Grazas Paco!!!
Nota do Consello Local do BNG de Lalín.-
O Consello Local do BNG de Lalín, reunido o luns 23 de marzo, someteu a debate a proposta presentada polo noso portavoz municipal, Francisco Vilariño, de presentar a renuncia a seguir formando parte da corporación municipal e así favorecer unha renovación completa do Grupo Municipal para preparar as eleccións municipais de 2027 nas mellores condicións.
Esta proposta, formulada por Vilariño e aprobada polo Consello Local, conlevará que tome posesión como nova concelleira a que será a candidata polo BNG, aprobada por unanimidade da Asemblea Local, Mari Fernández Sanmartín. Desta forma, a partir do pleno do mes de abril tomarán posesión Mari Fernández e Manuel Carbón, e así o grupo municipal estará a pleno funcionamento xusto o último ano antes das eleccións municipais.
Con este movemento o BNG busca que se visualice un novo tempo e un novo equipo municipal que, co apoio do Consello Local e do conxunto do BNG de Lalín, vai presentar un proxecto político e un programa alternativo ao PP co obxectivo de asumir o liderado na corporación municipal e que dea pé a unha nova maioría alternativa ao actual goberno municipal. Resta un ano enteiro para mostrar a excelente capacidade de Mari Carme Fernández como candidata á alcaldía de Lalín.
O Consello Local quere expresar dunha forma enérxica a enorme gratitude ao labor que desempeñou Francisco Vilariño, sen o seu brillante bo facer, comprobado en labores de goberno e oposición, sen a súa capacidade de interlocución coa veciñanza do concello, sería impensábel que deixara unha organización como o BNG forte, cohesionada e sólida, implantada territorialmente, e con capacidade de aspirar a calquera meta que se propoña. O compañeiro Vilariño, xa como membro do Consello Local, seguirá a achegar toda a súa bagaxe de coñecementos e experiencia para propiciar os mellores resultados electorais nas vindeiras eleccións municipais.
Francisco Vilariño expresou no Consello Local o agradecemento ao conxunto do BNG de Lalín por contar sempre co seu apoio sen o cal non tería sido posíbel chegar ata hoxe cunha organización robusta, socialmente activa e atenta a todas as problemáticas que xorden para darlle a resposta institucional precisa. Vilariño indicou tamén que pecha así unha etapa ao deixar a corporación e que se sitúa como militante de base do BNG para, xunto a todas as compañeiras e os compañeiros do BNG, dar soporte á nova candidata.
O Consello Local non pode máis que parabenizar a Vilariño e tamén a Fernández Sanmartín, por lograr facer deste relevo no grupo municipal, traballado en común, unha oportunidade para que o BNG saia xa reforzado de cara ás eleccións de dentro dun ano.