BNG de Lalín
Novas
Concello de Lalín

Francisco Xavier Vilariño Taboada e Ariadna Fernández González presentan unha MOCIÓN relativa Á CREACIÓN DUNHA COMISIÓN DE INVESTIGACIÓN DO PADRÓN MUNICIPAL

A crise demográfica que afecta ao noso país deixa situacións alarmantes ano tras ano, con datos que nos concellos máis rurais ou de menos habitantes se agravan. Con todo, as cifras do INE deste ano pasado, a 1 de xaneiro de 2023, amosan que na capital dezá se manteñen os máis de 20.000 habitantes, superando esa cifra en 282, cun aumento de 81 persoas con respecto ao ano anterior, en 2022.

Malia que o aumento de habitantes do noso concello sexa, dende todas as perspectivas, unha boa nova, entre outras cousas para poder manter a categoría dependente do número de empadroados que ata o de agora imos salvando a pesares das escasas políticas adicadas a este eido do Partido Popular dende o goberno, a realidade non semella ser tan alentadora. Xa a principios deste ano, en xaneiro de 2024, a prensa informaba de que, a través dun decreto da Alcaldía do 27 de decembro, se deron de baixa 108 persoas estranxeiras en Lalín, declarando a caducidade no seu rexistro no censo para estas persoas non comunitarias e que non dispoñían de autorización de residencia permanente. Unha situación moi sorprendente e que xa é unha clara mostra dunha mala praxe que a ninguén se lle escapa o que pode exitir detrás da mesma.

Porén, aínda que o problema non é novo, a realidade das últimas semanas deixa ver que nos enfrontamos a unha situación de máxima importancia e que preocupa de maneira grave aos veciños e veciñas de Lalín, que advirten a través da oposición e mesmo achegándose ao consistorio, de que nas súas vivendas, tanto en baleiras como en habitadas, hai xente empadroada da que descoñecen a súa identidade e que, por suposto, nunca residiu alí.

A opacidade do goberno municipal é tal, que o noso voceiro municipal preguntou no último pleno por este tema, e denunciou a negativa de deixarlle incluso ao propietario dun inmoble poder ter acceso ao expediente de alta de varias persoas que constaban na súa vivenda sen ter coñecemento das mesmas amparándose na lei de protección de datos, argumento este a todas luces falso xa que nunca se podería facer unha alta nunha vivenda sen o consentimento expreso do propietario da mesma e polo tanto sempre tería dereito a poder consultalo. Feitos como estes que están xerando unha grande desconfianza por parte da cidadanía, que require de atención e de que se aclaren estas anomalías, que poden incluso favorecer, se está baixo unha situación de descontrol, a presenza de mafias no noso concello.

Estes empadroamentos irregulares son unha anomalía da que moitos veciños do concello non eran conscientes ata hai pouco e algúns deles decatáronse a raíz das novas da prensa que xurdiron a carón desta problemática. A xeración de alarma sobre este asunto, co malestar, a preocupación e as dúbidas, pon nunha situación de alerta á que o partido do goberno e o resto dos integrantes da corporación deben facerlle fronte da maneira máis rigorosa posible, garantindo que se cumpra a lei en todos os casos e facilitándolle á poboación a información requirida en cada caso particular, solventando esta situación o antes posible, recollendo tamén datos que os lalinenses, tanto orixinarios coma inmigrantes poidan aportar datos de interese que colaboren na resolución desta situación, traballando entre todos polo ben común dos nosos habitantes.

Estamos falando incluso dun posible delito penal ao tratrase de falsificacación de documentos, un feito que un goberno cun mínimo de reponsabilidade tería que estar moi preocupado e facer todo o necesario para poñer fin e non mirar para outro lado como está facendo. Clara mostra desta afirmación é a posición pública do PP onde nega que se esté producindo tal situación, cunha argumentación totalmente demagóxica e falsa, chegando a acusarnos de querer “crear unha alarma social” cando a realidade é que na rúa a día de hoxe estamos seguros que é unha das preocupacións máis importantes que teñen os nosos veciños e veciñas. Mais unha vez o PP intenta enganar á cidadanía ou non se entera do que está pasando na nosa vila, situación esta última que non somos tan inxenuos para crer.

Desde o BNG non imos consentir que a resposta do goberno a este importante problema sexa mentir e descalificarnos, e tomámoslle a palabra ao señor Avelino Souto cando di que “nos dirixamos por canles oficiais”, precisamente que canle máis oficial existe que unha moción que se debate e vota nun pleno municipal?.

