Vilariño acusa o ente estatal de actuar con fins especulativos

O BNG esixe a caducidade da licencia de dous edificios da SAREB

Representantes do Consello local diante dun dos edificios

Francisco Xavier Vilariño Taboada, en calidade de voceiro do grupo municipal do BNG no
Concello de Lalín,

EXPÓN:

Hai tempo que desde o BNG de Lalín denunciamos, e sobre todo, pedimos solucións, á grave
situación que ten o noso Concello en materia de vivenda.
Neste senso, convén lembrar que o PP nun pleno municipal xa rexeitou unha moción nosa na
que pedíamos declarar a caducidade das licenzas de dúas construcións inacabadas do SAREB
situadas na rúa Nuno Eanes de Cercio esquina coa rúa Maruja Gutiérrez e na rúa Álvaro
Cunqueiro.
Para o BNG resulta especialmente significativo o papel do SAREB xa que é unha sociedade
participada maioritariamente polo Estado e que os seus bens foron adquiridos polos
contribuíntes mediante a emisión de débeda avalada polo Estado, coa finalidade de “xestionar,
con compromiso social, os activos inmobiliarios procedentes do saneamento do sector
financieiro”, polo que os terreos dos que dispón, como solicitamos tamén no pleno de outubro
desde o BNG, deberían ser transferidos ao Concello de Lalín con carácter permanente e a título
gratuíto para poñelos a disposición da Xunta de Galiza para facer vivienda pública. Pedimos un
cambio radical na política de xestión de activos inmobiliarios da SAREB, que poña o foco no
aproveitamento público das vivendas e terreos dos que é titular, en lugar de destinar ditos
inmobles a ser poxados a fondos de investimento inmobiliario, evidentemente pouco
preocupados polo interese público.
Para o BNG é fundamental ter unha posición firme e decidida para poder aportar solucións ao
gravísimo problema de acceso á vivenda que temos en Lalín, e polo tanto, quen especula debe
ser tratado como especulador, sendo a administración quen lle obrigue a cumprir coa
normativa, e non sendo cómplice activo mirando para outro lado como acontece neste
momento.
Sinalar que as licenzas de construción teñen un prazo de caducidade de tres anos para a total
terminación das obras. O Concello pode conceder prórroga dese prazo logo de solicitude
expresa do titular da licenza. Cada prórroga non pode ser superior a ese prazo de tres anos,
ademais non poden interromperse as obras por un tempo superior a seis meses.
Transcorrido o prazo de caducidade (do prazo inicial ou das prórrogas concedidas), o Concello
está obrigado a declarar de oficio a caducidade da licenza. Esa declaración de caducidade
extingue os efectos da licenza. E para que sexa posible rematar a construción, é preciso obter
una nova licenza que deberá ser acorde coa normativa existente no momento de concesión
desa nova licenza.
Desde o BNG lembramos que tras a crise económica posterior á burbulla inmobiliaria, en Lalín,
quedaron sen rematar unha serie de promocións. Ademais doutras posibles edificacións
menores, en Lalín, a SAREB é propietaria a día de hoxe de dúas grandes promocións

inmobiliarias que están nesta situación inacabada e, en conxunto, poderían achegar ao
mercado inmobiliario preto de 100 vivendas. Esas grandes promocións están ubicadas en:
- Rúa Nuno Eanes de Cercio esquina coa rúa Maruja Gutiérrez.
- Rúa Álvaro Cunqueiro.
Estas edificacións inacabadas contaron con licenza de construción que, hoxe, xa están
caducadas por ter transcorridos sobradamente os prazos de caducidade, mais o concello non
declarou a caducidade destas licenzas.
Nas case dúas décadas transcorridas dende a concesión destas licenzas caducadas ata a
actualidade foi promulgada numerosa normativa máis esixente coa calidade ou condicións
esixidas nas vivendas. Tal é o caso das Normas do Hábitat ou do vixente Código Técnico.
O pasado ano xa advertimos da situación e puximos prazo de solución por parte da SAREB
para que estes activos se puxeran ao servizo do interese xeral do conxunto da cidadanía, non
obtendo ningún tipo de resposta por parte do goberno local nen da SAREB. Aclarar que a
obtención dunha nova licenza acorde á normativa actual, implicaría un gasto considerable para
a SAREB. Nalgún suposto, debería incluso derrubar parte da edificación que está sen rematar,
para poder cumprir coa normativa existente, dando maior amplitude a patios interiores, maior
luminosidade ás vivendas, etc. Por tal motivo, é evidente que se existira un mínimo de
responsabilidade sobre dito patrimonio público, a SAREB tería que ter moito interese en que o
Concello non declare a caducidade desas licenzas.
Para o BNG era moi importante que a SAREB rematase as súas grandes promocións,
simultaneamente, a prezos asequibles e na maior brevidade posible. Polo menos, estaría
poñendo no mercado un importante número de vivendas que podería axudar a moitas familias
a ter acceso a unha vivenda e ao mesmo tempo contribuír a rebaixar os excesivos prezos de
mercado existentes en Lalín por mor da escaseza de vivenda dispoñible.
Mais a realidade é a contraria, a SAREB está utilizando eses activos para especular, sendo
parte activa en manter os prezos de mercado nos actuais niveis non asumibles pola maior parte
das familias lalinenses.
Desde o BNG consideramos que é indecente que a SAREB se adique a ir poñendo no
mercado, pouco a pouco e de xeito escalonado, as súas promocións co obxecto de que non
baixen os prezos de venda das vivendas e así especular con elas sacando a maior plusvalía
posible, feito este que incumpre totalmente o fin da mesma. Clara mostra deste xeito de actuar
é que recentemente sacáronse á venda as vivendas doutro inmoble que tiñan inacabado e
remataron recentemente na rúa Otero Pedrayo, mentres ten abandonadas as outras
promocións ou incluso nun estado lamentable como é a edificación da rúa Álvaro Cunqueiro.
Por todo isto, desde o BNG de Lalín instamos ao Goberno Municipal a que ofrecese un
ultimatun á SAREB para que retomara inmediatamente de xeito simultáneo a construción de
todas estas edificacións e, de non ser así, que o Concello declarase a caducidade das licenzas
correspondentes.
Ao mesmo tempo, anunciaramos que se o Concello non actuaba como solicitabamos nos
prazos de tempo sinalados, seríamos os nacionalistas os que solicitaríamos a declaración de
caducidade desas licenzas para pór fin ao que cualificamos de intolerable política especulativa
da SAREB na que o goberno municipal de Lalín sería cómplice e partícipe evidente da mesma.
Transcorrido un tempo sobradamente razoable, sen que a SAREB mudase a súa conduta
especulativa e sen que o goberno municipal realizase ningunha actuación,

SOLICITO:

Que o Concello de Lalín declare expresamente a caducidade das licenzas das dúas
construcións inacabadas da SAREB situadas na rúa Nuno Eanes de Cercio esquina coa rúa
Maruja Gutiérrez e na rúa Álvaro Cunqueiro.