Moción sobre Mercosur e o sector agrogandeiro

Moción sobre Mercosur e o sector agrogandeiro

Francisco Xavier Vilariño Taboada, voceiro do BNG no Concello de Lalín presenta a seguinte MOCIÓN DE APOIO ÁS REIVINDICACIÓN DO SECTOR AGROGANDEIRO GALEGO.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

O sector agrogandeiro representa o 10% das afiliacións á Seguridade Social no Concello de Lalín -segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE)- e case un 20% do Valor Engadido Bruto (VEB) da economía local, tamén segundo os últimos datos do IGE ao feche de 2025. .

Desde o BNG alertamos de que Lalín é -segundo o último censo agrario do Instituto Nacional de Estatística (INE)- o concello galego con máis vacas (máis de 27.500) en case 640 explotacións que están en perigo pola competencia desleal que implica un acordo comercial que fai competir aos nosos gandeiros en desigualdade de condicións cos países do Mercosur.

Ademais do sector bovino en Lalín ten máis de 200 explotacións de ovellas e cabras, outras 240 explotacións avícolas e 279 de porcino. Todos os nosos gandeiros e gandeiras cumpren cos exixentes requisitos medioambientais e de benestar animal da Unión Europea, e agora con este acordo como queren PSOE e PP terán que competir con producións de países que non teñen os mesmos requisitos.

Desde o BNG de Lalín consideramos indignante que o propio alcalde de Lalín e senador do PP, José Crespo, teña calado e apoiado este acordo comercial cos países do Mercosur (Brasil, Arxentina, Uruguai e Paraguai) coñecendo a competencia desleal e os datos que vai a supor para o sector agrogandeiro de Lalín e a Comarca do Deza.

Para o BNG de Lalín é un insulto aos gandeiros e gandeiras e un desprezo o feito de que o goberno local, estea calado e de perfil cando centos de gandeiros da contorna alertan de que este acordo podería supoñer o seu final

Desde o día 29 de decembro de 2025, o sector agrogandeiro galego está a mobilizarse na demanda de reivindicacións xustas e, sobre todo, a favor da pervivencia do noso medio rural. As súas xustas reivindicacións baséanse no seguinte:

• Rexeitamento do acordo UE-MERCOSUR.

• Oposición á proposta de Marco Financeiro Plurianual da UE e á reforma da PAC 2028- 2034.

• Reforma da Lei da Cadea Alimentar e garantía de prezos xustos.

• Simplificación e desburocratización dos servizos públicos e das tramitacións das axudas da PAC.

• Garantías sanitarias fronte a enfermidades gandeiras: EHE e, sobre todo, a DNC (Dermatose Nodular Contaxiosa).

O pasado 6 de decembro de 2024 asinábase o acordo entre o MERCOSUR e a Unión Europea. Tal e como xa tiña denunciado o BNG, este acordo está a causar unha fonda preocupación no sector agrogandeiro galego polas graves repercusións que vai ter a entrada de produtos agrarios procedentes de América do Sur, especialmente no sector avícola e no da carne de vacún.

O acordo permitirá a entrada dun enorme volume de produtos procedentes do outro lado do Atlántico para abastecer o noso mercado e, deste xeito, favorecerá o monocultivo e a especialización agraria de grandes extensións para o seu posterior traslado a miles de quilómetros. Trátase de prácticas completamente contrarias á descarbonización, á recuperación da biodiversidade natural, á soberanía alimentar e ao consumo de produtos de proximidade. Cómpre tamén destacar que os cultivos e a cría de gando se realizan en condicións moi diferentes, xa que se permiten prácticas —uso de praguicidas, antibióticos, pensos, etc.— que non cumpren os mesmos estándares que na Unión Europea e cuxos controis en orixe non son equivalentes. A isto hai que engadir que, en moitos casos, as condicións laborais da man de obra empregada non garanten salarios nin condicións dignas.