Por iso, desde o BNG, cremos que a solución pasa por crear unha Comisión de Investigación sobre os datos do empadroamento integrada por todos os partidos políticos que conforman a Corporación municipal, asegurando a capacidade de todos os constituíntes de dita Comisión de Investigación de requirir os datos pertinentes referentes ao padrón municipal para estudalos e darlle solución a un problema de grande calado social que afecta actualmente ao noso concello, sempre garantindo a protección de datos como a lei indica. Ao mesmo tempo entedemos que sería fundamental como dinámica da propia Comisión abrir un prazo público para que todo aquel veciño ou asociación que o desexe poida aportar datos ou documentación relacionada co fin da mesma.

 

Ler novas
Novas
imaxe centro de dia

O PP VOLVE NEGARLLE A LALÍN UN CENTRO DE DÍA PÚBLICO.

A solicitude de información a través dunha iniciativa parlamentar presentada pola concelleira e deputada do BNG lalinense Ariadna Fernández á Consellería de Política Social sobre a construción dun centro de día público en Lalín, promesa que se fixera xa no ano 2010, obtivo como resposta que das 70 prazas de centros de día que se ofrecen no concello, 40 delas son financiadas pola Xunta de Galiza, dato algo que non cubre en absoluto ás necesidades que temos os e as lalinenses, e que o único que amosa é o modelo do PP de facer negocio cos nosos maiores. Non se fala, nesa resposta por parte da Consellería da que e responsable Fabiola García, da construción do centro de día que se leva anos solicitando por parte dos nacionalistas a través de distintas iniciativas e das emendas aos orzamenos autonómicos e que levan os mesmos anos rexeitándose.

O centro de día polo que o BNG leva loitando todos estes anos sería susceptible de ser usado por o 25 % da poboación lalinense, unha cifra que non é menor se pensamos en todas aquelas familias que carecen de conciliación ou que precisan de axuda para o coidado e atención dos seus seres queridos cando non son capaces eles sós.

A maiores, a nacionalista cita ao servizo de axuda no fogar, máis coñecido como SAF que, en Lalín, xa ten dado lugar a problemas graves tanto para as traballadoras, a maioría delas mulleres en condicións de traballo precarias, coma para os usuarios, que sofren listas de agarda de meses para ser valorados e logo para que lles sexa asignada unha coidadora. Tanto é así, que nestas últimas semanas, dende o Bloque Nacionalista de Lalín recibíronse queixas de familiares de persoas que faleceron agardando a ser valorados para o uso dun servizo moi sensible por o colectivo que é suceptible de precisalo.

Dende o BNG consideran inadmisible este agravio con Lalín e reclaman o que é de xustiza para un concello de 20000 habitantes, o único da súa categoría que non ten centro de día público, algo que non fai máis que agravar a situación que vive a xente que precisa dese servizo e as súas familias, sen que dende o goberno do Concello de Lalín se movan fichas para que esta situación de desleixo por parte da Xunta de Galiza se revirta.

Ler novas
Novas
paco e ari

O BNG LALINENSE SOLICITA A CONVOCATORIA URXENTE DUNHA XUNTA DE VOCEIROS PARA ANALIZAR O PROBLEMA DE SEGURIDADE CIDADÁ DE LALÍN

O pasado 4 de xullo o BNG de Lalín solicitaba ao Goberno municipal a convocatoria urxente da Xunta de Seguridade Cidadá para tratar, desde os distintos ámbitos de actuación, os problemas de seguridade que sufrimos en Lalín sen opter a día de hoxe ningunha contestación ao respecto.

Desde o BNG amosamos a nosa máis profunda preocupación, ao igual que moitos e moitas veciños e veciñas de Lalín, pola crecente situación de inseguridade que se fai evidente no noso concello desde hai moitos meses e que evidentemente nos afecta ao conxunto da cidadanía.

