O BNG DE LALÍN PROPÓN MEDIDAS PARA QUE O CONCELLO PROMOVA O USO DO GALEGO

Paco Vilariño: “O galego ten que seguir sendo en Lalín o idioma da cidadanía, e para iso temos que facer políticas en positivo que se traduzan en máis uso e espazo”.

O BNG DE LALÍN PROPÓN MEDIDAS PARA QUE O CONCELLO PROMOVA O USO DO GALEGO

 


O Bloque Nacionalista Galego vén de presentar unha moción para o vindeiro pleno municipal, na que solicita unha serie de  medidas concretas para que o Concello se converta nun axente normalizador en prol do uso do galego. A iniciativa recolle medidas administrativas, culturais e sociais co obxectivo de “aumentar o uso e espazo da nosa lingua no en Lalín”.

 

O portavoz municipal do BNG de Lalín, Paco Vilariño, defendeu esta batería de medidas afirmando que “o galego ten futuro en Lalín mais hai que deixar de poñerlle atrancos e promover en positivo o seu uso en todos os ámbitos”.

 

Vilariño aposta por uha resposta “en positivo” diante da situación actual que constata un descenso do uso do galego en Lalín. Para o portavoz municipal nacionalista, o feito de que tal e como recolle o último estudo do IGE,  a baixada de poboación que nos últimos 5 anos deixaron de empregar o noso idioma é do 2,04%, unha realidade, que admitindo con satisfación que o noso Concello, non se atopa nas peores das situacións en comparación fundamentalmente coas cidades de Galiza, entendemos que é un dato que nos ten que poñer en garda para evitar esta dinámica negativa.

 

Co obxectivo de garantir o dereito “de toda a cidadanía de Lalín, como galegas e galegos que somos a podermos vivir plenamente no noso idioma”, desde o BNG demandan que o Concello de Lalín se converta nun verdadeiro axente normalizador en prol do galego e que desista da súa complicidade “por acción ou por omisión” coas políticas galegófobas que aplica a Xunta do Partido Popular.

 

Na moción recóllense medidas concretas como a creación do Servizo de Normalización Lingüística  do Concello, posta en marcha dun Consello Social da Lingua, a realización dun estudo sociolingüístico do Concello ou un Plan de Dinamización Lingüística. Tamén propoñen que se garanta a atención pública en todos os servizos municipais en galego e que se aplique a chamada “oferta positiva” para que a lingua galega sexa a primeira opción na atención á cidadanía.

 

A creación dunha Oficina Municipal de Dereiros Lingüísticos, a posta en marcha dun programa estable de promoción do uso do galego en Lalín, especialmente entre a mocidade, promover o uso da lingua no sector comercial e na hostalaría ou desenvolver accións de apoio a neofalantes e ofrecer cursos gratuítos, son outras propostas.

 

Na moción recóllese expresamente a demanda de que se garanta e priorice o uso do galego en todos os eventos públicos organizados ou subvencionados polo Concello.

O BNG DE LALÍN PROPÓN MEDIDAS PARA QUE O CONCELLO PROMOVA O USO DO GALEGO