O BNG DENUNCIA QUE VECIÑANZA LEVA ANOS AGARDANDO POLO SAF
Un dos bens máis prezados que temos no Concello de Lalín
e por extensión en Galiza, son os nosos maiores, fonte de experiencia e de sabedoría
acumulada co paso dos anos, un ben que debería ser coidado por todas e todos, tamén
pola administración e por quen nos goberna. Mais, aínda que se trata dunha poboación
que require dunha atención moi especializada e sensible, parece que na capital do Deza,
este colectivo e por extensión as súas familias quedan constantemente esquecidas.
O portavoz municipal, Paco Vilariño, afirma que a falla de atención no noso concello é
ben coñecida por todos os que precisan de calquera servizo que se relacione coa
atención dos máis maiores e que comeza funcionando de xeito precario xa no primeiro elo
da cadea, na atención que é prestada polo Concello. Pero a responsabilidade non é Dos
traballadores e traballadoras de Servizos Sociais, que realizan a súa labor coa máxima
responsabilidade e eficiencia posible, senón da falta de capacidade para levar adiante o
traballo con garantías pola falta de medios humanos, e o que é máis grave, a decisión do
goberno local de non tramitar debidamente o cupo de horas para dependencia e así non
prestar o servizo á cidadanía, cunha finalidade clara que é a de non gastar nalgo tan
fundamental.
O pasado verán, o BNG xa denunciara publicamente o agravio para os habitantes do
concello que supoñía non cubrir as baixas ou vacacións dos traballadores sociais,
deixando aos veciños sen un servizo básico e moi sensible, creando situacións realmente
alarmantes e que non se poden permitir neste tipo de atención, que debera ser levada a
cabo coa maior présa e eficiencia posible. A situación que se arrastra a día de hoxe, é tan
desesperante para as familias que a única maneira coa que os veciños poden combater
esta situación é presentando reclamacións que nen tan sequera son contestadas por
parte do Goberno municipal.
A situación de Lalín no referente aos servizos sociais é tan dramática que hai casos que
chegaron a membros do Bloque nos que, afectados polo desleixo do PP, demostraron coa
documentación pertinente ter solicitado o servizo do SAF hai meses para os seus
proxenitores, servizo no que desgraciadamente non chegou sequera a tempo a valoración
para ser prestado, xa que a persoa destinataria deste faleceu moitos meses despois sen
ser valorada polos servizos sociais lalinenses.
A falla de responsabilidade, empatía e boa labor por parte do goberno é o que máis
destacan os nacionalistas na súa crítica, sen saber, apuntan, que máis ten que ocorrer
para que prestemos atención a un servizo imprescindible para os seus destinatarios, as
súas familias e a conciliación destas, lembrando que en Lalín non temos nen Centro de
Día público por decisión da Xunta de Galiza e o goberno do concello, temos unhas
condicións precarias nas traballadoras do SAF e non chegamos a ser capaces de valorar
aos nosos dependentes por falla de persoal e vontade política para poder prestarlle o
servizo que merecen e que pagaron cos seus impostos.
Califica Vilariño a situación de preocupante e vergoñenta e esixe explicacións para
aqueles que levan meses e anos agardando a recibir dito servizo e para todos os veciños
e veciñas afectados. Feitos estes que diante da ocultación de dicirlle a verdade á
veciñanza, o mínimo que s pode esixir para poder saber a que aterse en cada situación
particular e familiar, está conlevando un coste económico e social aos demandantes
enorme e en moitas ocasións inasumible, que fartos de agardar nalgúns casos máis de
dous anos víronse na obriga de ter que presentar ante A Valedora do Pobo unha
reclamación, que foi admitida a trámite debido obviamente aos feitos contrastados que
relata a mesma.
Remata Vilariño afirmando que ter que chegar a estos extremos por parte da veciñanza o
único que amosa é a nefasta xestión do goberno cos máis vulnerables, e esíxelle ao PP
que axilice a adxudicación do servizo para garantir unha atención digna ás persoas
dependentes.