VILARIÑO LEVARÁ A PLENO UNHA MOCIÓN PARA PEDIR DOTACIÓN DE PERSOAL NO SERVIZO

O BNG de Lalín denuncia “o escándalo” da atención en saúde mental no CIS

cis
O BNG de Lalín denuncia “o escándalo” da atención en saúde mental no CIS

 

O BNG de Lalín considera “un escándalo insoportable”
e unha auténtica “falta de humanidade” o que está a acontecer en Lalín cos pacientes
que precisan do servizo de saúde mental. “Levamos moito tempo recibindo queixas de
veciñas e veciños en situacións dramáticas”, explica o voceiro do BNG Paco Vilariño. O
BNG de Lalín levará ao vindeiro pleno municipal unha moción para demandar unha
axeitada cobertura de persoal neste servizo no Centro Integral de Saúde (CIS). Desde o
BNG denuncian casos de “extrema gravidade” que están a sufrir veciñas e veciños e
para os que nin o CIS, nin o Sergas nin o Concello “buscan solucións”.
Paco Vilariño criticou a “pasividade” do goberno local de Lalín na demanda da
cobertura de servizos deficitarios do CIS, como é o caso da atención en saúde mental,
un servizo que en Lalín está “precarizado”. Critica o voceiro local que para a atención a
unha área de arredor de 40.000 persoas, o CIS só conta cun psiquiatra e un psicólogo.
Denuncia o BNG que na práctica esto se traduce en que “una persoa que pide vez para
que a vexa un psiquiatra en Lalín tarda un mínimo de 4 meses en que o Sergas lle dea
resposta”.
Vilariño explica que ten recibido numerosas queixas sobre casos “dun escándalo
insoportable”, de pacientes de saúde mental do concello “mesmo con tentativas de
suicidio” que levan desde outubro agardando por unha cita de psiquiatría. O BNG de
Lalín considera “insostible” este “maltrato” á veciñanza, mentres o Sergas e o goberno
do señor Crespo “miran cara outro lado”. Son moitos, segundo denuncia o BNG, os
casos de veciñanza afectada por esta “falta de humanidade” que está a provocar un
auténtico colapso no CIS “e que mesmo nos partes médicos están a denunciar os
propios médicos de atención primaria”.
O BNG de Lalín levará ao vindeiro pleno unha moción para demandar da Consellería de
Sanidade que dote ao CIS de máis persoal na área de saúde mental. “Como mínimo
exiximos que o Sergas cree unha praza máis en psiquiatría e outra en psicoloxía” para
que a veciñanza que precisa destes servizos sanitarios públicos “sexa atendida en tempo
e forma, e coa atención pública de calidade que lle corresponde”.

“Non é de recibo que un veciño que ten unha depresión por un problema médico que lle
ocasiona dores insoportables cada minuto da súa vida non reciba resposta inmediata nin
do especialista correspondente nin da área de saúde mental, e xa é escandaloso que eso
aconteza con persoas con claras tendencias suicidas pola súa situación persoal e que lles
consta que xa tiveron tentativas de quitarse a vida”. Diante deste “auténtico drama
sanitario” que viven moitos veciños e veciñas de Lalín, o BNG asegurou que “non imos
deixar de insistir na dotación de persoal axeitada en saúde mental até que a nosa
veciñanza conte cun servizo de saúde mental axeitado e de calidade”.
Lembra o BNG lalinense que as cifras da atención en saúde mental na área sanitaria á
que pertence Lalín -Santiago-Barbanza- son “vergoñentas”. Segundo os últimos datos
oficiais das listas de agarda do Sergas -correspondentes ao mes de xuño de 2024- nesta
área sanitaria á que pertence a Comarca do Deza “hai perto de 30.000 persoas
agardando por unha consulta. No caso das consultas externas de psiquiatría, na área
sanitaria son case 1.400 as persoas en lista de agardas”, critica Vilariño.
Segundo as denuncias públicas dos propios sanitarios da área de saúde mental do
Sergas, estas cifras supoñen que “na práctica temos veciñanza de Lalín que pide cita
para ser atendido por un psiquiatra e ten que agardar 4 meses para ter cita, e aínda x riba
en moitas ocasións desprazándose a Compostela”, denuncia Paco Vilariño. O mesmo
acontece no seguimento dos pacientes na área de saúde mental do Sergas, onde os
propios psiquiatras denuncian que logo de atender a un paciente nunha primeira cita
“para a segunda teñen 12 ou 13 minutos por paciente”, e o sistema non garante nin
sequera que sexa o mesmo profesional o que os atende, o que ocasiona nos usuarios
“auténticos problemas psicolóxicos engadidos”.

O BNG de Lalín denuncia “o escándalo” da atención en saúde mental no CIS