VILARIÑO PIDE MÁIS PERSOAL DE PSICOLOXÍA E PSIQUIATRÍA

Moción do BNG de Lalín sobre o servizo de saúde mental no CIS

cis
Moción do BNG de Lalín sobre o servizo de saúde mental no CIS

Desde o BNG de Lalín vimos denunciando en reiteradas ocasións a precariedade do
servizo de saúde mental do Centro Integral de Saúde (CIS). Para a atención a unha
área de arredor de 40.000 persoas o CIS só conta no eido de saúde mental cun
psiquiatra e un psicólogo. Esta é toda a máis que insuficiente dotación real de persoal
fronte ao que a Xunta de Galiza nos vendeu nos fastos da posta en marcha do CIS. Na
práctica, o que está a acontecer a moita veciñanza é que unha persoa que pide vez
para que a vexa un psiquiatra ou unha psicóloga en Lalín tarda un mínimo de 4 meses
en que o Sergas lle dea resposta, e cando lle da a cita, resulta como está acontecendo
desde hai unhas semanas, moitas teñen que desprazarse a Santiago
É un escándalo insoportable e unha auténtica falta de humanidade o que está a
acontecer en Lalín cos pacientes que precisan do servizo de saúde mental. Desde o
BNG levamos moitos anos recibindo queixas de veciñas e veciños en situacións
dramáticas e que carecen dunha axeitada cobertura de persoal neste servizo no
Centro Integral de Saúde (CIS) sen que Sergas nen o Concello busquen solucións..
Demandamos da Consellería de Sanidade que dote ao CIS de máis persoal na área
de saúde mental, persoal fixo e estable que depende do propio CIS e non do CHUS.
Como mínimo exiximos que o Sergas cree unha praza máis en psiquiatría e outra en
psicoloxía para que a veciñanza que precisa destes servizos sanitarios públicos non
teña que verse obrigada a ir á privada, quen ten recursos económicos, ou senón
quedar totalmente desamparado debido á longa periodicidade das mesmas, ou como
acontece agora verse na obrigación de desprazarse a Santiago para unha consulta
psiquiátrica, na que lonxe de calquera protocolo de idoneidade vai ser atendido por un
profesional distinto co conflicto que isto acarrea para o paciente.
Cuestionamos a necesidade de contar cun “suposto” Centro Integral de Saúde no que
cada día nos atopamos con novas denuncias e problemas de atención por parte das
veciñas e veciños. Desde o BNG xa advertimos hai moitos meses á Xunta do PP e ao
goberno local que o que temos é un edificio sen dotar, na práctica, seguimos tendo
unha asistencia sanitaria na que a poboación depende de poder desprazarse a
Santiago para ser atendida nunhas mínimas condicións.
As cifras son vergoñentas, e deberían sacarlle as cores a calquera responsable
público, segundo os últimos datos oficiais das listas de agarda do Sergas ,
correspondentes ao mes de xuño de 2024 na área sanitaria de Santiago-Barbanza á
que pertence a Comarca do Deza, hai perto de 30.000 persoas agardando por unha

consulta. No caso das consultas externas de psiquiatría, na área sanitaria son case
1.400 as persoas en lista de agarda.
O mesmo acontece no seguimento dos pacientes na área de saúde mental do Sergas,
os propios psiquiatras denuncian que logo de atender a un paciente nunha primeira
cita, para a segunda teñen 12 ou 13 minutos por paciente, e o sistema non garante nin
sequera que sexa o mesmo profesional o que os atende, o que ocasiona nos usuarios
auténticos problemas psicolóxicos engadidos e provoca na práctica que a única
atención posible en saúde mental sexa pagar na privada.

Polo exposto, o Bloque Nacionalista Galego de Lalín propón ao Pleno da Corporación
Municipal a adopción dos seguintes

ACORDOS:

1. Instar á Consellería de Sanidade da Xunta de Galiza a dotar ao Centro Integral de
Saúde de Lalín de dúas prazas de psicoloxía e dúas de psiquiatría, o que suporía na
práctica, dotar ao CIS de dúas prazas novas, pasando así os dous profesionais que
exercen no CIS na área de psicoloxía e psiquiatría a formar parte da plantilla do
mesmo e non do CHUS.

 

Moción do BNG de Lalín sobre o servizo de saúde mental no CIS