ACLARAN QUE PRESENTARÁN INICIATIVAS PARLAMENTARES PARA QUE ESTE SERVIZO BÁSICO SE RESTABLEZA O ANTES POSIBLE

O BNG CRITICA A FALLA DE 3 PEDIATRAS NO CIS, QUE DEIXA DESATENDIDAS ÁS CRIANZAS DE LALÍN E DOS CONCELLOS COLIDANTES.

Imagen de WhatsApp 2024-11-06 a las 12.23.18_aa0c0b35
Imagen de WhatsApp 2024-11-06 a las 12.23.18_aa0c0b35
O BNG CRITICA A FALLA DE 3 PEDIATRAS NO CIS, QUE DEIXA DESATENDIDAS ÁS CRIANZAS DE LALÍN E DOS CONCELLOS COLIDANTES.

Dende o BNG admiten “non nos resulta sorprendente que se vaian eliminando servizos na sanidade lalinense, é unha tónica de todo o país que non fai máis que confirmar a intención do Partido Popular galego de desmantelar a sanidade pública, coa indiscutible colaboración do goberno local de Lalín, que cala diante de tal agravio para as crianzas do noso concello e dos arredores”.

Os nacionalistas, que recentemente rexeitaron acudir á inauguración do novo CIS ao definila coma “un simple acto propagandístico, que non vai mellorar en absoluto a atención dos doentes lalinenses. Precisamos moito máis que unhas instalacións novas; o persoal sanitario continúa a ser escaso, as especialidades non chegan e non se cumpren as promesas no tocante á base de helicópteros e ao servizo de hemodiálise, por non falar do auténtico despropósito da falla de prazas de aparcadoiro nun proxecto novo, que por certo xa ten filtracións de auga a través da cuberta”, asevera o portavoz Paco Vilariño.

Dende o Bloque, explican que hai dous modelos sanitarios contrapostos, o do BNG, que aposta polo investimento do 25% dos orzamentos en materia de sanidade na atención primaria, que soluciona o 90% dos problemas dos lalinenses e galegos por extensión, e o do PP, que trata de desmantelar a sanidade pública, favorecendo a empresa privada, na que grande parte da poboación non podería ser atendida por motivos económicos.

Tanto o portavoz lalinense Paco Vilariño coma a deputada Ariadna Fernández valoran a falla de pediatras de Lalín coma unha “auténtica desvergoña e declaración de intencións do goberno local e da Xunta de Galiza, que esquece aos concellos do rural, aos pais e as nais e, o máis vergoñento, ás crianzas, que sofren os efectos dunha atención cada vez máis precarizada” e comprométense a continuar coa defensa da sanidade pública de Lalín, neste caso tamén a través de iniciativas a este respecto no Parlamento Galego, que se presentarán ao longo desta semana, continuando cunha batalla que levan encabezando anos.

O BNG CRITICA A FALLA DE 3 PEDIATRAS NO CIS, QUE DEIXA DESATENDIDAS ÁS CRIANZAS DE LALÍN E DOS CONCELLOS COLIDANTES.