Segundo as cifras publicadas, este acordo suporá a entrada anual de 99.000 toneladas de carne de vacún, 180.000 toneladas de aves e 45.000 toneladas de mel procedentes do MERCOSUR, sen aranceis. En Galiza prodúcense anualmente 95.600 toneladas de carne de vacún, das cales 23.000 están amparadas pola indicación xeográfica protexida Ternera Gallega, así como 215.000 toneladas de aves e 2.700 toneladas de mel. Se comparamos estes datos coa produción galega, observamos que este acordo supón a entrada na UE dun volume de carne de vacún similar á produción anual de Galiza, e o que é mais grave, sen cumprir ningún dos requisitos esixíbeis á gandería galega. No caso do mel, supón case o dobre da produción total de todo o Estado español, que se sitúa nas 27.400 toneladas anuais.

No ano 2023 entrou en funcionamento a PAC para o novo período, coñecida como PEPAC 2023-2027. Neste ano 2025 xa se comeza a falar do novo período, en principio 2028-2034. A proposta inicial que se está a debater prevé un recorte de máis dun 22 % nos fondos destinados á Política Agraria Común para destinalos á industria da guerra. Parece que a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, prefire as armas aos alimentos, os tanques ás labregas e aos labregos. Se xa a PAC nos últimos anos foi negativa para Galiza, é doado imaxinar o que significará un recorte brutal deste calibre.

Esta redución do orzamento comunitario para o sector agrario suporía unha baixa de máis de 84.000 millóns de euros, o que sen dúbida traería consigo graves consecuencias para o agro, afectando de xeito moi significativo a Galiza. Para o BNG esta proposta é totalmente inaceptábel, polo que demandamos a súa retirada e que se teña en conta como punto de partida a resolución aprobada no Parlamento Europeo a favor dun incremento dos fondos destinados á PAC. Desde o BNG demandamos que este incremento leve consigo unha distribución que teña en conta fundamentalmente as pequenas explotacións familiares, a permanencia no territorio, a loita contra o despoboamento, a remuda xeracional e, por suposto, unha mellora e ampliación dos servizos públicos e un desenvolvemento rural produtivo e respectuoso co medio ambiente.

A recente chegada ao Estado español da Dermatose Nodular Contaxiosa (DNC) sitúa o noso país nunha situación de alto risco para a gandería, tanto de leite como de carne, que vén de enfrontarse nos últimos anos a enfermidades emerxentes que provocaron importantes perdas nas explotacións, como a lingua azul ou a EHE. Coa detección dun gromo en Cataluña, e á vista da evolución da enfermidade nos últimos meses, comprobase que toda a prevención é pouca para unha patoloxía vírica cunha grande capacidade de contaxio, tanto entre animais enfermos e sans como a través de vectores como moscas, tabáns ou carrachas. Trátase dunha enfermidade cunha mortalidade que normalmente non supera o 10 %, mais cunha morbilidade que pode acadar o 45 %.

Tendo en conta que se trata dunha enfermidade de categoría A segundo a UE, cuxas medidas se encamiñan cara á súa erradicación, débese priorizar a prevención e a detección precoz, elementos críticos para reducir o impacto no caso dunha eventual entrada da DNC en Galiza. Non é de menor importancia lembrar as medidas de control nas explotacións afectadas, que inclúen a inmobilización e o baleiro sanitario, a eliminación dos animais sacrificados e dos produtos susceptíbeis de transmitir o virus, coas importantes perdas económicas que isto suporía para a gandería galega. Cómpre lembrar que o sector gandeiro move anualmente millóns de euros no noso país, cunha facturación arredor dos 3.000 millóns de euros tanto no gando de leite como no de carne.

É, polo tanto, vital que tanto o Goberno galego como o Goberno do Estado actúen con determinación, dado que existe unha ameaza real de chegada da enfermidade, adoptando con urxencia medidas para evitar o contaxio da Dermatose Nodular Contaxiosa e para paliar os seus posíbeis efectos no caso de que se produza.

