O BNG SOLICITA QUE NON QUEDE NINGUNHA CRIANZA SEN PRAZA NAS ESCOLAS INFANTÍS
Solicita a creación urxente de novas prazas para garantir este servizo fundamental para a conciliación
O pasado 6 de maio coñecéronse as listas de admitidos nas escolas infantís da rede pública autonómica e, como é costume hai nenos e nenas que quedaron en lista de agarda por falla de prazas, feito que lamentan sen sorprenderse dende o BNG lalinense.
En total hai a frioleira de 20 nenos/as, repartidos entre a escola infantil do Pontiñas (12) e a do Polígono Lalín 2000 (8), todas elas comprendidas no tramo de idade de un a dous anos, que quedan agardando a praza que lles corresponde, xa que, segundo o grupo nacionalista lembran que “o goberno da Xunta de Galiza reitera ano tras ano, que a educación infantil no noso país é gratuíta dende setembro do 2022, independentemente da titularidade do centro, dato que evidencia unha clara vantaxe dos centros privados, ao lle ofrecer as mesmas condicións que aos públicos, favorecendo a cobertura das súas prazas.”
A organización nacionalista insiste en que “ano tras ano vemos como o compromiso da Consellería de Política Social é tan só de palabra, xa que sería necesario adicar diñeiro para a creación de novas prazas nas escolas de carácter público, onde todas e todos os nenos foran atendidos cun servizo de educación pública e de calidade garantido a través dos seus profesionais”.
Conciliar a vida familiar e laboral de pais e nais, ten que ser o obxectivo que se ten que marcar a administración, sobre todo, cando as crianzas aínda non se atopan en idade de escolarización obrigatoria. Para acadalo, temos que contar con escolas infantís que teñan adaptado o seu horario coa xornada laboral dos seus proxenitores, máis aínda no caso das que están situadas nos polígonos industrias como é o caso da Escola Infantil do Polígono Lalín 2000.
Non podemos esquecer que as escolas infantís son centros educativos que desenvolven o seu labor no primeiro ciclo da educación infantil, isto é, a atención a nenas e nenos de 0 a 3 anos, proporcionando un servizo integral de conciliación a través dun programa que garante o pleno desenvolvemento das pequenas e pequenos.
Máis non se trata tan só dun problema de prazas, que por certo, é con diferenza o maior número de toda a comarca, hai outros engadidos, como é a falla de material pedagóxico, a mala xestión á hora de cubrir baixas facendo que os profesionais sufran durante días ratios practicamente insostibles, ou a redución de dúas horas e media que se adicaban á programación e das que agora non se dispón nas escolas infantís. É desa maneira como a Consellería trata de disfrazar un servizo educativo algo que é practicamente na súa totalidade de carácter asistencial.
“Chove sobre mollado, sen que os problemas se resolvan con plans adaptados ao país, a pesares de que a natalidade baixa e a fonda crise demográfica que sufrimos pide a berros medidas que favorezan a conciliación e as familias, sexan do tipo que sexan, con horarios nas escolas infantís adaptados na medida do posible á realidade de Lalín en concreto e con prazas abondas para que todos e todas gocen dun bo servizo neste eido, onde os nenos e nenas e as súas necesidades sexan os protagonistas”, declaran os nacionalistas, que lembra que este problema non é novo e temen que siga sucedendo pola falla de vontade política para darlle solución.