O BNG de Lalín pon en marcha un servizo de atención presencial á cidadanía

Sede do BNG de Lalín

A atención será na sede do BNG todos os venres en horario de tarde e en calquera outro momento mediante cita previa.

As demandas e consultas cidadás serán atendidas polo BNG de Lalín agora
tamén de xeito presencial, na sede da organización nacionalista situada na rúa principal, n.o 9 – 1o dereita.
O horario habitual de atención será todos os venres de 16:00 a 18:00 horas. Tamén se atenderá noutros
horarios, máis será necesario concertar cita nese caso a través do correo lalin@bng.gal ou a través de
mensaxes nas redes sociais do BNG de Lalín.


A intención do BNG de Lalín é poñer á disposición da veciñanza o seu traballo de oposición, do xeito máis
accesible posible, respondendo así á crecente demanda da poboación, que nos últimos meses fixo que os
representantes nacionalistas se reunisen case a diario con persoas, asociacións ou clubes deportivos que
buscaban solucións as súas necesidades.


Esta atención que contará coa presenza do seu voceiro municipal, Paco Vilariño e do Responsable Local
da organización nacionalista, Manuel Carbón, sumaráselle tamén a deputada no Parlamento galego,
Ariadna Fernández, que ao mesmo tempo tamén é concelleira en Lalín, e que como resultado dos
magníficos resultados acadados nas últimas eleccións galegas este concello pode contar por primeira vez
cunha deputada, que a diferenza de Román Rodríguez do PP, sexa unha persoa accesible e comprometida
cos numerosísimos problemas que Lalín ten e que a súa resolución dependen da administración
autonómica.


Así pois, o BNG seguirá escoitando as inquedanzas da xente como até o de agora, presencialmente ou a
través do teléfono, do correo electrónico ou das redes sociais, pero engadindo a posibilidade de tratar as
inquedanzas da veciñanza co grupo municipal e cunha deputada sen contacto previo. As portas do BNG
de Lalín seguirán estando sempre abertas para trasladar as necesidades da veciñanza a todos os niveis que
poidan ser precisos: Concello, Xunta de Galiza, Deputación, Parlamento do Estado ou Parlamento
Europeo.


Desde a organización nacionalista queren facer este esforzo organizativo para ser a voz de todos e todas
aqueles veciños e veciñas que, ou ben non comparten o proxecto político do PP ou precisan de axuda para
resolver calquera cuestión de interese xeral, e por iso convidan a facer uso do mesmo a todos e todas os
lalinenses “porque no BNG sempre temos as nosas portas abertas ao que realmente importa, a xente”.
Lembran desde o BNG que a participación cidadá, o diálogo e o entendemento son “as señas de
identidade do BNG de Lalín”, por iso este espazo aberto supón “un paso máis nos que levamos anos
dando en Lalín para achegar as nosas propostas aos veciños e veciñas, para escoitar o que á veciñanza lle
preocupa e para ser a canle política das súas demandas”.

Animan á veciñanza lalinenses “a entrar á sede do BNG, falar con nós e explicarnos as súas
preocupacións”. Este contacto directo coa cidadanía é o fundamento básico co que o BNG desenvolveu
nos últimos anos a súa actividade política en Lalín. Lembran que “onde hai unha preocupación, unha
inxustiza, falla de servizos ou calquera problemática veciñal, o BNG sempre estivo e estará aí para
escoitar, dialogar e xestionar”.