"É A TERCEIRA VEZ QUE TEMOS QUE TRAER ISTO A PLENO EN POUCO MÁIS DE UN ANO"
Moción do BNG de Lalín sobre saúde mental
Mari Carmen Fernández Sanmartín e Manuel Carbón Tallón concelleiros que conforman o Grupo Municipal do BNG de Lalín, presenta para o seu debate e aprobación a seguinte MOCIÓN
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
A saúde mental é actualmente fonte de preocupación entre boa parte da poboación, tamén das veciñas e veciños de Lalín. O BNG de Lalín leva moito tempo recollendo as queixas de veciñanza que precisa este servizo básico que non está a garantir a sanidade pública no noso concello. O BNG de Lalín ten denunciado publicamente esta situación en numerosas ocasións e mesmo temos traído a este pleno municipal até dous mocións nos últimos tempos para demandar da Xunta de Galicia a dotación de persoal e servizos axeitados de saúde mental no Centro Integral de Saúde (CIS). A última destas mocións recibiu o voto favorable tamén do grupo de goberno deste Concello, era agosto de 2025, case un ano despois a situación segue a ser dramática para as veciñas e veciños de Lalín que levan máis dun ano agardando, por exemplo, por unha cita en Psiquiatría.
A Xunta de Galicia, a través do Sergas, vai xa polo segundo Plan de Saúde Mental, anunciando a contratación de profesionais para a Atención Primaria en todo o país, pero a Lalín non chegou ningún deste plans e seguimos tendo no CIS os mesmos problemas de falta de profesionais e citas neste servizo básicos moi demandado polas veciñas e veciños. Non é de recibo que unha persoa cun intento de suicidio non reciba atención psicolóxica nin psiquiátrica en Lalín, e pase meses sen citas poñendo en perigo a súa vida e o axeitado tratamento para a súa enfermidade. Non é de recibo que unha veciña que ten un tratamento psiquiátrico leve máis dun ano sen cita para revisar a súa medicación. E todo isto está pasando en Lalín.
Moitos dos afectados presentaron xa reclamacións por escrito ao Sergas, e obtiveron por resposta do Xefe de Servizo de Psiquiatría do CHUS que -textual e por escrito- “os recursos son limitados e facemos o que podemos cos medios que temos”. Os profesionais do propio Servizo de Psiquiatría do CHUS explica por escrito aos afectados que “como a demanda é moi grande, as citas demóranse e non podemos atender a súa demanda de maior frecuencia das consultas, nin máis tempo, pola sobrecarga que sufrimos en tódalas Unidades de Saúde Mental”.
As veciñas e veciños afectados por esta situación falan dun servicio insuficiente e das consecuencias graves e mesmo fatais que esta falta de atención ten nas súas doenzas e os seus procesos de tratamento e curación. Moitos destes pacientes viron como se lle retiraron fai máis dun ano as consultas de Psiquiatría e só contan coas de Psicoloxía e o médico de cabeceira que non son quen de mudar as súas pautas de medicación e resultan insuficientes para tratar axeitadamente as súas doenzas.
Mentres iso acontece, a situación na rúa é que os que teñen recursos pagan na privada e os que non os teñen están desatendidos. O BNG leva tempo denunciando a asistencia en saúde mental de segunda categoría que a veciñanza de Lalín está a padecer e exixe que dunha vez por todas o PP no concello deixe de mirar cara outro lado e procure solucións e melloras reais para a veciñanza de Lalín nun tema fundamental como é a sanidade. Os recortes teñen estes efectos perversos, e o PP na Xunta leva máis de 15 anos aplicando as tesoiras á sanidade pública. A situación ten un responsable, que é o Goberno galego, e o Concello de Lalín ten que estar do lado das súas veciñas e veciños e reclamar onde corresponde unha sanidade pública de calidade e unha atención da saúde mental digna para todas e todos os usuarios do CIS.
Demandamos da Consellería de Sanidade que dote ao CIS de máis persoal na área de saúde mental, persoal fixo e estable que dependa do propio CIS e non do CHUS. Como mínimo, exiximos que o Sergas cubra as prazas actuais, que xa son as mínimas posibles, e que se cree unha praza máis en psiquiatría e outra en psicoloxía para que a veciñanza que precisa destes servizos sanitarios públicos non teña que verse obrigada a ir á privada quen ten recursos económicos, ou senón quedar totalmente desamparado debido á longa periodicidade das mesmas, ou como acontece nos últimos meses que xa nin exista.
Por todo o anteriormente exposto, o Grupo Municipal do BNG insta ao Pleno de Lalín á adopción do seguinte
ACORDO:
- Instar á Xunta de Galiza a dotar ao Centro Integral de Saúde de Lalín de dúas prazas máis , unha de psicoloxía e outra de psiquiatría, asignadas directamente ao propio CIS e non ao CHUS, detalle moi importante que aportaría estabilidade á prestación do servizo neste centro de saúde e á correcta atención da veciñanza.
- Solicitar unha reunión urxente co Conselleiro de Sanidade para trasladar estas demandas e esixir compromisos concretos con prazos de execución.
Lalín, 17 de xuño 2026
ALCALDE PRESIDENTE E PLENO DO CONCELLO DE LALÍN