Moción para exixir que se atendan as reivindicacións dos traballadores de Correos
O Grupo Correos, S.E CORREOS E TELÉGRAFOS S.A.S.M.E., na súa denominación completa, é unha sociedade mercantil estatal cuxo cometido é fornecer o servizo postal universal en todo o Estado. O grupo é na actualidade, a principal empresa pública estatal tanto en dimensión da súa rede como en número de persoas empregadas.
Correos é unha das poucas empresas públicas que sobreviviron á vaga privatizadora iniciada polo PSOE de Felipe González, primeiro, e o PP de Aznar, despois. Máis recentemente no tempo, as sucesivas reestructuracións do grupo ou a adaptación da lexislación estatal a unha directiva europea parecen ir anunciando o camiño cara á denominada “liberalización”, é dicir, privatización do servizo postal.
A Unidade de Reparto (U.R.) de Lalín de Correos, que abrangue aos concellos de Lalín, Agolada, Dozón e Rodeiro, conta cunha rede composta polas distintas oficinas de atendemento ao público, unha en cada concello agás Dozón; abertas de luns a venres, tendo tan só horario completo e dobre turno a de Lalín. A día de hoxe na quenda de mañá, a U.R. de Lalín consta de 23 seccións, das cales 7 son urbanas e 16 son circulares (carteiros e carteiras do rural, dos cales hai 3 en Agolada, 3 en Rodeiro e 2 máis que traballan entre Dozón e Lalín). Hai no actual cadro de persoal só 19 traballadoras e traballadores en activo, os cales teñen 4 recargos diários, (servizo de reparto que é obrigado asumir polo resto das carteiras e carteiros) dende hai meses e que afectan só a territorio do Concello de Lalín: Chegando a ter 6 recargos durante bastante tempo por estar carteiras e carteiros en IT (baixa laboral por razóns de sáude ou accidentes), o cal supón que diariamente quede correo pendente sen entregar no seu destino. Este feito acredita que a situación da Unidade non é a axeitada para desenvolver o traballo dentro dos índices da calidade que a Correos se lle exixe para cumprir cos parámetros da legalidade (un reparto a todos os domicilios diário, cinco días á semana).
Nos derradeiros meses, a sección sindical da CIG-Correos está denunciando públicamente que este servizo non conta con persoal suficiente para atender á cidadanía usuaria, xa que non se están a cubrir postos vacantes por baixas ou outras ausencias xustificadas. Esa falla de persoal provoca unha situación de sobrecarga nos traballadores, incrementando a presión sobre as persoas en activo.
Débese ter en conta, ademais, que esta unidade abrangue á Comarca do Deza, a excepción dos Concellos de Silleda e Vila de Cruces, cunha poboación que na actualidade que sobrepasa os 26.000 viciños e veciñas.
Ademáis conta cunha extensión de 703,78 km² e cunha densidade de poboación de 105,38 hab/km cadrados, factores que hai que considerar, pois á hora de cuantificar a carga de traballo, non só inflúe o número de envíos, senón que tamén pode estar tremendamente condicionada polas extensións distantes dalgúns dos percorridos en coche, que deberían ser redefinidos xa que imposibilitan cumprir e rematar os repartos diarios. A todo isto hai que engadirlle as condicións climatolóxicas adversas nesta Comarca, durante o periodo invernal e con altitudes de máis de 600 metros sobre o nível do mar, con todo o que supón isto: sensacións térmicas de moito frío polo vento e as baixas temperaturas.
Neste contexto, é un erro por parte da empresa aplicar un criterio baseado exclusivamente na perda do volume de envíos postais, para determinar o cadro de persoal necesario, xa que os datos que anteceden son contrastables e acreditan factores que inflúen de maneira manifesta á hora de desempeñar o traballo. Por outra parte, a empresa está a introducir, de xeito forzado, novos servizos no rural con criterios exclusivamente comerciais, que engaden maior presión e carga de traballo a un persoal xa saturado pola falta de efectivos vacantes.
A situación descrita redunda nun peor servizo postal para o conxunto da veciñanza dos concellos de Lalín, Agolada, Dozón e Rodeiro; ademais dunhas peores condicións laborais para as traballadoras e traballadores.
Un deterioro na calidade do servizo, que antes que en Correos xa vimos noutras empresas, organismos e servizos públicos, logo privatizados. Ao final, coma sempre, ademais do persoal que traballa, é a cidadanía usuaria do servizo público a gran prexudicada.
Por todo o anteriormente exposto, o BNG no Concello de Lalín, propón ao Pleno a seguinte MOCIÓN:
1.-Instar ao Goberno Municipal a trasladar ás traballadoras e traballadores da Unidade de Reparto de Lalín o apoio do Concello de Lalín ás súas demandas laborais, no senso de dotala do persoal, recursos materiais e medios técnicos necesarios para a prestación dos servizos postais en parámetros de calidade, atendendo ás regulacións da Lei Postal e á Directiva Comunitaria da Unión Europea.
2.-Instar ao Goberno Municipal a demandar da Dirección da Sociedade Estatal Correos e Telégrafos:
a) Dotación de todos os recursos necesarios, humanos e materiais, en orde a garantir a prestación dun servizo postal universal público e de calidade, en toda a Unidade de Reparto de Lalín, para poder realizar o reparto os cinco días da semana, garantindo a contratación do persoal suficiente que é imprescindible.
b) Reparto equitativo das cargas de traballo, reestructurando a distribución das zonas de reparto e atención e consolidando a rede xa existente de puntos de atención e mesmo ampliándoa en función das necesidades da poboación.
c) Dotación de vehículo de empresa a aquelas persoas que o demanden nos servizos de reparto rurais.
3.- Manifestar a firme aposta porque Correos siga a operar como Servizo Postal Universal, de carácter público frente a calquera tentativa privatizadora, presente ou futura.