PACO VILARIÑO: “QUEREMOS DOTALA DE SEGURIDADE PARA O TRÁNSITO PEONIL”.

O BNG de Lalín demanda beirarrúas no treito da Rolda Leste que conecta co CIS

O BNG de Lalín demanda beirarrúas no treito da Rolda Leste que conecta co CIS

O BNG de Lalín reclama ao goberno municipal que dote de beirarrúas o treito da Rolda Leste, comprendido entre a rotonda do Alto de Vales e o cruce coa rúa 4, un tramo de pouco máis de 100 metros que a día de hoxe carece das máis mínimas condicións de seguridade para o tránsito peonil.

Relatan desde o BNG que xa antes da posta en marcha do novo Centro Integral de Saúde de Lalín era habitual ver moito tránsito de persoas nesta zona, mais coa súa apertura é evidente que aumentou substancialmente. Desde primeira hora da mañá son moitos os veciños e veciñas que acoden ao centro sanitario, viéndose obrigados a camiñar pola beiravía. A situación agrávase coa chegada do inverno e o cambio oficial de hora, cando deben transitar de noite, con escasa iluminación e visibilidade, o que supón un risco evidente para a súa seguridade.

O seu voceiro municipal, Paco Vilariño, afirma que o perigo increméntase polo estacionamento de vehículos, moitos deles pesados, na propia beiravía, que obriga ás persoas a circular pola calzada, compartindo espazo co tráfico rodado, o que xenera unha situación de risco que non se pode tolerar por máis tempo.

Dende o BNG lembran que a construción destas beirarrúas pode realizarse sen necesidade de adquirir novos terreos, mesmo aproveitando o espazo que actualmente se destina a estacionamento. A supresión destas prazas non xeraría problema ningún, pois a contorna dispón de suficiente capacidade de aparcadoiro.

A fronte nacionalista nacionalistas pon tamén de manifesto que nos últimos días a brigada municipal de obras está a repoñer beirarrúas noutros puntos da vila, como na rúa da Habana, e mesmo a construír novos tramos, como é o caso do recentemente executado ao final da rúa do Tirabeque.

O BNG pregúntase se estas actuacións teñen prioridade por estaren á beira da Casa do Concello, cuestionando se son realmente máis necesarias para a veciñanza que a construción do treito reclamado, que dá acceso directo ao Centro Integral de Saúde.

O BNG de Lalín insta ao goberno municipal a atender con urxencia esta demanda veciñal, priorizando a seguridade e o benestar da cidadanía e anuncia que lavará dita proposta ao seguinte pleno municipal.

 

O BNG de Lalín demanda beirarrúas no treito da Rolda Leste que conecta co CIS