Un veciño dunha parroquia do rural agardou máis dunha hora por unha ambulancia.
O BNG de Lalín denuncia que o pasado martes, un veciño dunha parroquia do concello agardou máis dunha hora por
unha ambulancia.
O BNG sinala que a ambulancia anunciada “que xa era un parche” de 12 horas polo día segue sen existir.
Desde o Bloque Nacionalista Galego fan pública a situación que
se producíu o pasado martes cando os familiares dun varón de 62 anos avisaron aos
servizos de emerxencia do SERGAS dun esvaecemento e forte golpe na cabeza por a
posterior caída do doente arredor das catro da tarde. O paciente fora atendido de mañá
no centro de saúde da vila nunha cita por urxencias derivada dun proceso respiratorio.
Tras agardar media hora pola ambulancia volveron chamar alarmados pola tardanza e
polo estado do afectado, que agardou durante 50 minutos tirado no chan da vivenda ata
que 2 familiares conseguiron erguelo para levalo a un lugar máis cómodo, séndolle de
axuda porque non era capaz de valerse por si mesmo tras o sucedido. Nesta chamada
foron informados que a ambulancia que o iría recoller se atopaba a vinte minutos do
domicilio, ao que chegou pasadas as cinco da tarde, unha hora máis tarde do aviso,
trasladándoo ao CHUS, onde foi atendido.
Dende o grupo do BNG denuncian a falla de seguridade á que están expostos veciños e
veciñas, lembrándolle ao PP que somos a cabeceira dunha comarca que chega aos
40000 habitantes cunha superficie de 1000 km cadrados, uns goberno irresponsable,
tanto a nivel local como da Xunta, que votaron en varias ocasións en contra das
numerosas iniciativas que presentou o BNG lalinense no Concello e no Parlamento
galego onde se solicitaba que dotaran a Lalín dunha ambulancia medicalizada.
A petición deriva das continuas demandas sociais e de casos coma o do veciño
anteriormente nomeado, que non é máis que o resultado dunhas políticas que non pensan
na xente nin nas súas necesidades, sen seren conscientes de que o tempo de actuación
en determinados problemas de saúde é chave nos resultados do mesmo, podendo dar
lugar a secuelas graves ou mesmo á morte, como xa ten pasado para pesar do grupo
nacionalista.
Diante desta situación tan desoladora, desde o BNG, entenden que é prioritario mellorar
esta cobertura, polo que defendemos para o noso Concello unha ambulancia
medicalizada cuxo equipamento e dotación permita prestar asistencia médica in situ a
pacientes críticos, no menor tempo posible, con persoal especializado e cos elementos
necesarios para a realización de manobras de soporte vital avanzado (SVA). Isto sería así
xa que contaría cun equipo humano que consta de: un médico con formación específica
en urxencias e emerxencias, un diplomado en enfermería con formación específica, un
condutor técnico e un axudante técnico en transporte sanitario, prestando, a diferenza
tamén da esmola que nos prometeu o PP, un servizo as 24 horas os 365 días do ano.
Unha esmola dunha ambulancia que só funcionaría 12 horas ao día, “será que na outra
metada do día a veciñanza non enferma” ironizan os nacionalistas, e apuntan que supón
outro claro exemplo dunha nova tomadura de pelo do PP cando afirmou que esta nova
ambulancia “empezaría a funcionar no outuno”, palabras que distan moito da realidade.
Agardan, dende o grupo nacionalista, que o PP de Lalín reaccione ante tales feitos e lle
solicite á Xunta de Galiza o servizo da ambulancia medicalizada que os veciños merecen
por dereito, investindo diñeiro na súa saúde a través dunha sanidade pública e de
calidade, na que todos e todas nos sintamos seguros en momentos onde somos
vulnerables e que poden modificar moito o curso das nosas vidas. De non ser así, desde
o BNG afirman que entenden que o goberno mira cara outro lado cando se trata de
primeiras necesidades e esixirán explicacións sobre a súa posición política, a todas luces
difícil de comprender e moi lesiva para a vida do conxunto da nosa veciñanza.
Anuncian os nacionalistas que volverán trasladar este problema ao vindeiro pleno
municipal e ao Parlamento galego para esixir responsabilidades, mais sobre todo, solicitar
solucións para que esta cruel realidade deixe de ser algo habitual.