CONSIDERAN UNHA PROVOCACIÓN POR PARTE DO GOBERNO INCLUÍR ESTE TIPO DE CONCURSOS DE BELEZA FEMININOS NA PROGRAMACIÓN CULTURAL LALINENSE.
O BNG ACUSA AO GOBERNO DE ELIMINAR COMENTARIOS NAS REDES SOCIAIS DO CONCELLO ONDE UNHA VÍTIMA DE VIOLENCIA MACHISTA ACUSA A UN DOS ORGANIZADORES DO CERTAME MISS GRAND GALICIA.
“A celebración do concurso de beleza Miss Grand Galicia esta fin de semana no Salón Teatro de Lalín é unha manifestación máis de violencia simbólica contra a muller. A colaboración municipal cos organizadores dun certame de carácter privado e de formato anacrónico, prestando o local para que se leve a cabo, non é máis que poñer medios públicos a disposición para que este tipo de concursos se desenvolvan aportando gratuitamente un espazo público, feito que consideramos unha falla de respecto para a veciñanza, atentando contra os valores da igualdade e contra as múltiples campañas en prol da igualdade que se fan e das que o propio Concello participa como institución pública” declaran dende o BNG a respecto do anuncio do certame de beleza dentro da programación cultural lalinense.
A través das redes sociais do Concello de Lalín, anunciouse nos pasados días a programación que se levará a cabo ao longo deste mes de outubro, dentro da cal, nun principio, se encadraba a celebración do Certame de Beleza Miss Grand Galicia, como así figura nos cartaces informativos deste mes da Concelleira de Cultura. Os nacionalistas definen como “insulto á cidadanía incluír un acto deste tipo onde se cosifica de xeito claro á muller dentro dunha programación supostamente cultural, que se afasta moito diso en realidade e que amosa a pouca sensibilidade coas mulleres e con todas e todos os que traballamos a diario en prol do feminismo”.
Aproximadamente 24 horas despois do anuncio das actividades do mes, este certame foi eliminado das redes do concello, aínda que os cartaces físicos continúan a amosar a data de celebración de dito acto. Máis non foi só iso o que se eliminou por parte do goberno, tamén se borraron os comentarios a colación deste certame e da súa organización que aparecían nas redes sociais do Concello de Lalín. Neles, un recente e outro de fai meses, aparecía unha denuncia pública e relevancia, facilmente contrastable por unha entidade pública, que se facía referencia a unha condena por violencia de xénero cara unha muller por parte dun dos organizadores de Miss Grand Galicia.
“Tratar de silenciar este tipo de declaracións dunha vítima eliminando comentarios en redes ou partes da propia programación cultural é un acto de covardía por parte do goberno, unha provocación sen precedentes neste senso e que non pode quedar oculta para a veciñanza” así define o BNG a “actitude vergoñenta de quen nos debera representar e non o fai, sen a menor sensibilidade e apoio para quen o precisa nestes momentos” conclúen.
Dende o Bloque pedirán explicacións á Concelleira de Cultura no próximo pleno para que aclare o ocorrido arredor desta suposta programación cultural e dos organizadores do certame, asegurando que “isto non quedará silenciado por moito que eles manobren para que non se saiba que son cómplices de algo tan grave a día de hoxe na sociedade na que vivimos e na que os nosos fillos e fillas deben medrar en igualdade”.