“TODOS OS CARTOS PÚBLICOS INVESTIDOS NESTAS OFICINAS SÓ SIRVEN PARA ABRIR 3 HORAS 5 DÍAS DA SEMANA”

O BNG insta ao goberno local a dar “un servizo turístico de calidade” na Casa Don Álvaro

O BNG insta ao goberno local a dar “un servizo turístico de calidade” na Casa Don Álvaro

O BNG de Lalín exixe ao goberno local do PP que “rectifique e dote dun servizo axeitado ás oficinas de turismo e atención ao peregrino ubicadas na planta baixa da Casa Don Álvaro”. A voceira municipal do BNG, Mari Fernández Sanmartín, considera “ridículo e unha trapallada” o servizo anunciado polo goberno do PP para a posta en servizo destas instalacións. “Non se entende que despois da inxente cantidade de cartos públicos destinados a este inmoble, á hora de poñelo en servizo os turistas e peregrinos que visiten Lalín só poderán ser atendidos na Casa Don Álvaro de martes a sábado de 11 a 14 horas”.

Fernández Sanmartín considera “unha falta de planificación total” e unha “nefasta política de fomento do turismo no noso concello” o feito de que despois de investir 650.000 euros na adquisición do inmoble no Kilómetro 0, e dos “investimentos millonarios de cartos públicos a maiores para a restauración e a dotación de material, agora resulta que as oficinas deste inmoble só van a estar abertas 3 horas ao día e nin sequera todos os días da semana, só de martes a sábado”. Polas tardes, o goberno local habilita para atender aos turistas e peregrinos o Museo Ramón María Aller, tamén de martes a sábado tres horas ao día, algo que Fernández Sanmartín considera “outro despropósito, porque o Museo ten outra finalidade”.

Para o BNG de Lalín, os anuncios a bombo e prato da apertura destas oficinas na Casa Don Álvaro e a súa dotación de material e mesmo pantallas de 2 metros “van rematar sendo unha trapallada máis das políticas do goberno de Crespo”. Fernández Sanmartín critica que “non se entende que logo do investimento feito para ter estas oficinas de atención aos turistas, agora o goberno do PP limite a súa apertura ao público a uns horarios ridículos e de costas ao sentido común e ás demandas dos servizos turísticos”.

Diante deste “despropósito” o BNG de Lalín insta ao goberno do PP a que “recúe, se informe dos máis mínimos servizos turísticos de calidade no resto do país, e garanta que xa que temos as instalacións pagadas por todos, deamos un servizo turístico de calidade á altura dun concello que aspira a ser un dos referentes turísticos da provincia”. Fernández Sanmartín convida aos responsables municipais do PP a “darse un paseo polas zonas turísticas e con rutas do Camiño de Santiago no país, para aprender a dar servizos axeitados e de calidade, e non as trapalladas de sempre”.

A voceira nacionalista critica que desde o goberno do PP “queiran vendernos ás veciñas e veciños a aposta polo aumento do turismo no noso concello, mentres na práctica aforrican nos servizos pagados cos cartos de todas e todos para fomentar a atención ao turismo e aos peregrinos en Lalín”.

 

Plan de fomento do turismo

O BNG de Lalín critica de novo a “improvisación” que practica o goberno local, tamén en políticas de fomento do turismo, poñendo en marcha “espazos e iniciativas sen planificación, sen orde nin concerto e de costas ao sentido común e á realidade”. Desde o BNG lalinense, a voceira municipal insta ao goberno do PP a “sentarse, analizar e planificar”, tamén unha estratexia de desenvolvemento turístico para o Concello. “Non hai estratexia nin un plan, o único que fai o goberno de Crespo en materia turística e lanzar medidas estrela illadas, sen planificación nin un obxectivo claro”.

Fernández Sanmartín convida ao goberno local do PP a establecer co resto dos grupos municipais “unha mesa de traballo, análise e planificación”, con datos oficiais e estratexias e obxectivos claros “para deixar de andar aos tombos turísticos e contar cun plan integral que reverta en beneficio da veciñanza, o comercio local e o tecido empresarial e social do noso concello”.

 

 

 

 

 

 

O BNG insta ao goberno local a dar “un servizo turístico de calidade” na Casa Don Álvaro