VILARIÑO: “ESIXIMOS QUE SE DOTEN OS MEDIOS AXEITADOS PARA ESTES SERVIZOS PÚBLICOS"

O BNG de Lalín denuncia o colapso na atención municipal pola limpeza de fincas

Paco Vilariño
Paco Vilariño
O BNG de Lalín denuncia o colapso na atención municipal pola limpeza de fincas

O Bloque Nacionalista Galego de Lalín denuncia a situación de colapso que nestes días está a padecer a Oficina Agraria municipal e o Punto de Información Catastral a causa da incapacidade e da falta de previsión do goberno local á hora de atender os requerimentos para limpeza de fincas enviados polo Seaga.

Nas últimas semanas, a Xunta de Galiza remitiu máis de 7.000 requirimentos a propietarios e propietarias de fincas sitas en Lalín para que acometan a súa limpeza e cumprir coa Lei de Montes de Galiza, en vigor desde setembro de 2012.

Porén, decidiron agora lembrar agora estas obrigas, só despois de que o noso país sufrise unha das maiores vagas de lumes da súa historia recente.

O seu voceiro municipal, Paco Vilariño, denuncia que este envío masivo de notificacións está a provocar que centos de veciños e veciñas de Lalín se acheguen á Oficina Agraria para solicitar información sobre as medidas a adoptar e, en moitos casos, ao Punto de Información Catastral para poder identificar con exactitude as súas fincas. A consecuencia é un colapso total do servizo, con longas colas á entrada e graves molestias para a cidadanía.

Desde o BNG de Lalín destacan que, de terse realizado unha vixilancia continua e un traballo serio ao longo do tempo, o Concello podería ter evitado tanto esta situación de saturación como o elevado risco de incendios ao que estivemos expostos. O que hoxe se está a vivir é froito directo da improvisación e da falta de planificación da Xunta de Galiza e do Concello de Lalín que deriva nunha nefasta atención á cidadanía.

O BNG de Lalín esixe ao Concello que dote de medios axeitados estes servizos públicos e que asuma de maneira responsable as súas competencias, para garantir unha atención digna á veciñanza e para que a xestión forestal e territorial se realice con rigor e continuidade, non a golpe de improvisación e desgoberno.

 

O BNG de Lalín denuncia o colapso na atención municipal pola limpeza de fincas