Subvencións municipais a entidades sen ánimo de lucro

Paco Vilariño, Voceiro Municipal do BNG de Lalín.
Paco Vilariño, Voceiro Municipal do BNG de Lalín.

O BNG de Lalín propón anticipar as convocatorias de subvencións municipais a entidades sen ánimo de lucro.

Os nacionalistas piden tramitar as axudas no primeiro trimestre para evitar demoras que “estrangulan economicamente” a asociacións, colectivos e clubs deportivos.

O Goberno de Crespo tramitou as subvencións deste tipo no mes de decembro pasado e pagounas en xaneiro de 2025.

Subvencións municipais a entidades sen ánimo de lucro

 


Lalín, 4 de febreiro de 2025. O Bloque Nacionalista Galego reclama anticipar a convocatoria e aprobación das distintas subvencións municipais destinadas a entidades sen ánimo de lucro de Lalín. Os nacionalistas piden tramitar as axudas no primeiro trimestre de ano para evitar as demoras de exercicios anteriores que supoñen “estrangular economicamente” a asociacións, colectivos e clubs deportivos da cidade.

“Estes ingresos son mesmo vitais para garantir que o tecido asociativo poida seguir a desenvolver a súa actividade no ámbito deportivo, social veciñal ou cultural, que ten un evidente interese público e da que se benefician o conxunto da veciñanza de Lalín”, defendeu o portavoz municipal do BNG de Lalín, Paco Vilariño.

O voceiro nacionalista puxo en valor o traballo esencial do tecido asociativo á hora de “cubrir as carencias” do Goberno municipal en moitos ámbitos. “Un labor que se desenvolve sobre a achega xenerosa e desinteresada de persoas voluntarias que traballan de maneira gratuíta desenvolvendo un grande esforzo colectivo en favor do ben común”.

Desde o BNG cualificaron nese sentido de “inaceptable” as situacións vividas nos útlimos anos pola demora na tramitación destas axudas. É así, que as correspondentes ao ano pasado (2024), no caso das subvencións e entidades, por exemplo deportivas ou sociais, no que se tramitaron ao rematar o ano (mes de decembro) e pagáronse hai poucos días, é dicir, no ano 2025, afeou Vilariño, “forzando unha xustificación exprés e atrasando o abono polo peche do exercicio fiscal”.


Estabilidade para o tecido asociativo.

O portavoz municipal do Bloque asegurou que axilizar as convocatorias e tramitación destas subvencións vai dar “estabilidade e certeza” ás entidades sen ánimo de lucro, ademais de ser unha obriga facilitar e promover a actividade do tecido asociativo lalinense. “Nun momento no que o Concello conta cun dos orzamentos máis altos da súa historia non hai xustificación para estas demoras tan lesivas, afirmou Vilariño.

A fronte nacionalista acosou deste xeito a falla de xestión de Crespo como u “atranco” para o traballo das entidades. “Esta medida o único que esixe é dun Goberno municipal que actúe como tal e non como unha axencia de publicidade para autobombo e propaganda, remachou o voceiro municpal.

Subvencións municipais a entidades sen ánimo de lucro