O BNG presenta un programa municipal para loitar contra a soidade non desexada en Lalín
23 de xaneiro de 2026 (13:51 h.)
-No último ano aumentou no concello un 3% a poboación maior de 65 anos no concello, principal foco desta problemática social
O BNG de Lalín segue moi preocupado e priorizando medidas contra a soidade non desexada no noso concello. Cos datos oficiais na man e logo de ter feito traballo sobre o terreo arredor deste problema social considerado de máxima gravidade mesmo pola Organización Mundial da Saúde (OMS), desde o BNG de Lalín demandamos a posta en marcha de medidas tanto de prevención como de atención deste problema social, que afecta de xeito especial ao noso concello. Cos últimos datos de poboación do Instituto Galego de Estatística (IGE) na man, en Lalín a poboación maior de 65 anos supera o 32% do total -seis puntos porcentuais de envellecemento da poboación por riba da media galega-. A poboación maior é segundo o Barómetro da Soidade non Desexada na Galiza 2024, a que máis sofre situacións de soidade non desexada. Por iso o BNG de Lalín considera “prioritario”, seguindo a demanda social e as recomendacións da OMS, a posta en marcha dun completo programa dotado de medios materiais e persoais, para atallar a soidade non desexada en Lalín.
En base aos datos demográficos oficiais no noso concello, a porcentaxe de persoas maiores non deixa de medrar, aumentando un 3% entre os datos de 2023 e os últimos datos do IGE de xullo de 2024 -as últimas estatísticas poboacionais a nivel municipal dispoñibles-. Cos datos de xullo de 2024, Lalín representa o 51,1% da poboación total da Comarca do Deza, e supera a media galega de poboación maior de 65 anos de Galiza, situada segundo o IGE nun 30,6% de poboación maior de 65 anos. “Coa nosa estrutura de poboación non podemos poñernos de perfil nin mirar cara outro lado, o feito de ser un concello rural e cun alto porcentaxe de envellecemento nos fai diana dos casos de soidade non desexada”, afirma a responsable local Mari Fernández.
A OMS leva anos alertando desta epidemia social, que non só afecta ao benestar da veciñanza, senón que chega a ter importantes repercusións na saúde física das persoas. Desde o BNG de Lalín tamén “levamos anos traballando sobre esta problemática” que formou parte do programa electoral das municipais de 2023, pero “diante do pasotismo e a inacción tanto do goberno do PP de Lalín como da Xunta de Galicia, que só teñen iniciativas illadas e anuncios baleiros”, o BNG de Lalín unha vez máis toma a iniciativa para mellorar o benestar e a calidade de vida da nosa veciñanza.
“Non é un problema inventado”, explica Mari Fernández Sanmartín, “hai datos oficiais e un Barómetro de Soidade non Desexada” en Galiza que alerta de que “1 de cada 5 persoas no país síntese soa” (un 19,8%), e un 15,2% da poboación galega asegura que sofre “soidade crónica”. A afectación desta problemática social afecta nun 12,7% da poboación no caso dos concellos de entre 10.000 e 50.000 habitantes, e un 42,7% dos afectados mira cara aos concellos como as administracións que deben liderar a loita contra este problema social.
“O BNG de Lalín non mira cara outro lado”, asegura a súa responsable local, sabemos que coa porcentaxe de persoas maiores da nosa poboación e a afectación tamén da soidade non desexada entre a mocidade (un 35,5% da mocidade galega di sentirse soa sen desexalo) e tamén da poboación estranxeira (un 51% dos estranxeiros que residen na Galiza afirman sentir soidade non desexada), “ten que levar aos responsables políticos a tomar decisións e medidas efectivas e dotadas de persoal e recursos económicos” para facer fronte a este problema.
Mapeo e rede de detección e apoio contra a soidade
O BNG de Lalín considera “fundamental” que os Servizos Sociais municipais “como administración máis próxima ao cidadán” sexan o “piar básico” dun mapeo sobre o terreo en todo o Concello para poñerlle “cifras e nomes” a esta problemática social. “Non chega con dicir que investimos en servizos sociais, hai que planificar e achegar eses servizos á veciñanza, a cada persoa e a cada casa”, advirte Mari Fernández.
O BNG considera tamén “fundamental” a colaboración institucional co Colexio de Psicólogos e coas organizacións de voluntarios para crear unha auténtica “rede de detección e apoio” destes casos. Tamén para os nacionalistas lalinenses “é prioritario escoitar á xente, non chega con tecer unha rede electoralista de parroquias e pedáneos”, advirte Mari Fernández, senón que a fórmula pasa por “un traballo en rede, capitaneado polo Concello, dirixido polos servizos sociais e usando como instrumento aos colectivos de profesionais e voluntarios”.
Destaca a súa responsable local que “Lalín pode facer fronte a este problema social, non é cuestión de cartos senón de responsabilidade dos gobernantes municipais e xestión dos recursos que son de todas as veciñas e veciños de Lalín”. Critica Mari Fernández que “o único que o goberno local do PP fai nas nosas parroquias é ximnasia e folclore unha vez ao ano”. Por iso o BNG de Lalín insta ao goberno do PP a “baixar ao terreo, ver a nosa realidade poboacional e traballar coa veciñanza para que os e as lalinenses non só vexan como lle suben os impostos e taxas municipais e dunha vez por todas sintan que o que aportan sirve para mellorar o seu benestar e a súa calidade de vida”.