OS PROBLEMAS DE VIVENDA E SERVIZOS SOCIAIS NO CONCELLO CENTRAN PARTE DAS PROPOSTAS NESTE NÚMERO
O BNG lanza o seu Boletín que distribuirá entre a veciñanza
O BNG de Lalín inicia o reparto esta semana do seu Boletín, no que a organización nacionalistas lalinenses informan á cidadanía das actividades e iniciativas do BNG local e analizan tamén a situación actual e os problemas que enfronta o concello de Lalín. O Boletín será distribuído nas vindeiras semanas polos membros do BNG de Lalín, como un xeito de manter informada á poboación da actividade que o BNG local desenvolve cada día diante das demandas e denuncias que o BNG local recibe da cidadanía e a acción de goberno que desenvolve nas institucións.
O Boletín do BNG de Lalín ten este mes unha entrevista coa nova voceira no concello e candidata ás vindeiras eleccións municipais de 2027, Mari Fernández Sanmartín, na que analiza a situación actual do concello e as propostas e demandas que o BNG defende na acción institucional a nivel local, coa presenza como novos concelleiros da propia Mari Fernández e Manuel Carbón.
No Boletín o BNG analiza e fai propostas e demandas arredor de problemáticas fundamentais no concello de Lalín como a vivenda, a sanidade ou a educación, aspectos fundamentais que están a provocar unha “emerxencia social” no concello sobre a que o BNG de Lalín ten claras as cifras oficiais, os datos económicos e as propostas e medidas que hai que tomar de cara ao futuro para que estas cuestións deixen de ser un problema para as veciñas e veciños e sexan tratadas con “auténticas políticas sociais deseñadas por e para a xente” que procuren o benestar e a calidade de vida da veciñanza.
No BNG de Lalín “estamos acostumados a estar en contacto directo coa xente, coas veciñas e veciños que sempre se dirixen a nós para expresarnos as súas preocupacións e demandas”, todas estas cuestións que “recollemos e trasladamos feitas propostas nas institucións” son obxecto de análise neste Boletín, co que o BNG de Lalín “seguirá percorrendo o noso concello, casa por casa, para atender e escoitar o máis importante, o que as nosas veciñas e veciños teñen que dicir”.
Este Boletín do BNG, presente sempre no sentir común da veciñanza, terá novas edicións periódicas co obxecto de manter informadas ás veciñas e veciños de Lalín da actualidade, os datos e os proxectos cos que traballa o BNG de Lalín sempre co obxectivo fundamental de mellorar o benestar e a calidade de vida dos veciños e veciñas de Lalín, e exercer ademais como corresponde de correa transmisora dos problemas, demandas e necesidades que a pé de rúa cada día nos traslada a veciñanza do noso concello.