-MARI FERNÁNDEZ INSTA AO PP A “DAR CONTA DOS OPERATIVOS E ACTIVIDADES PREVENTIVAS” ANTES DO COMEZO DA CAMPAÑA DE LUMES

O BNG exixe ao Concello de Lalín un plan preventivo e de resposta fronte aos incendios forestais

Bombeiros Forestais
Bombeiros Forestais
O BNG exixe ao Concello de Lalín un plan preventivo e de resposta fronte aos incendios forestais

O BNG de Lalín pon “a prevención por diante como base da loiuta contra os incendios forestais” e por iso exixe ao goberno local do PP que poña sobre a mesa “un plan preventivo e de resposta” logo dos incendios forestais rexistrados xa na última semana na comarca do Deza e cando faltan só uns meses para a campaña de incendios que o pasado mes de agosto “xa advertiu de que a falta de prevención nos meses de inverno e primavera está detrás de moitas das hectáreas queimadas no país cada ano”. A responsable local, Mari Fernández Sanmartín, advirte ao goberno de Crespo que “de nada nos sirve estar a construír en Lalín unha base de helicópteros se as labores de prevención e o operativo non están listos xa a estas alturas do ano”.

O BNG lalinense está “preocupado” logo de coñecer o pasado mes de marzo o novo Plan de Defensa contra Incendios de Galiza 2026 por parte da Xunta, un modelo “esgotado, raquítico e claramente insuficiente” que non ofrece confianza para afrontar unha nova tempada de verán na que “a propia Xunta prevé un aumento da xa cifra récord de hectáreas queimadas o ano pasado”. Diante desta situación, e do “abandono e pasotismo” do goberno local do PP diante desta “grave ameaza para o noso concello” o BNG de Lalín pídelle ao PP local “responsabilidade e prevención” diante deste problema.

Fernández Sanmartín asegura que “no concello de Lalín os deberes están sen facer”, cando a resposta da Xunta de Rueda aos devastadores incendios do pasado mes de agosto foi “poñer as competencias en materia de prevención en mans dos concellos”. Mari Fernández critica que “mentres cada día vemos no Diario Oficial de Galiza chamamentos dos concellos de todo o país para xestións da biomasa, falta a primeira que faga o Concello de Lalín”. Desde o BNG lalinense “vemos con preocupación unha nova irresponsabilidade do goberno local do PP, que semella que volve fiar á sorte o que poda acontecer cos incendios nesta campaña de verán no noso concello”.

O BNG de Lalín considera “unha irresponsabilidade” a actitude que está a manter “un ano máis o goberno local do PP”, por iso, e diante dos incendios que se están a rexistrar nesta última semana e que avanzan preocupación de cara a unha nova campaña problemática, “demandamos ao goberno do señor Crespo que se arremangue, que exerza as súas competencias e poña en marcha unha mesa de traballo que defina exactamente o estado da biomasa en cada recuncho do concello, o mantemento de pistas, devasas e puntos de auga, os medios e as actividades de prevención precisas en todo o concello diante dunha nova posible emerxencia”. Do contrario, advirte Fernández Sanmartín “non valerá botar as mans á cabeza si o lume chega ao noso concello e mirar cara outro lado sabendo que as debidas labores de prevención están sen facer”.

 

 

 

 

O BNG exixe ao Concello de Lalín un plan preventivo e de resposta fronte aos incendios forestais