MANUEL CARBÓN, CUALIFICA AS CONTAS DO PP DE "DECEPCIONANTES"
O BNG de Lalín presenta emendas por máis de 6 millóns de euros para corrixir o "abandono" da Xunta
O Bloque Nacionalista Galego de Lalín vén de rexistrar unha batería de emendas aos orzamentos da Xunta de Galicia co obxectivo de reverter o que consideran un "novo exercicio de propaganda" que deixa de lado as necesidades estruturais da veciñanza. Manuel Carbón, responsable de organización do BNG local, explicou que a formación nacionalista non pode aceptar unhas contas que "ignoran o rural, precarizan a sanidade e esquecen aos nosos maiores".
O BNG reclama partidas concretas que superan os 6 millóns de euros para actuacións urxentes que o goberno de Alfonso Rueda deixou fóra do documento inicial.
Sanidade pública: dotar de contido ao CIS e unha ambulancia medicalizada
Para os nacionalistas, a sanidade segue a ser a "gran esquecida" malia a inauguración do CIS. Carbón denuncia que o edificio é un "continente sen contido" se non se dota de persoal. Por iso, o BNG introduciu unha emenda de 250.000 euros para a dotación de medios de pediatría e saúde mental no CIS de Lalín. "Non nos valen inauguracións se logo as familias non teñen pediatra ou a atención á saúde mental é precaria", sinalan desde a organización.
Así mesmo, o Bloque recupera unha demanda histórica da comarca ante as emerxencias sanitarias: a dotación dunha ambulancia medicalizada con base en Lalín. O BNG considera "temerario" que unha comarca como o Deza siga dependendo de recursos externos para as urxencias vitais, polo que esixen que se inclúa esta partida no fondo de 5 millóns destinado a novas ambulancias.
Un impulso real ao rural e ás infraestruturas
No ámbito do medio rural, o BNG considera "insuficiente" o ritmo da Xunta e propón unha inxección directa de 5.000.000 de euros para as concentracións parcelarias en Lalín. "O sector agrogandeiro necesita base territorial xa, non promesas eternas", apunta Carbón.
En canto ás infraestruturas de mobilidade, os nacionalistas poñen o foco no lamentable estado da estación de autobuses, para a que solicitan 800.000 euros destinados ao seu arranxo integral (1ª Fase), co fin de dignificar un servizo público esencial para a veciñanza.
Maiores e servizos públicos
Fronte ao modelo de privatización, o BNG aposta por un sistema público de coidados. As emendas presentadas inclúen a construción dunha residencia de maiores pública en Lalín (1ª fase) e a creación dun Centro de Día público, tamén na súa primeira fase. "Lalín non pode seguir sendo unha anomalía sen prazas públicas suficientes para os nosos maiores", denuncia Carbón.
Finalmente, as propostas complétanse con apoio á cultura e ao comercio local, solicitando axudas para o mantemento do conservatorio de Lalín e un plan de emprego e dinamización do comercio específico para as comarcas de Deza e Tabeirós.
"Estas emendas son a demostración de que hai outra forma de facer política, poñendo os recursos onde realmente fan falta: na xente e nos servizos públicos", concluíu Manuel Carbón.