MARI FERNÁNDEZ: “É EVIDENTE QUE O PP NON TEN MODELO DE VILA”
O BNG de Lalín pide a elaboración dun Plan de Tráfico
O BNG de Lalín denuncia a tomadura de pelo constante do goberno local do PP, que leva anos anunciando a elaboración dun Plan de Tráfico mais a realidade é que segue sen nen sequera presentalo. Para o Bloque, esta é outra mostra máis da incapacidade e do desleixo dun executivo que vive instalado na propaganda e nas fotos, mentres Lalín continúa sen unha mínima planificación na mobilidade urbana.
A Responsable Local do BNG, Mari Fernández, afirma que“as veciñas e veciños están fartas de sufrir o caos circulatorio, os atascos diarios, e a descoordinación absoluta nas obras e cortes de rúas”, explican dende o grupo nacionalista. “O PP leva anos prometendo un Plan de Tráfico e o único que temos é desorde e improvisación. Non hai proxecto nin visión. É evidente que o PP non ten modelo de vila.”
O BNG considera que o goberno popular carece por completo de ideas e de compromiso co futuro de Lalín, e que a súa xestión está marcada polo abandono, a falta de diálogo e o desprezo pola veciñanza. “O PP pensa que gobernar é sacar fotos e facer anuncios baleiros, pero o tempo xa os deixou en evidencia: nin plan, nin orde, nin rumbo”, denuncian.
Por iso, o Bloque esixe a elaboración inmediata dun Plan de Tráfico serio, participado e sustentable, que poña fin ao caos e sente as bases dun modelo de vila pensado para as persoas, non para os intereses partidistas do PP.
“Lalín merece un goberno que planifique e que pense no ben común, non un PP esgotado e sen ideas que só mira polo titular do día”, conclúe Mari Fernández.