"PRETENDEN DESMENTIR A VECIÑAS E VECIÑOS QUE AGARDAMOS ATÉ 50 MINUTOS POR UNHA AMBULANCIA”

O BNG de Lalín convida á Xunta a “deixar de enganar á veciñanza” coas urxencias sanitarias

O BNG de Lalín convida á Xunta a “deixar de enganar á veciñanza” coas urxencias sanitarias

O BNG de Lalín considera “unha tomadura de pelo á veciñanza que o 061 saia publicamente a desmentir as malas experiencias e os casos recentes vividos por veciños e veciñas co servizo de ambulancias”. A concelleira e voceira municipal do BNG, Mari Fernández, asegura que “resulta incríble que os responsables do 061 pretendan poñer unha venda nos ollos á veciñanza mentindo descaradamente sobre a cobertura dun servizo de emerxencias sanitarias que os veciños comproban cada día que non é o axeitado”. Fernández Sanmartín lembra que o BNG “non nega q haxa ambulancia”, faltaría máis, xa que levamos moitos anos denunciando esta situación, o que denunciamos é q a Xunta diante das nosas mobilizacións só puxo a maiores a de 12 horas, medida esta que polos tempos de resposta superiores a 50 minutos, evidencia que è insuficiente”.

Diante das informacións atribuídas ao 061 aparecidas en medios en resposta á denuncia do BNG de Lalín, o BNG quere deixar claro que “non imos consentir que as denuncias das veciñas e veciños de Lalín por un servizo deficitario se despachen en Santiago por parte do 061 con mentiras”. O BNG de Lalín leva anos reclamando unha ambulancia medicalizada para o Concello, e convida ao 061 a explicarlle á cidadanía “a diferencia entre unha ambulancia medicalizada e unha de soporte vital, que no caso de Lalín ten unha quenda de 12 horas e conta con servizo de enfermaría, non é unha ambulancia medicalizada, é un parche”.

Mari Fernández critica “o cinismo e a chulería” dunha administración que “sabe perfectamente que na Comarca do Deza, dependendo de onde vivas e as horas ás que teñas unha emerxencia sanitaria, o actual servizo está a poñer en risco as nosas vidas e a nosa saúde cada día”. O BNG de Lalín ten recollido as denuncias das veciñas e veciños que “están a sufrir esta desatención nas rúas cada día”. Destaca Mari Fernández que “no BNG de Lalín sabemos perfectamente os recursos de emerxencias sanitarias que temos, e por iso sabemos que son insuficientes e reclamamos para a veciñanza garantías de atención das emerxencias sanitarias que non temos”.

A voceira municipal do BNG, explica que ademais de recibir case a diario queixas da veciñanza “moitos podemos falar en primeira persoa de como, vivindo no centro de Lalín, agardamos máis de 50 minutos por unha ambulancia pola evidente falta de medios que un 061 insensible nega nos medios de comunicación”. Mari Fernández convida aos responsables deste servizo, da Consellería de Sanidade, o Sergas e a Xunta de Galicia “a vir a Lalín, a vir ao Deza e probar a ver como funciona o servizo que din que teñen deseñado perfectamente desde os seus despachos en Santiago”.

“Deixen de poñer escusas de mal pagador, hai informes de organismos oficiais que lles din que non prestan un servizo axeitado”, critica o BNG de Lalín, asegurando que “nós imos a seguir reclamando a ambulancia medicalizada e o servizo de emerxencias sanitarias que lle corresponde a este concello e á comarca do Deza como cidadáns que somos, usuarios da sanidade pública que pagamos os nosos impostos e non estamos dispostos a seguir aturando unha atención sanitaria pública de segunda”.

O BNG de Lalín considera “cínico e inhumano” que unha administración responsable de garantir á cidadanía de todo o país unha axeitada cobertura sanitaria pública, diante das queixas dos e das lalinenses polo servizo de urxencias sanitarias “no canto de dar respostas efectivas á cidadanía saia a desmentir aos usuarios poñendo sobre a mesa os recursos existentes que a propia veciñanza está a denunciar que son deficientes”. Diante desta situación, o BNG de Lalín advírtelle ao Sergas, o 061 e a Consellería de Sanidade que “non nos van a calar, imos seguir denunciando a falta dunha atención sanitaria pública de calidade en Lalín”.

 

O BNG de Lalín convida á Xunta a “deixar de enganar á veciñanza” coas urxencias sanitarias