“NEFASTA XESTIÓN DUN GOBERNO QUE NOS FRITE A IMPOSTOS E TEN QUE PEDIR CRÉDITOS”

O BNG de Lalín califica de escándalo os case 600.000€ recadados de máis en taxas e impostos

Concello de Lalín
Concello de Lalín
O BNG de Lalín califica de escándalo os case 600.000€ recadados de máis en taxas e impostos

O BNG de Lalín califica de escándalo a recadación de impostos e taxas municipais no último exercicio por parte do Concello. Cos aumentos impositivos á veciñanza e a recuperación de novas taxas municipais, destaca o BNG local que “o goberno de Crespo ven de bater un récord de recadación dos petos das veciñas e veciños con case 600.000 euros máis”. A voceira municipal, Mari Fernández Sanmartín critica que “cunha recadación no pasado exercicio de máis de 8,9 millóns de euros en taxas e impostos municipais, o Concello de Lalín vai ter que explicar á veciñanza por que nos acaba de meter nun Plan Económico e Financeiro por rachar coa regra de gasto e nun novo crédito de máis de 4,2 millóns de euros que imos a pagar tamén as veciñas e veciños dos nosos petos”.

“Hai que ter moita cara para falar de boa saúde financeira do concello de Lalín como fixo o goberno no último pleno, sabendo que nun ano aumentaron a recadación municipal en case 600.000 euros a base de fritir a taxas e impostos á veciñanza e nin sequera así chegan os cartos para pagar o despilfarro e a nefasta xestión económica do goberno do PP”, sinala Fernández Sanmartín. O BNG de Lalín xa deixou claro no pasado pleno municipal que “non imos apoiar este despropósito” e Fernández Sanmartín reclama con urxencia “que o goberno local dea a cara e explique euro a euro onde van a parar os cartos das veciñas e veciños, porque todos sabemos que a melloras nos servizos non é”.

O BNG de Lalín xa votou en contra dun incremento de taxas e impostos municipais, e mesmo a recuperación de tributos como as plusvalías ou icio que o goberno local do PP levou a cabo no 2024. Mari Fernández afirma que “o obxectivo que tiña o goberno do PP con este atraco á veciñanza ven de confirmarse traducido nun aumento xeral do 7% na recadación” no último exercicio. Critica o BNG que foi precisamente o “recuperado polo PP” imposto de plusvalías, xunto co do lixo, o que representou “dous terzos deste incremento da recadación”.

Para o BNG de Lalín, as cifras oficiais confirman “un plan perfectamente orquestado polo goberno do PP para saquear á veciñanza”. Sinala Fernández Sanmartín que “o problema foi que nin aumentando en case 600.000 euros a recadación chegaron os cartos para pagar os despilfarros e a nefasta xestión económica do PP no concello de Lalín”. A voceira municipal do BNG advirte ao goberno de Crespo que “as cifras da recadación poñen negro sobre branco que temos un goberno local que saquea á veciñanza para pagar paparotas, obras faraónicas e mercadeo inmolbiliario”. Mentres tanto, critica Fernández Sanmartín que “as veciñas e veciños sufrimos a maior carga impositiva municipal da historia de Lalín sin ver a cambio mellora algunha nos servizos públicos municipais”.

 

Aos malos xestores nunca lle chegan os cartos

Para o BNG de Lalín, a situación económica e financeira actual do concello é “a evidencia de que aos malos xestores nunca hai cartos que lle cheguen”. Critica Fernández Sanmartín que “mesmo atracando con taxas e impostos á veciñanza, recadando case 600.000 euros máis, vimos de comprobar como o goberno do PP non ten suficiente e segue a endebedar á veciñanza, que non só paga por habitante 550 euros pola débeda que xa temos, senón que a maiores viu medrar os recibos municipais e vai soportar un novo préstamo de 4,2 millóns de euros”.

Fernández Sanmartín advírtelle ao goberno local do PP que “non imos permitir que sigan arrastrando a Lalín ao desastre económico”. Sinala a voceira municipal que o BNG “leva meses advertindo que os indicadores económicos do noso concello son preocupantes”, algo que tamén quedou en evidencia no pasado pleno. “O goberno do PP rachou coa regra de gasto, aumentou un 20% o nivel de endebedamento e corremos o risco de ser intervidos polo Ministerio de Facenda”, lembra Mari Fernández, diante do que os nacionalistas lalinenses demandan ao goberno do PP “responsabilidade e un pouco de vergoña, e que dean explicacións á veciñanza do desgoberno económico e financeiro ao que están a someter a Lalín”.

O BNG de Lalín califica de escándalo os case 600.000€ recadados de máis en taxas e impostos