MARI FERNÁNDEZ: MEDIDAS PARA “POÑER EN VALOR OS NOSOS SOUTOS E CARBALLEIRAS”
O BNG de Lalín propón o “Proxecto Lalín. Bosques de alto rendemento”
O BNG de Lalín tén claro o modelo de sustentabilidade, rendemento, conservación e futuro para os bosques lalinenses, e por iso propón ao goberno municipal a posta en marcha dun proxecto que desde a fronte nacionalista denominan “Proxecto Lalín. Bosques de alto rendemento”co obxectivo claro de “poñer en valor os nosos soutos e carballeiras, a paisaxe forestal e todos os seus sistemas naturais asociados, evitando a súa degradación e diminución”.
A responsable local do BNG, Mari Fernández, defende este proxecto argumentando que “o aproveitamento e a rentabilidade dos nosos bosques non teñen por qué estar enfrontados coa sustentabilidade”. Para iso, segundo explica Fernández , “é fundamental contar con todos e todas os axentes implicados” na xestión forestal de Lalín. Deste xeito o BNG solicita a creación dun Foro Rural, a xeito de comisión consultiva e de participación en materia forestal “onde estararían representados todas as parroquias, os axentes de dinamización, o tecido asociativo, expertos e toda a veciñanza implicada”.
A aposta do BNG pasa necesariamente pola “multifuncionalidade” do rural lalinense. Así Mari Fernández aposta polo impulso desde o Concello de actividades e aproveitamentos que complementen as actividades agrogandeiras, forestais, de ocio e natureza. Buscan así poñer en valor a riqueza forestal de Lalín, o BNG ten claro que son precisas dende o goberno local “políticas atrevidas, claras e valentes” apostando pola defensa da nosa riqueza natural e “plantando cara dunha vez por todas ás agresións e a degradación dos nosos valores naturais, veñan de liñas eléctricas, eólicos, talas indiscriminadas ou contaminacións”.
Para levar adiante este ambicioso proxecto que o bosque de Lalín precisa de cara ao futuro, Mari Fernández ten claro que o concello ten que aplicar unha política de “Eucalipto 0”. Segundo explican desde o BNG “iso é pan para hoxe e fame para mañá. Temos conciencia medioambiental, de protección e aproveitamento dos nosos recursos naturais, e por iso a decisión política para que o Concello de Lalín sexa dunha vez por todas un concello verde”.
Desde o BNG solicitan ao goberno local que promova a substitución de plantacións de eucaliptos asesorando e promovendo a repoboación con especies autóctonas. Ademáis Fernández aposta por melloras fiscais para as plantacións con árbores do país e programas de axudas aos que decidan rexenerar plantacións de eucalipto por outras especies autóctonas. “O noso programa das municipais xa detallaba medidas para a posta en valor do noso monte porque ademais dos beneficios medioambientais iso fixa poboación e xera riqueza”, destaca a responsable nacionalista.
Tamén contemplan que no seu “Proxecto Lalín” un programa de fomento, estudo, divulgación e protección dos nosos espazos natuais, adicando especial coidado á flora e á fauna máis sensible do noso concello e “eliminando especies invasoras e exóticas con campañas para a súa erradicación”.
A maiores, desde o BNG destacan que o tesouro natural de Lalín que forma a súa biodiversidade fluvial está sendo ameazado a diario pola desidia das administracións e as malas prácticas, que provocan sistemáticamente verquidos nos ríos e regatos do municipio. Para rematar con esta problemática o BNG pide por en marcha medidas para preservar a calidade da nosa rede fluvial, evitar contaminación e poñer en marcha un protocolo de actuación de boas prácticas a carón da rede fluvial.