NÉSTOR REGO CANDAMIL TRASLADA OS LOGROS CONSEGUIDOS POLO BNG DURANTE ESTA LEXISLATURA E O PAPEL DECISIVO Á HORA DE CONSEGUIR MELLORAS PARA A GALIZA

Rego contrapón “a forza útil para a Galiza que representa o BNG” coa submisión a Madrid das forzas estatais

ACTO BNG EN LALIN
ACTO BNG EN LALIN
Mari Fernández Sanmartín destaca o traballo incansábel e a capacidade do BNG nas Cortes do Estado: “é fundamental que o BNG conte con máis forza”
Rego contrapón “a forza útil para a Galiza que representa o BNG” coa submisión a Madrid das forzas estatais

 

O Bloque Nacionalista Galego celebra un encontro público coa veciñanza de Lalín con motivo da campaña que está a impulsar a organización nacionalista baixo o lema “Co BNG, Galiza gaña” centrada en trasladar á cidadanía o traballo desenvolto e os logros conseguidos nas Cortes do Estado. No acto participan o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego Candamil, e a candidata do BNG á alcaldía de Lalín, Mari Fernández Sanmartín.

Durante a súa intervención, Néstor Rego pon en valor as rebaixas históricas conseguidas polo BNG no Acordo de Investidura para as persoas usuarias recorrentes da AP-53, coincidindo co aniversario da entrada en vigor destas bonificacións.

O deputado nacionalista destaca que estas bonificacións, vixentes desde o 9 de abril de 2025, supoñen “un exemplo claro da política útil que representa o Bloque Nacionalista Galego: da que mellora a vida das persoas con feitos concretos e non con promesas baleiras”, subliñando o impacto directo que supoñen estas rebaixas no peto das familias e do tecido produtivo galego.

Neste sentido, Rego Candamil exemplifica este aforro após un ano da implantación destas bonificacións: “no caso dos vehículos lixeiros, o aforro anual ascende a 3.813,75 euros; para os vehículos pesados tipo I, alcanza os 4.284 euros; e nos pesados tipo II elévase até os 5.085 euros”.

Así mesmo, destaca os avances en materia de políticas sociais conseguidos polo BNG, como a suba das pensións mínimas e non contributivas por riba do IPC -unha medida recollida no Acordo de Investidura- e tamén destaca a ampliación dos permisos de paternidade e maternidade até as 20 semanas, que actualmente xa se sitúan en 19.

O BNG como única forza que defende o sector primario frente ao Mercosur

En relación co acordo comercial entre a Unión Europea e Mercosur, o deputado nacionalista lembra que o BNG é a única forza política que defende con claridade o sector agrogandeiro galego frente ás ameazas deste tratado. “O BNG sempre votou en contra do acordo UE-Mercosur polos graves prexuízos para o sector agrogandeiro galego; o PP di unha cousa aquí ao sector mais cando ten que votar sempre o fai a favor” critica Rego Candamil, lembrando que recentemente o Partido Popular rexeitou no Senado e no Parlamento da Galiza propostas do BNG para oporse a este acordo.

Máis BNG é garantía de máis melloras para as galegas e galegos

Pola súa parte, Mari Fernández Sanmartín destaca a necesidade de reforzar a presenza do BNG nas institucións estatais. “A Galiza non pode seguir no estado de abandono ao que PP e PSOE a teñen sumido durante anos. É fundamental que o BNG conte con máis forza para defender con firmeza e maior capacidade os intereses da nosa terra” afirma.

A candidata do BNG á alcaldía de Lalín tamén lembra iniciativas defendidas pola organización nacionalista en relación ao concello, como a proposta para a apertura dun centro de exames da Dirección Xeral de Tráfico en Lalín, que evitaría desprazamentos até Pontevedra e suporía un importante beneficio para as autoescolas e a veciñanza da comarca.

Do mesmo xeito, salienta as iniciativas rexistradas a respecto de garantir o acceso a unha vivenda digna e exemplifícao coas realizadas sobre a situación do edificio da SAREB na rúa Álvaro Cunqueiro.

Rego contrapón “a forza útil para a Galiza que representa o BNG” coa submisión a Madrid das forzas estatais