DEIXAN O SERVIZO EN CONDICIÓNS IMPOSIBLES DE LEVAR A CABO
O CONCELLO DE LALÍN NON CUBRE AS BAIXAS DOS TRABALLADORES DE SERVIZOS SOCIAIS
VECIÑOS DENUNCIAN LEVAR MESES AGARDANDO A SER ATENDIDOS E SEN SER DERIVADOS A OUTROS PROFESIONAIS.
Un dos bens máis prezados que temos no Concello de Lalín e por extensión en Galiza, son os nosos maiores, fonte de experiencia e de sabedoría acumulada co paso dos anos, un ben que debería ser coidado por todas e todos, tamén pola administración e por quen nos goberna. Mais, aínda que se trata dunha poboación que require dunha atención moi especializada e sensible, parece que na capital do Deza, este colectivo e por extensión as súas familias quedan constantemente esquecidas.
A falla de atención no noso concello é ben coñecida por todos os que precisan de calquera servizo que se relacione coa atención dos máis vellos e que comeza funcionando de xeito precario xa no primeiro elo da cadea, na atención que é prestada polos traballadores sociais do concello. Pero a responsabilidade non é deles, que realizan a súa labor coa máxima responsabilidade e eficiencia posible, é de quen non comprende que non teñen capacidade para levar adiante o traballo con garantías se non se conta con todos e todas, sendo aínda así insuficientes en número.
Dende o BNG consideran un agravio para os habitantes do concello que non se cubran as baixas ou vacacións dos traballadores sociais, deixando aos veciños sen un servizo básico e moi sensible, creando situacións realmente alarmantes e que non se poden permitir neste tipo de atención, que debera ser levada a cabo coa maior présa e eficiencia posible. Os nacionalistas apuntan que levan xa tempo recibindo queixas de veciños e veciñas que se ven totalmente desamparados ao non saber cando nin quen os vai atender, recibindo respostas confusas en moitos casos, nos que se lles dixo literalmente que a traballadora social non estaba por motivos persoais e non foron derivados a ningunha outra, quedando en nunha lista de agarda que non parece avanzar a xulgar polas semanas de espera que acumulan para simplemente ser recibidos de xeito presencial. A única maneira coa que os veciños poden combater esta situación é presentando reclamacións que semellan non ter resultados, xa que o servizo non está aínda restablecido e non recibiron ningún tipo de resposta nin explicación dos motivos.
A situación de Lalín no referente aos servizos sociais é tan dramática que hai casos que chegaron a membros do Bloque nos que, afectados polo desleixo do PP, demostraron coa documentación pertinente ter solicitado o servizo do SAF hai meses para os seus proxenitores, servizo no que desgraciadamente non chegou sequera a tempo a valoración para ser prestado, xa que a persoa destinataria deste faleceu moitos meses despois sen ser valorada polos servizos sociais lalinenses.
A falla de responsabilidade, empatía e boa labor por parte do goberno é o que máis destacan os nacionalistas na súa crítica, sen saber, apuntan, que máis ten que ocorrer para que prestemos atención a un servizo imprescindible para os seus destinatarios, as súas familias e a conciliación destas, lembrando que en Lalín non temos centro de día público por decisión da Xunta de Galiza e o goberno do concello, temos unhas condicións precarias nas traballadoras do SAF e non chegamos a ser capaces de valorar aos nosos dependentes por falla de persoal para poder prestarlle o servizo que merecen e que pagaron cos seus impostos. Califican a situación de preocupante e vergoñenta e esixen explicacións para aqueles que levan meses agardando a ser atendidos e para todos os veciños e veciñas afectados. Feitos estes que diante da ocultación de dicirlle a verdade á veciñanza para poder saber a que aterse en cada situación particular e familiar afecta tamén ao servizo de Xantar na Casa e ao de Teleasistencia.