O BNG propón un programa municipal de cooperativismo de vivenda en alugueiro

A fronte nacionalista demanda que o Concello facilite solo e axudas públicas para poñer en marcha un modelo que xa ten experiencias de éxito noutros territorios.

Con esta fórmula de carácter comunitario facilitaríase o acceso a vivenda con alugueiros a prezos xustos.

Mari Fernández “Temos a oportunidade de converter Lalín nun referente en vivenda cooperativa, promovendo un modelo de Concello máis xusto, cohesionado e comunitario”

O BNG propón un programa municipal de cooperativismo de vivenda en alugueiro

 

O Bloque Nacionalista Galego de Lalín solicita a creación, antes de que finalice este ano 2025, dun programa municipal de impulso ao cooperativismo de vivenda en réxime de alugueiro ou cesión de uso, co obxectivo de combater a emerxencia habitacional que afecta ao Concello

A iniciativa busca ofrecer unha solución innovadora e accesible fronte á escalada imparable e inasumible dos prezos en Lalín dos alugueiros, que rexistraron un incremento  do 30% nos últimos catro anos e do 18% no último.

A Responsable Local do BNG de Lalín, Mari Fernández, xustificou a medida asegurando que “a veciñanza de Lalín non pode soportar esta situación e ver como o goberno local e Xunta de Galiza só aportan como solución o desenvolvemento dun número irrisorio de 17 vivendas na zona da Ronda Leste que non serían unha realidade até como mínimo o ano 2029”.

A proposta do BNG responde á necesidade de medidas urxentes ante a incapacidade do actual Goberno municipal para acometer politicas reais que poñan solución ao que califican dun dos principais problemas que ten o noso concello a día de hoxe. Neste contexto, o cooperativismo de vivenda preséntase como unha alternativa viable que combina os beneficios do alugueiro e da propiedade, promovendo un acceso digno, asequible e non especulativo.

 

Un modelo innovador para a estabilidade residencial

Mari Fernández puxo en valor o modelo alternativo que representa o cooperativismo de cesión de uso. Unha fórmula que permite que as cooperativas manteñan a propiedade colectiva dos inmobles, mentres as persoas socias obteñen un dereito de uso indefinido a cambio dunha achega inicial recuperable e cotas mensuais, a xeito de alugueiro, axustadas aos custos reais, non ao desorbitados prezos de mercado.

Este sistema elimina intermediarios especulativos, reduce custos e fomenta a participación democrática e a creación de comunidade. “É unha solución que garante estabilidade residencial e combate a especulación, para facer efectivo o dereito fundamental á vivenda digna”, resumiu a responsable local nacionalista.

Experiencias de éxito

O modelo proposto polo BNG inspírase en experiencias exitosas en territorios como Cataluña, Aragón ou Asturias, referenciadas en iniciativas como o cohousing de Dinamarca, onde o cooperativismo de vivenda demostrou ser unha ferramenta eficaz para promover concellos máis inclusivos e sustentables. En Lalín, onde a presión inmobiliaria especulativa dificulta cada vez máis o acceso á vivenda, “este programa podería marcar un antes e un despois”, subliñou Mari Fernández.

O BNG insta o Concello de Lalín a liderar esta iniciativa mediante a cesión de solo público, axudas económicas e unha regulación específica que facilite a creación de cooperativas de vivienda para alugueiro. “O Goberno municipal ten a oportunidade de converter Lalín nun referente en vivenda cooperativa, promovendo un modelo de vila máis xusto, cohesionado e comunitario”, defende Mari Fernánez.

O BNG propón un programa municipal de cooperativismo de vivenda en alugueiro