OS NACIONALISTAS LAMENTAN QUE NON HAXA NINGUNHA VACANTE DA GARDA CIVIL PARA A ZONA E INSTAN Á SUBDELEGACIÓN DE GOBERNO A ADIANTAR A REUNIÓN PREVISTA PARA XANEIRO
O BNG DENUNCIA A FALLA DE EFECTIVOS DA GARDA CIVIL E A POLICÍA LOCAL EN LALÍN
Este pasado martes, coa publicación do Boletín Oficial da Garda Civil, confirmouse que no listado de vacantes por unidades non aparece nin Lalín, nin tampouco Rodeiro, Silleda ou Vila de Cruces, a pesares do acordado na Xunta Local de Seguridade no pasado mes de setembro. Foi nesa reunión onde o subdelegado de goberno, Abel Losada, se comprometeu a cubrir as tres vacantes coxunturais de Lalín, que segundo el mesmo quedarían resoltas ao saír os novos destinos, provéndose tamén aínda que de xeito eventual, de tres gardas civís en período de prácticas durante un ano, supeditándoo a que estes solicitaran a compaña de Lalín. Unha vez rematado ese período, aclarábase, que estes novos gardas terían que solicitar un destino fóra da cabeceira de comarca, de xeito uqe sería simplemente un parche para o caso lalinense e, por extensión, da comarca.
Dende o BNG lamentan que estes compromisos quedasen en papel mollado ao asegurar, segundo os datos dos que dispoñen e que contrastaron, que non apareza ningunha praza vacante para a zona, de xeito que non serán cubertas, sen chegar tampouco os gardas civís en prácticas cos que se contaba xa no mes de outubro, segundo o compromiso acadado na reunión citada e que evidentemente se incumpriu.
O portavoz do BNG lembra “os problemas de seguridade son dos que máis preocupan aos e ás lalinenses, sen que ninguén tome medidas ao respecto, de xeito que a poboación se sinte desprotexida e, segundo Paco Vilariño, así o estamos todas e todos a diario, sendo palabras baleiras e politiqueo barato. Non entendemos que se resolvan estas eivas e se reforce este servizo en Lalín cando as queixas da veciñanza son constantes, cando temos unha soa patrulla da garda civil para todo o Deza, coa extensión territorial que iso supón e onde temos claro que precisamos como mínimo tres, sentíndonos abandonadas á nosa sorte, onde en lugar de reconducirse a situación que sufrimos, se está agravando”.
Dende o Bloque sinalan que “o posto principal de Lalín ten menos persoal do que necesita, contando cunha área de prevención con 13 ou 14 efectivos, cando tería que ter un mínimo de 20 integrantes, de xeito que a mingua que afecta aos tempos de resposta dos axentes é evidente ao verse obrigados a cubrir grandes distancias pola dispersión propia da comarca”.
Os nacionalistas solicitan que a reunión co Subdelegado de Goberno se adiante e se celebre antes do Nadal, debido á urxencia do asunto a tratar e ao que agora saben que eran compromisos propagandísticos e que non se van facer realidade e lembraban os problemas de fallas de axentes da Policía Local, que só se atopan patrullando dúas noites na fin de semana. Recordan que dende o cambio de goberno se reduciron de 15 a 10 os axentes da Policía Local na vila, que en ocasións son 9, co iso conleva para a veciñanza e o seu benestar.
Remata portavos nacionalista Paco Vilariño manifestando “Lonxe de haber vontade política para atallar o problema, o que se está é deixándonos abandonados».