O BNG de Lalín solicita unha reunión de voceiros sobre a Celulosa Altri
O BNG de Lalín amosa a súa preocupación fronte o denominado Proxecto Gama promovido polo grupo empresarial Greenfiber (ALTRI) na veciña comarca da Ulloa, concretamente entre Palas de Rei e Agolada, consistente na previsión da construción dunha macroplanta de celulosa.
Nestes momentos o proxecto ten a exposición pública a solicitude de Autorización Ambiental Integrada (AAI), o Estudo de Impacto Ambiental (EIA) e a declaración de utilidade pública. Trátase, en concreto, dunha factoría que prevé producir 400.000 toneladas de celulosa soluble e 200.000 de 'lyocell', un tecido fabricado a partir de pasta de madeira.
Desde o BNG queremos expresar a nosa máis profunda preocupación e firme oposición a esta planta de celulosa na Ulloa, e que ademais dos múltiples prexuízos ambientais feitos públicos nas últimas semanas por diferentes expertos e asociacións, e na que tamén queremos destacar os impactos adversos que esta iniciativa tería para a industria láctea e na economía rural de Lalín e comarca do Deza.
En primeiro lugar, é importante sinalar os efectos prexudiciais que a instalación dunha planta de celulosa tería no noso medio. A produción de celulosa implica procesos industriais que consomen grandes cantidades de auga e enerxía, e xeran emisións contaminantes. Concretamente a previsión é detraer un caudal de auga do río Ulla de máis de 46.000 metros cúbicos diarios, poñendo en risco a saúde da nosa poboación e a biodiversidade dos nosos ecosistemas. Ademais, a posible disposición inadecuada dos residuos industriais podería contaminar o solo e as fontes de auga, comprometendo así a sostibilidade ambiental a longo prazo da rexión.
En segundo lugar, a instalación dunha planta de celulosa na Ulloa tería repercusións negativas significativas, non avaliadas, para a potente produción láctea do noso concello, unha das principais do Estado. A contaminación por emisión de fumes contaminantes podería afectar á calidade dos pastos e forraxes que serven de sustento ao gando, o que á súa vez afectaría a saúde dos nosos animais e a calidade do leite producido na comarca do Deza. Nos procesos químicos que acompañan ao funcionamento deste tipo de industria destacan a emisión de gases altamente perigosos, do tipo dióxido de cloro (empregado para branqueo), gases producidos por combustión como os sulfhídricos, óxidos de nitróxeno, ou anhídrido sulfuroso. Todos con unha alta capacidade de transportarse polo aire e depositarse en contornas próximas, cunha alta persistencia e entrada nas cadeas tróficas a través dos forraxes que alimentan ao vacún.
Por último, pero non menos importante, a instalación dunha planta de celulosa na Ulloa tería un impacto negativo na economía de Lalín, en particular sobre a reorganización dos cultivos forestais e dispoñibilidade de terras agrarias. A instalación dunha planta de celulosa crea unha demanda continua e significativa de eucalipto como materia prima chave, o que impulsa a expansión das plantacións de eucalipto e o investimento na cadea de subministración forestal. A “economía do eucalipto”, ademais de propiciar unha perda de recursos naturais pode a medio prazo ter unhas consecuencias moi prexudiciais para os agricultores e gandeiros locais.