O BNG DESVELA QUE SE “QUITOU” UN POLICÍA LOCAL DA XA MERMADA PLANTILLA.
VILARIÑO ACUSA AO GOBERNO DE DESMANTELAR A POLICÍA LOCAL
OS NACIONALISTAS ASEGURAN QUE OS 3 POLICÍAS LOCAIS QUE ANUNCIARON NON SERÁN EFECTIVOS ATÉ FINAIS DO 2026
O portavoz do BNG de Lalín, Paco Vilariño, alertou sobre a alarmarte realidade da Policía Local nun momento de máxima preocupación veciñal pola evidente situación de inseguridade cidadá que sofre o noso Concello, e que a os nacionalistas veñen denunciando nos últimos meses, producíndose a pasada semana as primeiras detencións.
O edil nacionalista denunciou a nefasta xestión do goberno municipal, informando que na actualidade hai unicamente 9 axentes debido á incompresible decisión do PP de “cambiar das súas funcións a un axente para adicalo definitivamente a outras que a día de hoxe nin coñecemos nen compartimos”.
Desde o BNG de Lalín afirman que este axente leva todo o presente ano sen facer as súas funcións polas que é funcionario e cobra, adicándose a outras como poden ser a Feira do Cocido ou as feiras quincenais, ou anteriormente como tamén denunciaron desde o BNG, facendo de cobrador para as festas patronais. Tildan os nacionalistas de escandalosa dita decisión xa que nen tan sequera son coñecedores da existencia dun Decreto da Alcaldía que especifique e argumente dito cambio e avale a súa nova labor, feito este que acarrea responsabilidades administrativa que o BNG esixirá.
Vilariño califica de gravísima esta decisión debido a que xa contabamos cunha plantilla moi mermada con tan só 10 policías locais, quedando reducida agora a nove, o que está acarreando unhas consecuencias moi perxudiciais para o conxunto da cidadanía.
Afirma Vilariño que esta reducción de persoal, cunha plantilla xa de por si moi escasa, lembrando o voceiro nacionalista que no cuatripartito eran 15 os policiías locais que a formaban, está provocando importantes deficiencias nas distintas labores propias deste corpo no momento de máxima inseguridade na historia de Lalín. Asegura que non hai servizo de Policía Local polas noites de luns a xoves nen os domingos, “de sete días da semana, cinco deles o concello está pola noite sen policía”.
A maiores, os nacionalistas poñen de manifesto que esta reducción tamén acarrea unha cantidade importante de tardes e mañás sen cubrir ao longo de cada mes por parte da Policía Local.
Para os nacionalistas esta é unha situación insoportable, agravándose aínda máis debido a que a Garda Civil ten unha soa patrulla para toda a comarca, o que evidencia que os tempos de respostas son completamente deficientes a todas luces.
Afirman Vilariño que o PP está actuando cunha irresponsabilidade sen precedentes, e que con este tipo de decisións o único que fai, é deslexitimar á Policía Local de Lalín. A veciñanza de Lalín non pode chamar á Policía Local e a resposta coa que se atope sexa unha gravación que di que se poña en contacto co 112 ou a Garda Civil, insiste.
Por outra parte, desde o BNG non ven ético que asignen a un policía local a outras funcións que non sexan as súas, e evidentemente a estas moi menos, “é poñer á policía local nunha situación incómoda e indesexable, din os nacionalistas, ao mesmo tempo que afirman “ que á policía hai que dotala de medios técnicos e humanos, dándolle así lexitimidade”, e pregúntase o seu voceiro “ se non haberá traballadores ou traballadoras municipais que se poidan adicar a isto”.
Sen novos efectivos até finais do 2026.
A maiores, e non menos grave, resulta para os nacionalistas outra nova mentira do PP, e mostra da súa incapacidade de xestión, como revelan ao afirmar que no proceso selectivo de tres novas prazas de policía local seguen a día de hoxe sen iniciarse as probas o que significa, que ao ter comezado o curso obrigatorio de formación posterior á aprobación da oposición na Academia Galega de Seguridade, estes tres axentes terán que facelo para o vindeiro ano, o que significa, nen máis nen menos, que non contaremos con estas incorporacións até finais do ano 2026.
Vilariño, anunciou que pedirá responsabilidades políticas debido a que estas prazas se corresponden ao ano 2024 e o goberno local, en todo este tempo, non quixo ou non foi capaz de sacalas adiante, priorizando, iso si, outros tipo de oposicións que terán que explicar o motivo da súa prioridade e a deixadez destas.
O voceiro municipal tildou de hipócritas ao PP ao falar recentemento en pleno de que a taxa de reposición lles impedía contar con máis efectivos, cando despois demóstrase que nen as que poden repoñer son sacadas a tempo.
Remata Vilariño afirmando que estamos padecendo ao peor goberno da historia, que coa súa incapacidade de xestión e falta de responsabilidade está permitindo unha mensaxe de barra libre que nos parece terrorífico e intolerable.