Por outra banda, a Lei da Cadea Alimentar, lonxe de servir para regular os prezos a través dun sistema de contratación e dun proceso de negociación colectiva, está a demostrarse insuficiente, xa que permite que a agroindustria impoña os seus prezos e condicións. Galiza debe contar cun modelo propio de fixación de prezos e garantías de cobro. Este modelo xa existiu no período 2006-2009 a través dos contratos homologados. Esta fórmula —ou outra equivalente— debe ser incorporada á citada lei, establecendo un Marco Galego de Negociación de Prezos, xa que o modelo produtivo do noso país nada ten que ver co doutras zonas do Estado.

As distintas normativas publicadas desde 2022 veñen engadir novas obrigas burocráticas ás que deben facer fronte as persoas titulares das explotacións agropecuarias, que, xunto coa lexislación que desenvolve a aplicación da PAC no Estado español para o período 2023-2027, fan a vida máis difícil a quen ten a actividade agropecuaria como principal medio de vida. Máis obrigas e máis custos. A simplificación administrativa debe ser un obxectivo prioritario para facilitar a xestión das explotacións agrogandeiras, sen renunciar á seguridade alimentaria.

As persoas que se están a mobilizar na defensa do sector agrario non precisan “mans polo lombo”, nin “falsas promesas”, nin “solidariedade institucional”. Precisan accións políticas decididas. É hora dun cambio nas políticas agrarias e da posta en marcha de medidas para reverter a actual tendencia de desmantelamento dos sectores produtivos galegos, especialmente na provincia de Ourense.

Por todo o exposto, o grupo municipal do BNG do concello de Lalín presenta para a súa aprobación polo pleno da corporación esta moción, propoñendo a adopcións dos seguinte

ACORDO:

1. Instar á Xunta de Galiza e ao Goberno do Estado español a:

        a) Oporse ao acordo MERCOSUR-UE polas graves repercusións que terá no sector agrogandeiro galego e transmitir esta posición ao Congreso dos Deputados, ao Parlamento Europeo e á Comisión Europea.

        b) Rexeitar de forma clara e rotunda a proposta da presidenta da Comisión Europea de recortar máis dun 22% os fondos destinados á Política Agraria Común para o período 2028-2034.

        c) Esixir para o novo período da PAC 2028-2034 unha mellora do financiamento destinado a Galiza.

        d) Establecer por parte da Xunta de Galiza, de xeito inminente, a vacinación gratuíta contra a Dermatose Nodular Contaxiosa, a realizar por persoal propio da Consellaría antes da chegada da enfermidade ao noso país, como medida preventiva fundamental.

        e) Estabelecer medidas adicionais por parte da Consellaría do Medio Rural para previr a entrada en Galiza da DNC.

        f) Exixir da Xunta de Galiza que as indemnizacións por animal nos casos de baleiro sanitario (DNC) estean actualizadas segundo o prezo real de mercado do gando.

        g) Modificar e simplificar as normativas de aplicación da PAC en Galiza, tendo en conta a nosa especificidade, evitando criterios diverxentes entre consellarías. No Comité de Seguimento do PEPAC establecerase unha mesa de traballo específica para combater a burocratización da tramitación das axudas, permitindo a simplificación dos procedementos administrativos e a unificación de criterios.

        h) Promover unha reforma da Lei da Cadea Alimentar con indexación e referencias a marxes comerciais non abusivas, mellorando o coñecemento dos custos de produción mediante estudos específicos e a implantación dunha rede de explotacións que permita obter datos reais das distintas orientacións produtivas.

       

En Lalín a 21 de xaneiro de 2026.

 

 

ALCALDE PRESIDENTE E PLENO DO CONCELLO DE LALÍN

Moción sobre Mercosur e o sector agrogandeiro