Nos últimos meses detectouse un incremento no número de roubos, tanto na vila coma nas aldeas segundo os propios afectados denuncian, aparecen constantemente censadas persoas en domicilios onde non están realmente vivindo para sorpresa dos propietarios, aínda que se deduce que son moitos os casos no que non todos son conscientes diso (feito especialmente grave polo fondo que conleva), as pelexas nocturnas e incluso polo día aumentaron en número de xeito alarmante, destrozo de mobiliario público, etc.Para a nosa organización todos estos feitos evidentemente crean un ambiente negativo e de preocupación entre os habitantes da vila. Hai incluso zonas do casco urbano onde moitas veciñanza evitan pasear coa súa familia ou simplemente pasar, algo que se agrava no caso das mulleres, situación que se extende durante as horas diurnas e as nocturnas, por sentiren inseguridade ao camiñar pola rúa da súa vila.

Desde o BNG mostramos o noso máis firme compromiso para facer todo o posible para que a veciñanza non se sinta desprotexida, solicitándolle ao goberno que lonxe de mirar cara outro lado, sexa suxeito activo na solución e coordinación desta insostible situación, que londe de menguar o que fai é aumentar co paso do tempo.

Acreditamos que a solución pasa pola firme e ineludible aposta de sumar  como conxunto da nosa sociedade, mais entendemos que por pura responsabilidade temos que ser os partidos políticos os que tomemos a iniciativa e nos sentemos co fin de consensuar e buscar solucións reais e efectivas ao estado lamentable no que se atopa Lalín en canto a merma da seguridade cidadá que sufrimos.  O obxectivo que buscamos non é outro, de que de dita xuntanza se deriven medidas urxentes e eficaces que devolvan a seguridade a poboación e garantan que todas e todos os lalinenses se sintan protexidos e protexidas e sen perigo vivindo tanto na vila coma nas parroquias do concello, levando a cabo as súas actividades rutineiras sen sentirse ameazados por situacións de inseguridade derivadas dunha falla de compromiso por parte do goberno do concello de Lalín, que semella deixar pasar este tipo de comportamentos sen tomar medidas precisas para retomar a seguridade cidadá para a veciñanza.

Claro exemplo ao noso entender é que desde o 7 de setembro do pasado ano non se volveu celebrar dita Xunta de Seguridade Cidadá e que a posta de medidas para poñer freo ao exposto anteriormente brilan pola súa ausencia.

Polo exposto anteriormente, desde o Bloque Nacionalista galego de Lalín

Ler novas
Novas

O BNG SOLICITA A CONVOCATORIA URXENTE DA XUNTA DE SEGURIDADE CIDADÁ PARA TRATAR OS PROBLEMAS DE SEGURIDADE EN LALÍN.

Imagen de WhatsApp 2024-07-05 a las 13.33.38_fba68cad

Dende o grupo nacionalista alertan de que recibiron numerosísimas chamadas da veciñanza preocupada pola situación de inseguridade que se fai evidente en Lalín nos últimos meses, solicitando solucións para este problema, que afecta a toda a sociedade e que pon en perigo a todos e todas.

 

Nos últimos meses detectouse un incremento no número de roubos, tanto na vila coma nas aldeas segundo os propios afectados denuncian, aparecen constantemente censadas persoas en domicilios onde non están realmente vivindo para sorpresa dos propietarios, aínda que se deduce que non todos son conscientes diso (feito especialmente grave polo fondo que conleva), as pelexas nocturnas aumentaron en número de xeito alarmante, destrozo de mobiliario público, etc.Para os nacionalistas todos estos feitos que crean un ambiente negativo e de preocupación entre os habitantes da vila. Hai incluso zonas do casco urbano onde moitas veciñanza evita pasear coa súa familia ou simplemente pasar, algo que se agrava no caso das mulleres, situación que se extende durante as horas diurnas e as nocturnas, por sentiren inseguridade ao camiñar pola rúa da súa vila.

 

Desde o BNG mostran o seu máis firme compromiso para facer todo o posible para que a veciñanza non se sinta desprotexida, solicitándolle ao goberno a convocatoria urxente da Xunta de Seguridade Cidadá para consensuar e buscar solucións reais e efectivas ao estado lamentable no que se atopa Lalín en canto a merma da seguridade cidadá que sufrimos. Tratarán, dende o BNG, de que de dita xuntanza se deriven medidas urxentes e eficaces que devolvan a seguridade a poboación e garantan que todas e todos os lalinenses se sintan protexidos e sen perigo vivindo tanto na vila coma nas parroquias do concello, levando a cabo as súas actividades rutineiras sen sentirse ameazados por situacións de inseguridade derivadas dunha falla de compromiso por parte do goberno do concello de Lalín, que semella deixar pasar este tipo de comportamentos sen tomar medidas precisas para retomar a seguridade cidadá para a veciñanza. Claro exemplo en palabras dos nacionalistas é que desde o 7 de setembro do pasado ano non se volveu celebrar dita Xunta e que as medidas que se aplican , como a recentemente aprobada no pasado pleno de cobrar polo uso destas instalacións é evidenteente errada xa que non radica aí a solució ao problema real.

