É “UN INSULTO” QUE XUNTA E CONCELLO “SIGAN FACÉNDOSE FOTOS E ANUNCIANDO DATAS QUE NUNCA CUMPREN”

O BNG de Lalín lamenta as “promesas incumpridas” co edificio de servizos integrados

O BNG de Lalín lamenta as “promesas incumpridas” co edificio de servizos integrados

 

O BNG de Lalín considera “un insulto e unha nova tomadura de pelo á veciñanza” que a conselleira de Medio Rural e o alcalde de Lalín “volveran esta semana facer outra foto máis nas obras eternas do edificio de servizos integrados da Xunta de Galicia no noso concello”. A voceira municipal nacionalista, Mari Fernández Sanmartín, pediu a ambos responsables políticos “un pouco de vergoña” e pediu que “deixen de insultar á cidadanía co enésimo anuncio dunha data de apertura deste edificio que leva nas mans do PP na Xunta desde o ano 2011”.

O BNG de Lalín lembra que este proxecto foi obra dunha Consellería nacionalista no goberno bipartito da Xunta, que a entrada do PP no Goberno galego “converteu nunha odisea de idas e voltas e atrancos que nos levaron até hoxe e seguimos sen ver rematado o edificio”, sinalou Fernández Sanmartín. A voceira nacionalista considera “intolerable” que logo das idas e vidas dos gobernos do PP na Xunta con este proxecto “aínda teñan a cara dura de vir a dicirnos que os traballos están moi avanzados e que a ver si está listo para finais de ano”.

Critica Fernández Sanmartín esta política de “foto sobre foto e anuncio sobre anuncio” da Consellería do Medio Rural “coa participación e o aplauso do alcalde de Lalín”. As obras do edificio de servizos integrados da Xunta en Lalín, lembra o BNG, foron adxudicadas en setembro de 2023 cun prazo de execución de 21 meses. “Primeiro viñeron facer a foto e dicirnos que estaría no verán de 2025, despois xa era no segundo semestre, e un ano despois -estamos rematando o primeiro semestre de 2026- seguimos facendo fotos e alargando prazos”.

Desde o BNG de Lalín demandan ao goberno local do PP “que polo menos pidan ao seu goberno amigo na Xunta respecto para as veciñas e veciños de Lalín”. Advirte Fernández Sanmartín que os retrasos nas infraestruturas comprometidas pola Xunta en Lalín “son sistemáticos” e lembra casos como o do Punto de Encontro Familiar (PEF) que “vai tres anos tarde segundo os propios anuncios de Xunta e Concello e a unhas horas do remate da primavera van camiño de volver incumprir a promesa que fixeron no mes de febreiro de abrilo na primavera”.

Fernández Sanmartín insta aos gobernos do PP na Xunta e o Concello a “traballar máis e facer menos fotos”. Critica que os incumprimentos con Lalín “son unha falta de respecto á veciñanza deste concello e a toda a Comarca do Deza” e lémbralles que “a xente ten memoria e sabe contar o tempo, e no BNG de Lalín non imos consentir que o PP siga xogando coa veciñanza”.

O BNG de Lalín lamenta as “promesas incumpridas” co edificio de servizos integrados