Francisco Xavier Vilariño Taboada, voceiro do BNG no Concello de Lalín presenta a seguinte MOCIÓN

Moción do BNG de Lalín sobre a Praza Europa

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

Para o BNG é evidente que continúa existindo unha carencia de infraestruturas destinadas ao lecer infantil que poidan empregarse durante todo o ano, independentemente das condicións meteorolóxicas.


As familias de Lalín demandan dende hai tempo a creación de espazos seguros, accesibles e protexidos da choiva, do sol intenso e das baixas temperaturas. Esta necesidade faise especialmente patente nos meses de inverno e outono, cando a climatoloxía limita o uso dos actuais parques ao aire libre.

A Praza Europa constitúe unha localización idónea para a creación do primeiro parque infantil cuberto de Lalín, dado que é unha zona céntrica, con bo acceso peonil e rodado, ampla e xa consolidada como espazo público de convivencia. A implantación dun parque cuberto permitiría dinamizar a zona e ofrecer ás familias un espazo moderno, seguro e inclusivo.

Este tipo de infraestruturas están implantadas con éxito noutros concellos galegos, demostrando ser un recurso moi valorado polas familias e unha aposta pola conciliación, o benestar e a revitalización urbana.

Desde o BNG non só reclamamos actuación nesta praza no seu estado de mantemento, senón que realizamos unha serie de propostas ambiciosas, que ao noso entender, melloraría sustancialmente e transformaría non só a zona de parque senón o conxunto da praza:

1.- A dotación na parte alta e baixa da praza (que contan dunha superficie moi importante de metros sen ningunha función, máis de 1000 metros cadrados) de distintos elementos de xogo e deportivos que aumenten a oferta de lecer da mesma.

2.- A creación do primeiro parque infantil cuberto na nosa vila, o que permitiría dotar dunha oferta aos nenos e nenas de Lalín que non existe a día de hoxe, nun concello no que evidentemente o uso destos espazos está moi condicionado pola climatoloxía tan adversa que temos na maior parte do ano.

3.- Ao igual que existe noutros concellos galegos, propoñemos o estudo do peche do acceso á praza en horario nocturno, delimitando obviamente os negocios de hostalería para que non lles afecta a medida, co que se evitarían actos vandálicos e actuacións non desexadas que se están producindo en dita ubicación.

4.- A instalación de varias fontes de auga, polo súa gran demanda e utilidade.

 

Polo exposto anteriormente, o Bloque Nacionalista Galego de Lalín propón ao Pleno da Corporación Municipal a adopción do seguinte

 

ACORDO:

1.- O Concello de Lalín comprométese a redactar un proxecto técnico para a creación dun parque infantil cuberto na Praza Europa, garantindo criterios de accesibilidade universal, seguridade e integración urbanística.

2.- Incorporar nos orzamentos do seguinte exercicio 2026 a partida necesaria para financiar a construción deste espazo.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

ALCALDE PRESIDENTE E AO PLENO DO CONCELLO DE LALÍN