PRESENTACIÓN DO LIBRO O IMPERIALISMO NO SÉCULO XXI

O profesor e analista internacional Duarte Correa Piñeiro publica Imperialismo no século XXI, unha análise das novas formas de dominación na economía global

O profesor e analista internacional Duarte Correa Piñeiro vén de publicar Imperialismo no século XXI, un libro no que analiza as transformacións do imperialismo no contexto do capitalismo contemporáneo e da globalización económica, e que será presentado este venres 22 en Lalín.

A obra propón unha reflexión crítica sobre as relacións de poder que estruturaron historicamente o sistema económico internacional e que, segundo o autor, continúan presentes hoxe baixo novas formas. O libro aborda cuestións como a reorganización das cadeas globais de produción, a financiarización da economía ou a persistencia de relacións de dependencia entre territorios.

Desde a perspectiva das relacións internacionais, o ensaio examina como o fenómeno imperialista continúa condicionando a política global, nun contexto marcado pola competencia entre grandes potencias, o control de recursos estratéxicos e a influencia das grandes corporacións transnacionais e das institucións financeiras internacionais.

‘O imperialismo no século XXI’ analiza o papel da OTAN como instrumento dos Estados Unidos para manter a súa hexemonía en declive, a autonomía estratéxica da Unión Europea e o aumento do gasto militar, desvelando as verdadeiras intencións detrás dos discursos vixentes. Ademais, desmonta mitos e amosa outras realidades pouco visibilizadas, nas que países apostan por alianzas baseadas no diálogo e a cooperación fronte á imposición, defendendo que a alternativa ao imperialismo reside na defensa da soberanía dos pobos.

A presentación pública do libro terá lugar o venres, día 22, n Lalín, nun acto organizado polo Bloque Nacionalista Galego de Lalín que se celebrará ás 20.30 horas no Museo Municipal. No acto, o autor estará acompañado pola voceira municipal do BNG, Mari Fernández Sanmartín.

Imperialismo no século XXI pretende contribuír ao debate sobre as desigualdades globais e ofrecer ferramentas de análise para comprender os mecanismos de acumulación e poder que operan na economía internacional.

Sobre o autor

Duarte Correa Piñeiro é profesor de Xeografía e Historia no IES Ramón Cabanillas de Cambados, investigador e ensaísta. Colabora regularmente en publicacións galegas e internacionais e participa como relator en seminarios e actividades formativas en Europa e América Latina, centrando o seu traballo na análise das relacións internacionais, as dinámicas xeopolíticas, a globalización e as relacións de dependencia no sistema económico e político mundial.