O BNG propón a posta en marcha dun Plan Local de Turismo
O BNG de Lalín propón a posta en marcha dun Plan Local Integral de Turismo para o noso concello. Argumentan desde a fronte nacionalista que este sector representa xa entre o 11,5 e o 14% do PIB e o emprego na media de Galiza, pero como oposición responsable, tamén sabemos que “non se pode deixar ao turismo desenvolverse por sí só a calquera prezo”. Por iso, dacordo coa hostalería, o comercio e a veciñanza, solicitan ao goberno municipal a posta en marcha nos 3 próximos meses dun completo plan que ten que partir de datos obxectivos e expectativas do sector para rematar cun programa de medidas que supoña a implantación en Lalín dun “turismo responsable e sustentable coa vista posta sempre no retorno de beneficios ao territorio”.
Para o seu voceiro municipal, Paco Vilariño, este plan turístico ten que contemplar ademais recuperar o proxecto do cuatripartito para dotar a Lalín dun albergue na zona do Manuel Rivero, aproveitando así os fluxos de peregrinos que chegan ao noso Concello polas dúas rutas do Camiño de Santiago que nos atravesan, a Vía da Prata e o Camiño do Inverno. Que estes peregrinos pernocten en Lalín significará un valor engadido tanto para o comercio coma para a hostalería local.
Lembran desde o BNG que no goberno de Lalín xa foron quen de demostrar “que se poden facer moitas cousas para promocionar o noso concello, o cocido é un bo embaixador pero Lalín non só é cocido”. A Concellería de Turismo do BNG foi quen de iniciar unha diversificación da oferta e unha promoción turística de Lalín que deu excelentes resultados, e que é necesario retomar desde o goberno.
O BNG defende que é necesario levar adiante desde o concello “unha política turística responsable” que se asente nun proxecto sólido e ambicioso, polo que demandan que se teñen que poñer as bases do mesmo comezando por recabar datos obxectivos para, posteriormente e xunto cos sectores locais implicados e a veciñanza, “plasmar os modelos turísticos responsables e ordeados, pactados socialmente, cos que o mercado turístico do noso concello terá que reportar beneficios e non inconvintes á veciñanza”.
A calidade en destino, a protección do medio ambiente e o patrimonio, a promoción dos nosos valores culturais, a economía circular e a xeneración de emprego de calidade teñen que ser as liñas vermellas coas traballar neste eido. Con estas premisas, Vilariño
asegura que “Lalín ten todo o necesario para conformar unha oferta diversa e especializada, que ademáis contribúa a equilibrar o noso territorio”.
“Lalín un interior único”
Paco Vilariño convida ao PP a sumarse á política que o BNG levou adiante no cuatripartito, volvendo a poñer en valor un turismo diversificado e desestacionalizado para o noso concello. A campaña “Lalín un interior único” deu excelentes resultados de retorno, polo que o BNG pídelle a Crespo que retomen esta iniciativa desde xa para xerar riqueza no noso concello. Ademáis Vilariño insiste en que se volva adornar varias rúas de Lalín con distintos elementos ornamentais, coma os paraugas que tanto éxito tiveron.
Este novo motor económico para Lalín tén que pasar necesariamente pola rehabilitación e humanización da nosa zona comercial e hostaleira ”e por suposto que neste deseño terá especial incidencia poñer en valor a cultura do noso país e a nosa historia e lingua”, elementos que engadirán unha plusvalía a una oferta turística sustentable que pretende complementar aos nosos sectores produtivos”. Vilariño ten claro que “o monocultivo do turismo non é o modelo que Lalín precisa, polo que defende aproveitar e poñer en valor os numerosos recursos e potencialidades que temos para desenvolver este sector en beneficio dos veciños e veciñas”.