ACUSA AO GOBERNO DE INCAPACIDADE E DE MENTIR Á CIDADANÍA
O BNG DENUNCIA QUE FORON AS PEORES FESTAS DA HISTORIA E SOLICITA A COMPARECENCIA DO ALCALDE E JOSÉ CUÑARRO
O BNG de Lalín e a inmensa maioría da poboación de Lalín fai un demoledor balance das Festas de Lalín valorando que foron as peores da toda a historia do noso Concello que se lembre. Evidentemente para a nosa organización política non é o resultado da casualidade, senón que coincide que este ano foi o primeiro no que o Goberno municipal organizaba as mesmas e que demostrou a súa incapacidade para xestionar as mesmas, evidenciando que calquera comisión de festas anteriores deixou no máis absoluto ridículo ao PP.
Vaia por diante a nosa clara e rotunda condena aos actos violentos do pasado luns e o noso apoio e solidariedade coas víctimas, tanto cos agredidos como cos pais e nais e nenos e nenas que tiveron que ser testemuñas directas do que nunca tivo que ter acontecido e nunca pode ter xustificación. Queremos manifestar o noso apoio ao goberno na toma de medidas para que isto nunca máis volva suceder.
Máis unha vez, pensamos que un dos motivos de semellante fracaso responde a un programa pobre, sen apenas máis alternativas que a cultura do alcol, onde os nenos e nenas foron os grandes esquecidos, sen atraccións, os hinchables que se puxeron o domingo e luns sen plan de seguridade, cunha centralización das actuacións, que co fin de facer negocio coa barra desertiza a vila, arcos das luces apagados, etc. Para o BNG o PP non só amosou a súa incapacidade para poder organizar tal evento, senón que mentíu á cidadanía para xustificar a marcha das atraccións e fixo gala da máis absoluta prepotencia. Proba evidente disto é que intentaron xustificar a falta de atraccións anunciando que era por falta de seguridade ao mesmo tempo que dicían publicamente que lle ofreceron para non marchar instalarse gratis, en que quedamos?. Tampouco podemos esquecer que dita proposta de instalarse gratis, que evidentemente desmonta o argumento da seguridade, é unha completa ilegalidade.
O enorme impacto negativo económico e de imaxe pública que tivo o noso Concello como consecuencia da nefasta xestión do PP, require que explique en Pleno todos estos feitos resumidos anteriormente e que desde logo, como políticos profesionais, asuman responsabilidades. Non hai ningún tipo de escusa na que xustificar tanta incompetencia, nen tan se quera as condicións climatolóxicas que foron favorables, e moito menos, a falta de medios xa que tiña todo o aparato municipal a súa disposición.