MARI FERNÁNDEZ ACHACA AO “DESPILFARRO” O PLAN FINANCEIRO BIANUAL QUE O GOBERNO LOCAL PROPÓN LOGO DE RACHAR COA REGRA DE GASTO
O BNG critica que “de novo” será a veciñanza quen pague “a mala xestión” do goberno do PP
23 abr. 2026 - 17:17
O BNG de Lalín cualifica como “a crónica dunha morte anunciada” o plan financeiro bianual para 2026-2027 que onte anunciou o goberno do PP logo de rachar a regra de gasto. “Levamos moito tempo decíndolle ao goberno do PP que mudara o rumbo na xestión dos cartos públicos”, advertiu a responsable local, Mari Fernández Sanmartín, “e finalmente a mala xestión, o despilfarro e a débeda do goberno de Crespo van a pagalo as veciñas e veciños de Lalín” cun novo crédito de 4,2 millóns de euros que “non servirá máis que para poñer un parche na sangría das arcas municipais e endebedará aínda máis ás veciñas e veciños de Lalín, que seguimos pagando as facturas dunha xestión económica nefasta no noso concello”.
Fernández Sanmartín advírtelle ao goberno do PP “que non conte co BNG para tapar as súas vergoñas” e exixe aos responsables locais “que deixen de mentirlle á veciñanza, facendo as contas da leiteira para rematar dando de fronte coa realidade”. A responsable local nacionalista exixe “xa, e de xeito urxente, un mea culpa dos responsables municipais do PP e un xiro radical na súa política económica”. Critica Fernández Sanmartín que os sucesivos gobernos de Crespo en Lalín “levan desangrando economicamente os cartos públicos do noso concello durante anos”, aumentando “sen control” o despilfarro e a débeda municipal “que pagamos todas e cada unha das veciñas”.
Diante desta situación “xa non valen escusas nin parches”, sinalou a responsable local do BNG “hai que asumir responsabilidades e virar o rumbo”. Desde o BNG de Lalín “levamos anos advertindo que isto ía acontecer cedo ou tarde”, e explica Fernández Sanmartín que tal e como recoñeceu onte a tenente de alcalde “claro que isto é unha decisión política, é a decisión duns políticos que son pésimos xestores dos cartos públicos”.
O BNG de Lalín critica tamén que o goberno local do PP “tente esconder a súa mala xestión mesmo en obras de saneamento nas parroquias”. Fernández Sanmartín convida ao PP lalinense a “dar a cara por unha vez e deixar de agochar a súa incompetencia vendendo fume”. Desde o BNG local “levamos meses analizando os datos oficiais e a situación económica do noso concello, e advertindo de que as cousas non van ben”. A responsable local lamenta que “a realidade volve darnos a razón, fronte a un goberno soberbio que neste tempo non foi quen de reaccionar e mudar o rumbo”. Lembra Fernández Sanmartín que “advertimos por activa e por pasiva da débeda inasumible do concello, dos fastos, os despilfarros e os proxectos faraónicos do goberno do PP, de que temos o goberno máis caro da nosa historia... pero o PP non escoitou ningunha advertencia, e agora imos pagar os pratos rotos todas as veciñas e veciños”, critica Fernández Sanmartín.