MARI FERNÁNDEZ CRITICA A “FALTA DE PREVISIÓN” E EXIXE A APERTURA DAS PISCINAS MUNICIPAIS E ACONDICIONAMENTO DO POZO DO BOI
O BNG de Lalín urxe medidas municipais para afrontar os efectos das vagas de calor
O BNG de Lalín urxe ao goberno local do PP a tomar medidas para paliar os efectos das sucesivas vagas de calor que cada vez afectan máis ao noso concello froito do quecemento global e o cambio climático. Advirte a voceira municipal nacionalista que os datos están sobre a mesa e hai “ameazas relevantes” polas vagas de calor que “deberían poñer en alerta e programar e planificar medidas a calquera goberno responsable”. De feito, a Guía de apoio para a implementación da proba climática de infraestruturas de Galicia, elaborada pola Xunta, “eleva o risco de exposición a vagas de calor en Lalín de baixo a medio nos vindeiros 15 anos”. Lembra tamén Fernández Sanmartín que nun mes veñen de morrer en Galiza 36 persoas por as altas temperaturas.
Diante desta situación, critica a voceira do BNG de Lalín que “temos un goberno local que segue poñéndose de perfil, segue sen planificar axeitadamente os servizos públicos e sen tomar medidas efectivas sobre o terreo que axuden á veciñanza a levar os efectos terribles das vagas de calor, cunha nova ás portas esta fin de semana”. O BNG de Lalín está “preocupado” pola rápida evolución do cambio climático e os seus efectos, e alerta de que “as veciñas e veciños de Lalín estamos desprotexidos cun goberno do PP que un ano máis ten pechadas as piscinas municipais e sen acondicionar a praia fluvial de Pozo do Boi”
“Planificar salva vidas”, explica Fernández Sanmartín, que demanda un plan con medidas “urxentes” para que a veciñanza de Lalín reciba do seu goberno máis próximo o apoio preciso para facer fronte a situacións climáticas extremas.
Espazos municipais pechados e sen acondicionar
Mari Fernández exixe ao goberno local do PP a “urxente e inmediata” apertura das piscinas municipais e a habilitación da área fluvial de Pozo do Boi para que a veciñanza dispoña de espazos de lecer e refresco diante das vagas de calor “as que levamos pasado xa nestas semanas pasadas e as que segundo as advertencias da Aemet e Meteogalicia temos por diante”, afirmou a voceira do BNG Mari Fernández. O BNG de Lalín considera “vergoñento” que as veciñas e veciños de Lalín “un ano máis”, volvan a ser “vítimas da falta de previsión e organización dun goberno incompetente” coa chegada das altas temperaturas.
A voceira municipal do BNG de Lalín, Mari Fernández, manifestou a súa preocupación pola falta de previsión do Goberno local fronte ás sucesivas vagas de calor que levamos sufrido nas últimas semanas, con temperaturas que chegaron a superar os 30 graos e que nas últimas semanas veñen a manterse no tempo á alza, e mesmo con avisos de novos repuntes de temperaturas de cara a esta mesma fin de semana. Neste contexto, a veciñanza de Lalín non ten ao seu dispor as piscinas municipais abertas nin o necesario acondicionamento no Pozo do Boi. O BNG de Lalín ten recibido nestas semanas queixas de moitas veciñas e veciños por este motivo.
A estas alturas do mes de xuño “con varios episodios de calor ás nosas costas e coas alertas dos servizos meteorolóxicos oficiais”, sinalou Mari Fernández que “resulta inxustificable” que as piscinas municipais permanezan pechadas -con data de apertura do 1 de xullo- e que a praia fluvial do Pozo do Boi non estea acondicionada para o seu uso. No caso de Pozo do Boi, o BNG lembra ao goberno de Crespo que nas condicións climatolóxicas actuais “a veciñanza acode igual ás instalacións, en condicións lamentables pola falta de previsión un ano máis do goberno do PP”.
Mari Fernández lamenta que “o negacionismo do cambio climático e a cegueira que semella ter o goberno do PP coloca ano a ano ás veciñas e veciños de Lalín na mesma situación de precariedade de servizos públicos”. Destaca a voceira municipal nacionalista que “está a acontecer o mesmo que o ano pasado, e a resposta do goberno do PP segue un paso por detrás das demandas da cidadanía”. O BNG de Lalín sinala que “as previsións e alertas meteorolóxicas pola calor -levamos en Lalín nestas semanas varias laranxas e amarelas- non deben interpelar aos responsables municipais de habilitar espazos para o benestar da veciñanza de Lalín”. Mari Fernández considera “curioso” que as redes e a web do Concello de Lalín “informen á veciñanza puntualmente das alertas pola calor e mentres tanto sigan abanicándose e mirando cara outro lado no canto de acelerar a apertura dos espazos de lecer e refresco para a veciñanza”.
Critica Fernández Sanmartín que de novo coas súas “políticas insensibles de costas á cidadanía” o PP de Lalín está a provocar que a veciñanza “teña que buscar alternativas fóra do noso concello para fuxir da calor”, e o feito de que estes episodios e a falta de recursos públicos municipais “afectan de xeito máis duro aos máis vulnerables, ás persoas maiores e ás crianzas”.