MOCIÓN DO BNG DE LALÍN SOBRE A SITUACIÓN DO SCIENTIA SCHOOL LALÍN

Scientia Lalín
Scientia Lalín
MOCIÓN DO BNG DE LALÍN SOBRE A SITUACIÓN DO SCIENTIA SCHOOL LALÍN

O pasado día 13 do presente mes, o BNG de Lalín presentou por rexistro municipal unha solicitude pedindo a convocatoria urxente dunha Xunta de Voceiros para abordar a grave situación na que se atopa o colexio Scientia Lalín e as posibles solucións a adoptar para rematar con esta situación de incertidume constante  que ao noso entender é insoportable, tanto a nivel dos pais e nais como do persoal do propio centro educativo, sen que a día de hoxe tiveramos a máis mínima resposta a dito requerimento.

 

Lembrar que no pasado mes de xaneiro saía á luz pública un novo Concurso de Acreedores no centro Scientia Lalín SL do grupo Scientia School, e como resultado do mesmo, o día 10 do presente mes, publicouse no BOP o auto de liquidación da sociedade.  

 

A situación que o PP permitíu ao longo de moito tempo é tan lamentable que a realidade é que os bens e inmobles que se atopan na parcela onde se ubica o centro educativo está rexistrado a nome de SCIENTIA SHOOL S.A. e non a nome SCIENTIA LALIN S.L. empresa en concurso; polo que a posibilidade de que apareza un comprador da “unidade produtiva” redúcese considerablemente, dando como resultado un máis que probable peche do mesmo.

 

O máis sorprendente é atoparnos o pasado domingo nos medios de comunicación coa afirmación por parte da Consellería de Educación manifestando “que mantivo varias reunións coa administración concursal que se encarga do concurso voluntario de acreedores e que lle transmitiu que a continuidade do centro educativo estaba garantida”. Desde o BNG  preguntámonos como é posible tal afirmación neste punto do proceso concursal, agás que o PP sexa coñecor dun comprador ou dun posible amaño do proceso, puntos estes dos que non informou á opinión pública en ningún momento e que evidenciaría, xa non a evidente falta de transparencia, senón a constatación indiscutible de quen fai e permite sacar plusvalías coa educación dos nosos fillos e fillas.

 

Desde o BNG queremos amosar a nosa preocupación por tres áreas que para nós son principais:

 

1.- En primeiro lugar, e como no pode ser doutro xeito, manifestamos a nosa preocupación pola situación de indefensión na que van quedar as familias e en especial as crianzas. En pleno remate de curso, as familias non teñen a día de hoxe garantía algunha de que vaia haber praza para as súas fillas e fillos neste centro educativo.

 

2.- En segundo lugar, tememos pola mantemento dos postos de traballo. Compre lembrar como se chegou a esta situación, e nisto, reparar que foi no ano 2022 cando Francisco Guerrero chegou a negociar a adquisición do colexio nunha poxa na que subindo a aposta da outra empresa que estaba disposta a adquirir o centro de traballo, gañou a mesma precisamente por “facer unha oferta mellor á administración concursal” consistinte en, entre outras condicións “Manter o 100% dos postos de traballo”. Para o BNG isto é fundamental, pois de terse planificada esta operación dende aquel momento, entendemos que se trata dun fraude ao xulgado mercantil pontevedrés que tivo que revolver o concurso do ano 2022.

 

3.- En terceiro lugar, polo desleixo e despreocupación das administracións para loitar contra o fraude e a especulación, póndose “de perfil” na defensa do ensino e da clase traballadora, pero dando o do de peito para buscar “empresas salvadoras” que co tempo se demostran verdadeiras entidades fraudulentas e en nada preocupadas polo ensino se non exclusivamente polo seu capital.

 

Desde o BNG non podemos permitir que veñan especuladores a Lalín, mais para iso, a administración local e a Consellaría de Educación nomeadamente teñen que poñerse a traballar xa e buscar unha solución e que, ten que pasar necesariamente pola integración do centro de ensino na Rede Pública de Ensino Galego, como xa temos denunciado e proposto en varias ocasións.

 

O PP non pode vir agora queixándose, e moito menos sorprendéndose desta situación porque, por unha banda, isto xa era esperable visto o interese de Francisco Guerrero pola cuestión educativa no centro, e sobre todo porque o BNG xa llo anticipou no ano 2021 cando, no último concurso o instábamos a que fixera públicos os servizos que no seu día se privatizaron, mais por desgraza eses intereses non lle son propios ao partido popular.

 

Para o BNG é intolerable esta situación e queremos poñer o acento na importancia que este centro educativo ten en Lalín debido a que non contemplamos en ningún momento o seu peche polo impacto inasumible que tería na rede educativa de Lalín ao non existir alternativa para acoller a todo o alumnado, lembrando que os outros dous centros públicos ubicados na vila están masificados.

O tempo desgraciadamente veu a darnos a razón, amosando claramente que o problema de fondo é a especulación existente no ensino e mostrámonos radicalmente contrarios a que se pode facer negocio co mesmo como é o modelo do PP, insistindo unha vez máis que a solución para rematar con este culebrón é que a Xunta asuma dito centro para que pase a formar parte da rede galega de centros públicos.

 

 

 

Por todo o anteriormente exposto, o Grupo Municipal do BNG insta ao Pleno de Lalín á adopción do seguinte

 

ACORDO:

 

1.- Solicitar á Xunta de Galicia que asuma a integración do centro de ensino Scientia Lalín na súa Rede de Centros Públicos da Consellaría de Educación.

 

MOCIÓN DO BNG DE LALÍN SOBRE A SITUACIÓN DO SCIENTIA SCHOOL LALÍN