RECRIMÍNANLLE AO GOBERNO REPETIR PROXECTOS QUE XA SE PRESENTARAN ANOS ANTERIORES E QUE QUEDARON NO ESQUECEMENTO E NON LEMBRAR O URXENTE, QUE PARA O BNG LALINENSE SERÁ OBXECTO DE EMENDAS AOS ORZAMENTOS
O BNG RECOÑECE MOSTRARSE DECEPCIONADO COS ORZAMENTOS DA XUNTA DE GALIZA PARA LALÍN, QUE CONTINÚAN COA TENDENCIA INMOBILISTA HABITUAL.
O grupo municipal do BNG de Lalín ten claro, segundo a deputada Ariadna Fernández, que “os orzamentos son unha repetición de intencións doutros anos e que seguirán quedando no tinteiro tamén esta vez, coma pode ser a ampliación do Polígono Lalín 2000, que tanta riqueza traería á vida e que se deixa esquecida ano tras ano”. Lamentan, así mesmo, que o CIS se de por rematado cando “temos un grave problema na capacidade do aparcadoiro que ten que solucionarse o antes posible. Dar o centro de saúde por rematado é descoñecer totalmente a vida diaria que descorre nel”, asevera Ariadna Fernández, moi crítica por o que ela considera un desastre de xestión dun centro que chega anos tarde e que non cumpre espectativas “nin de lonxe”.
Máis non son os únicos temas que tratan os nacionalistas en canto aos orzamentos do 2025, que “deixan unha chea de diñeiro repartido en proxectos pantasma, sen nome e apelidos, que temos que crer que se van facer polos comunicados da Xunta de Galiza, non porque estén orzamentados de xeito concreto, coma o está, por exemplo, a Casa de Don Alvaro.” O portavoz do Bloque ten claro que “cando hai vontade explícita de levar a cabo un proxecto, este leva aparellado ao lado do seu nome o diñeiro que se vai investir nel, non queda difuminado en partidas que van para a provincia enteira e das que temos que fiarnos se levarán a cabo, sen que iso sexa real, coma levamos vendo anos. Unha cousa son as palabras e outra moi distinta os feitos.”
Lembran que estamos nun concello onde os servizos sociais e a atención á veciñanza están moi devaluados, que non se planea facer o centro de día que tanto se precisa sendo o único concello da nosa categoría que non conta con esta infraestrutura, tampouco investir en prazas de residencia pública ou na creación das prazas de escola infantil que precisamos para facerlle fronte á demanda de xeito responsable, ao igual que a falla do servizo de pediatría polas tardes que os nacionalistas xa plantexaron no Parlamento, co voto en contra do PP. Amósanse sorprendidos coas prioridades que ten o goberno municipal e tamén co anuncio de investimentos no IES Ramón María Aller Ulloa que non se especifican nos orzamentos, onde tampouco están os destinados en concreto á Oficina de Medio Rural entre outros, sendo auténticos actos de fe que nunca se cumpren e pídenlle ao goberno seriedade á hora de administrar os cartos de todas e todos os lalinenses.
Rematan asegurando que a veciñanza merece que os servizos básicos se cubran, que se lle dea importancia a garantir a súa calidade de vida, tanto á poboación urbana coma a rural, a grande esquecida dos orzamentos deste ano, ao igual que o sector primario, en concreto o do lácteo que tanta importancia ten no noso concello, cunhas partidas ridículas a nivel de país e que en Lalín non garanten sequera os avances comprometidos nas reestruturacións parcelarias que se prometeron levar a cabo.
“Precisamos un proxecto de país e a novel local serio e centrado, que abandone a propaganda e os parches para os problemas reais, que logo quedan perdidos por falla dunha dirección clara que seguir e que comece vendo a realidade da veciñanza e as súas necesidades máis importantes, mellorando a nosa situación social e velando pola económica, de xeito que o estado de benestar se garanta” recalca Ariadna Fernández.