OS NACIONALISTAS CUALIFICAN DE INACEPTABLE VOTAR EN CONTRA DAS MOCIÓNS DO BNG PARA IMPLANTAR O TRANSPORTE PÚBLICO E VENDER AGORA FUME Á VECIÑANZA.
O BNG TACHA DE HIPÓCRITA AO GOBERNO LALINENSE AO FALAR DE TRANSPORTE PÚBLICO CARA O CIS.
Os problemas que derivan da apertura do novo CIS eran, segundo o portavoz nacionalista, Paco Vilariño, “eran de agardar cando non tes un aparcadoiro en condicións para dar servizo ao persoal sanitario e aos veciños e veciñas que se achegan para facer uso do centro sanitario, entre outras eivas que xa recalcamos antes, durante e que seguiremos facendo despois da súa apertura”.
Os nacionalistas volven reiterar que non se achegaron á inauguración sabedores de que “tan só cambiamos de localización, para un sitio máis lonxe e onde o aparcadoiro non é abondo, os servizos son os mesmos, a diálise non se trasladará alí e tampouco temos base para o helicóptero, de xeito que seguiremos demandando, coma sempre fixemos dende o Bloque que a sanidade pública sexa de calidade”.
Dende o BNG lembran que en setembro do ano pasado presentaron unha moción no concello para implantar un servizo de transporte público que dera cobertura ao rural e ao casco urbano, para que a mobilidade da veciñanza de Lalín se vise mellorada. O portavoz recorda, “para que todos os veciños e veciñas o saiban, esa moción do BNG relativa ao transporte foi rexeitada polo goberno, votaron en contra de mellorar a calidade de vida dos lalinenses, sen ruborizarse o PP dixo non á proposta”. É por iso que os nacionalistas toman as declaracións do alcalde ao respecto do transporte periférico coma unha burla, pola que preguntarán no próximo pleno de Lalín, anticipando que mellorar as comunicacións para a vila, tanto no casco urbano coma no rural, sería unha grande vantaxe para moitos usuarios e usuarias, que disporían de medios gratuítos para desprazarse de xeito autónomo, máis especialmente no caso dos nosos maiores e crianzas, sen depender de veciños ou familiares para facelo, ou de transporte de pago, coma se leva facendo ata agora. Insisten en que non deixarán de solicitalo, convencidos de que o que o PP vende dende o goberno é fume que quedará no esquecemento, usándoo como simple propaganda, xa nos últimos plenos dende o BNG solicitamos esta medida mentres o goberno facía caso omiso.