 

Os nacionalistas recalcan que Lalín ten que volver a ser un Concello seguro e tranquilo e insisten en desterrar dunha vez por todas prácticas socialmente intolerables que de non atallalas dunha vez por todas van traer consecuencias moi perxudiciais para o conxunto da poboación.

Ler novas
Novas
undefined

O ambulatorio de Lalín volve levar de novo dende a semana pasada sen servizo de radioloxía.

O BNG de Lalín denuncia un novo “despropósito” da Xunta de Galiza e o Sergas coa veciñanza. Segundo queixas recibidas pola veciñanza, o voceiro nacionalista, Paco Vilariño, vén de coñecer que dende o pasado xoves o servizo de radioloxía do ambulatorio de Lalín está sen funcionar de novo pola avaría da máquina coa que se realizan as placas e radiografías neste centro sanitario. Diante deste novo problema sanitario na zona, nin o Concello nin o Sergas foron quen de poner solución alguna sobre a mesa, o que está a obrigar aos pacientes que precisan deste servizo a acudir á sanidade privada, agardar e adiar as súas citas até que volte a funcionar o servizo ou acudir por Urxencias ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

Non podemos esquecer que hai exactamente un mes o BNG denunciaba a mesma situación, realidade que se amañou o día que saíu publicamente a nosa denuncia, mais agora, pasado menos dun mes volve a estar inoperativo de novo.

Vai alá case unha semana, critica Vilariño, “sen que o Concello reclame ao Sergas que amañe de inmediato este problema”, se sen que o Sergas dea unha resposta urxente a unha situación que “empeora máis se cabe os servizos sanitarios precarios que ten lalín”. Denuncia o BNG que o feito de que o ambulatorio leve outra vez case unha semana sen poder facer placas está a provocar ademáis que nos casos máis graves (coma urxencias e caídas) a única ambulancia de Lalín “non pode pedir in situ unha placa para saber si hai ou non rotura” polo que ten que trasladar a Santiago a todos estes pacientes “deixando a Lalín e ás zonas do seu servizo sen servizo de ambulancia” cada vez que esto acontece.

O BNG de Lalín denuncia ademáis que “o colmo do despropósito” é que os martes un traumatólogo se despraza a Lalín para avaliar radiografías e pasar consulta, “pero como leva case unha semana sin prestarse este servizo”, denuncia Vilariño, hoxe todos os pacientes pendentes dunha radiografía terán que voltar a pedir cita para estas probas e outra nova cita de consulta, “ou ben marchar directamente a Santiago, co perxuízo que eso supón en moitos casos para os usuarios dunha sanidade que en Lalín está chegando xa ao punto de ser inexistente”. Pacientes estes que son os que foron citados de novo pola falta de serizo de hai un mes e que se volven atopar coa desoladora realidade dunha administración que é un desastre en xestión.

Vilariño critica ademáis “o pasotismo e a deixadez” tanto do Concello de Lalín coma da Xunta da Galiza, que “xa non só non son quen de cubrir demandas e promesas electorais coma a ambulancia medicalizada,, o servizo de pediatría polas tardes ou mesmo abrir o CIS que vai camiño dos 4 anos de retraso”. Agora a maiores, segundo denuncia o BNG de Lalín, un servizo tan importante coma o de Radioloxía, que atende aos perto de 40.000 habitantes dos concellos de toda a Comarca do Deza “está a afectar gravemente”, xa que a demanda que tiña cando o servizo estaba operativo era tal que se prestaba de 9 da mañá a 9 da noite, cunha media superior a 50 paciente diarios.

Diante das denuncias por parte dos afectados, recollidas de novo polo BNG de Lalín, Vilariño insta ao alcalde “a exercer coma tal e tomar cartas no asunto dunha vez. Paco Vilariño considera “inadmisible” que a veciñanza fique indefensa como mínimo durante unha semana de novo sen un servizo sanitario básico “sen que alcalde e Sergas se inmuten”.


 

Ler novas