veciñanza


 

 O BNG de Lalín vén de recibir nas últimas semanas novas queixas de veciñas e veciños que soportaron “tempos de agarda de até 50 minutos” por unha ambulancia para atender urxencias graves de patoloxías cardíacas e respiratorias. Fai anos que o BNG demanda para Lalín unha ambulancia medicalizada que preste un servizo sanitario público e de calidade ás veciñas e veciños de Lalín, fronte a esta demanda social a única resposta do Sergas foi unha ambulancia de Soporte Vital Básico cunha quenda de 12 horas, que neste tempo ten demostrado que é “insuficiente”. A voceira municipal, Mari Fernández Sanmartín, critica que “a Xunta de Galicia co beneplácito do goberno do PP de Lalín está a poñer en risco cada día a vida e a saúde das e dos lalinenses”.

Advirte Mari Fernández “o descontento e a angustia” con que a veciñanza de Lalín segue a trasladar ao BNG “os seus casos e experiencias con este servizo, os tempos de agarda insoportables e o medo que xera nos familiares dos pacientes cando teñen unha emerxencia e teñen que chamar á ambulancia”. Sinala Sanmartín que “lamentablemente en Lalín xa temos experiencia de ver morrer a veciños nosos polo deficiente servizo de ambulancias” e critica que “diante das denuncias no BNG no Concello e mesmo no Parlamento de Galicia a única resposta da Xunta foi unha nova ambulancia sen medicalizar e a media xornada”.

Desde o BNG de Lalín “non imos parar até que a nosa veciñanza teña un servizo de ambulancias axeitado”, por iso Mari Fernández segue a exixir unha ambulancia medicalizada que “garanta un servizo básico do que carece a nosa veciñanza actualmente”. Lembra Fernández Sanmartín que estas denuncias da veciñanza responden a unha realidade que xa reflexou nun informe o Consello de Contas. Nese informe, o organismo recoñece que 198 concellos galegos -entre os que está Lalín- non contan coa cobertura axeitada de servizo de transporte sanitario urxente, asegurando mesmo que en 144 concellos -Lalín e o Deza incluídos- teñen un tempo de resposta para emerxencias sanitarias de até 40 minutos e 37 segundos superior ao tempo medio de resposta en todo o país.

 

Unha ruleta rusa

 

Coa cobertura actual do servizo de ambulancias en Lalín, advirte o BNG que “a Xunta do PP xoga á ruleta rusa coa vida e a saúde das veciñas e veciños”. Critica Fernández Sanmartín que o PP en Santiago e en Lalín “venderan como un gran logro unha ambulancia de Soporte Vital Básico durante 12 horas ao día, seica as e os lalinenses temos que ter coidado en que horario temos unha emerxencia sanitaria”. Fernández Sanmartín afirma que “a realidade é teimuda, e as veciñas e veciños están a sufrir no día a día a insuficiencia deste servizo”.

Por iso, sinala a voceira municipal nacionalista que “non imos calar, non imos deixar de demandar en todas as instancias unha ambulancia medicalizada que saque ao noso concello desa lista negra de lugares do país onde a Xunta de PP xoga coa vida e a saúde da xente”. Destaca Mari Fernández que “seguimos cos recortes e as deficiencias na sanidade pública, e acabará acontecendo unha desgracia, e despois non vale botar as mans á cabeza”.

 

A falta de ambulancia medicalizada “pon en perigo cada día” a vida da veciñanza