O BNG quere dotar a Lalín de Ciclos Formativos en agrogandeiría
A formación profesional ofrece unha base e unha especialización encamiñada a
que aquelas persoas que a cursen, en calquera das súas modalidades e variedade de
ciclos formativos, estean preparadas para o acceso ao emprego, capacitándoas para o
exercicio da profesión á que está adicada.
É, daquela, un conxunto de accións formativas que facilitan a adaptación as
modificacións laborais que poidan producir co paso dos anos gozando, o alumnado,
dunha relación estreita entre o mundo da formación e o desenvolvemento profesional,
combinándose as actividades no centro de referencia con prácticas en empresas
relacionadas co sector ao que está destinado o ciclo formativo en cuestión, onde
colabora abondo tecido empresarial.
O alumnado ten un acceso ao mundo laboral que, en moito casos, xa se continúa
coas practicas levadas a cabo na propia empresa, tendo unha alta aceptación do
alumnado por parte destas, motivo polo cal os ciclos formativos son unha opción de
futuro que ofrece vantaxes con respecto a outro tipo de formación.
2
Dado que ditos ciclos formativos son, en moitos casos, derivados da necesidade
de profesionais en moitos ámbitos e localizacións próximas, cabe agardar que se poidan
ir aumentando, chegando a moitas zonas do país, coma pode ser Lalín. Neste caso
contamos cunha oferta que non contempla unha pata moi importante da nosa economía
coma concello e coma comarca, por extensión, que é a da agricultura e gandería. É por
todos e todas coñecido o potencial que temos en Lalín no sector primario, máis en
concreto no eido da gandería de vacún en todas as súas formas, pero con especial énfase
na do sector leiteiro, sendo un importante piar neste senso a nivel de país. Con todo isto,
cabe agardar que, se pretendemos que o sector teña continuidade e o relevo sexa real,
unha das medidas a tomar é achegar a formación profesional neste eido a todos os
lalinenses que desexen cursala, sen que teñan que desprazarse.
Dotar á provincia de Pontevedra da oferta dun ciclo formativo superior en
Gandería e asistencia en sanidade animal, situado na capital do Deza, sería unha medida
con boa acollida por todas e todos aqueles mozos que ven na súa gandería familiar unha
boa opción de futuro, investindo no rural e traballando contra a crise demográfica dende
o propio ensino. Acompañando a este ciclo superior antes nomeado poderíase engadir,
ao coincidir no campo a desenvolver o ciclo de Produción agropecuaria, sendo unha
oferta completa nun concello no que hai demanda, adaptando a ensinanza á oferta
laboral da zona e evitando o desprazamento de todos e todas os que realizan esta
formación profesional que, en moitos casos, a combinan co traballo realizado na propia
explotación familiar, facilitándolles a conciliación das dúas actividades.
Polo anteriormente exposto, o Grupo Parlamentar do BNG presenta a seguinte
proposición non de lei para o debate en Pleno:
“O Parlamento insta a Xunta de Galiza a:
1. Dotar a Lalín da oferta do Ciclo Superior de Gandería e Asistencia en
Sanidade Animal, cubrindo a demanda de toda a comarca.
2. Dotar a Lalín do Ciclo Medio de Produción Agropecuaria.
3. Dotar a Lalín do Ciclo Medio de Produción Agroecolóxica.”