OS NACIONALISTAS ACHEGAN INICIATIVAS Á CONSELLERÍA DE POLÍTICA SOCIAL POLA CRISE DERIVADA DA FALLA DE PRAZAS DE ESCOLA INFANTIL PARA AS CRIANZAS DE LALÍN
O BLOQUE INSTA Á XUNTA DE GALIZA A DOTAR DE PRAZAS AS ESCOLAS INFANTÍS PÚBLICAS DE LALIN
A adquisición por parte de Scientia School do colexio Sagrado Corazón no 2020 a través dunha poxa levada a cabo en Vigo por valor de 2,7 millóns de euros, remataba cunha longa loita entre o persoal do centro e os antigos propietarios e facía presaxiar unha nova etapa para a empresa, onde a nova xerencia se comprometía a conservar ao persoal existente e ordenar a situación do colexio en xeral, dentro do cal se encadraba, a estes efectos, a escola infantil. A situación non mudou en exceso co paso dos meses e, xa chegados ao curso pasado, no ano 2023, os problemas polo atraso das nóminas das traballadoras comezou a ser a tónica habitual da empresa, que se foi estendendo no tempo ata o momento actual, no que algunhas delas acumulan ata 4 meses de atraso no ingreso do seu salario. Dadas estas condicións, unha vez iniciado o curso escolar, as crianzas son atendidas por dúas profesionais, unha mestra de nova incorporación e unha traballadora considerada persoal educativo de apoio, aínda que na páxina do RUEPPS, que é un censo público das entidades prestadoras de servizos sociais e dos centros e programas autorizados no territorio do noso país, figuran actualmente 6 persoas entre mestras, persoal de apoio e educadoras. As cifras ofrecidas neste censo, que deben estar actualizadas en todo momento para unha boa planificación, control e ordenación das entidades e os servizos, non son reais dende fai meses, xa que os propietarios non foron capaces, ou non tiveron intención, algo que descoñecemos, de cubrir as baixas das traballadoras, nin de incorporar persoal para eses postos vacantes ao reincidir nos impagos, de xeito que a rotación de persoal é continua no centro, incumpríndose así os rateos durante meses e tamén unha vez comezado o período de curso. No citado rexistro RUEPPS, ademais de non ser veraces os datos correspondentes ao persoal da escola infantil, tampouco son reais o número de crianzas matriculadas nin o seu horario de apertura, xa que non está ofrecendo servizo de tarde, tendo a última actualización dito rexistro no mes de febreiro do presente ano. Nestes momentos, dos 30 nenos e nenas que gozaban do servizo e que eran atendidos unicamente por dúas profesionais, só asisten 15, xa que a propia escola reduciu o servizo ao non contar máis que cunha mestra para atendelos, coas conseguintes protestas das familias, que foron avisadas no momento, sen deixar prazo para redistribuílos ou buscar solucións para a conciliación, polo que moitos pais e nais tiveron que ausentarse do traballo por incapacidade de xestionar sen tempo a nova por parte da empresa. A situación das familias lalinenses en canto á conciliación é dramática nestes momentos, precisando atención e solucións por parte do concello e da Consellería de Política Social, á que se lle solicita información sobre a inspección que estaba programada na escola durante este mes e da que non se teñen novas, descoñecendo se esta se levou a cabo e, de ser así, cal foi a súa resolución, xa que necesitan garantías de que as crianzas poidan ser atendidas debidamente.