Francisco Xavier Vilariño Taboada e Ariadna Fernández González presentan unha MOCIÓN relativa Á CREACIÓN DUNHA COMISIÓN DE INVESTIGACIÓN DO PADRÓN MUNICIPAL
A crise demográfica que afecta ao noso país deixa situacións alarmantes ano tras ano, con datos que nos concellos máis rurais ou de menos habitantes se agravan. Con todo, as cifras do INE deste ano pasado, a 1 de xaneiro de 2023, amosan que na capital dezá se manteñen os máis de 20.000 habitantes, superando esa cifra en 282, cun aumento de 81 persoas con respecto ao ano anterior, en 2022.
Malia que o aumento de habitantes do noso concello sexa, dende todas as perspectivas, unha boa nova, entre outras cousas para poder manter a categoría dependente do número de empadroados que ata o de agora imos salvando a pesares das escasas políticas adicadas a este eido do Partido Popular dende o goberno, a realidade non semella ser tan alentadora. Xa a principios deste ano, en xaneiro de 2024, a prensa informaba de que, a través dun decreto da Alcaldía do 27 de decembro, se deron de baixa 108 persoas estranxeiras en Lalín, declarando a caducidade no seu rexistro no censo para estas persoas non comunitarias e que non dispoñían de autorización de residencia permanente. Unha situación moi sorprendente e que xa é unha clara mostra dunha mala praxe que a ninguén se lle escapa o que pode exitir detrás da mesma.
Porén, aínda que o problema non é novo, a realidade das últimas semanas deixa ver que nos enfrontamos a unha situación de máxima importancia e que preocupa de maneira grave aos veciños e veciñas de Lalín, que advirten a través da oposición e mesmo achegándose ao consistorio, de que nas súas vivendas, tanto en baleiras como en habitadas, hai xente empadroada da que descoñecen a súa identidade e que, por suposto, nunca residiu alí.
A opacidade do goberno municipal é tal, que o noso voceiro municipal preguntou no último pleno por este tema, e denunciou a negativa de deixarlle incluso ao propietario dun inmoble poder ter acceso ao expediente de alta de varias persoas que constaban na súa vivenda sen ter coñecemento das mesmas amparándose na lei de protección de datos, argumento este a todas luces falso xa que nunca se podería facer unha alta nunha vivenda sen o consentimento expreso do propietario da mesma e polo tanto sempre tería dereito a poder consultalo. Feitos como estes que están xerando unha grande desconfianza por parte da cidadanía, que require de atención e de que se aclaren estas anomalías, que poden incluso favorecer, se está baixo unha situación de descontrol, a presenza de mafias no noso concello.
Estes empadroamentos irregulares son unha anomalía da que moitos veciños do concello non eran conscientes ata hai pouco e algúns deles decatáronse a raíz das novas da prensa que xurdiron a carón desta problemática. A xeración de alarma sobre este asunto, co malestar, a preocupación e as dúbidas, pon nunha situación de alerta á que o partido do goberno e o resto dos integrantes da corporación deben facerlle fronte da maneira máis rigorosa posible, garantindo que se cumpra a lei en todos os casos e facilitándolle á poboación a información requirida en cada caso particular, solventando esta situación o antes posible, recollendo tamén datos que os lalinenses, tanto orixinarios coma inmigrantes poidan aportar datos de interese que colaboren na resolución desta situación, traballando entre todos polo ben común dos nosos habitantes.
Estamos falando incluso dun posible delito penal ao tratrase de falsificacación de documentos, un feito que un goberno cun mínimo de reponsabilidade tería que estar moi preocupado e facer todo o necesario para poñer fin e non mirar para outro lado como está facendo. Clara mostra desta afirmación é a posición pública do PP onde nega que se esté producindo tal situación, cunha argumentación totalmente demagóxica e falsa, chegando a acusarnos de querer “crear unha alarma social” cando a realidade é que na rúa a día de hoxe estamos seguros que é unha das preocupacións máis importantes que teñen os nosos veciños e veciñas. Mais unha vez o PP intenta enganar á cidadanía ou non se entera do que está pasando na nosa vila, situación esta última que non somos tan inxenuos para crer.
Desde o BNG non imos consentir que a resposta do goberno a este importante problema sexa mentir e descalificarnos, e tomámoslle a palabra ao señor Avelino Souto cando di que “nos dirixamos por canles oficiais”, precisamente que canle máis oficial existe que unha moción que se debate e vota nun pleno municipal?.
Por iso, desde o BNG, cremos que a solución pasa por crear unha Comisión de Investigación sobre os datos do empadroamento integrada por todos os partidos políticos que conforman a Corporación municipal, asegurando a capacidade de todos os constituíntes de dita Comisión de Investigación de requirir os datos pertinentes referentes ao padrón municipal para estudalos e darlle solución a un problema de grande calado social que afecta actualmente ao noso concello, sempre garantindo a protección de datos como a lei indica. Ao mesmo tempo entedemos que sería fundamental como dinámica da propia Comisión abrir un prazo público para que todo aquel veciño ou asociación que o desexe poida aportar datos ou documentación relacionada co fin da mesma.