Manuel Carbón: “O estado das marquesiñas e a sua contorna precisa dunha actuación urxente”

O BNG DE LALÍN PIDE A LIMPEZA E MANTEMENTO DAS MARQUESIÑAS ESCOLARES

O BNG denuncia que desde hai varias semanas veñen recibindo moitas  queixas de veciños e veciñas de varias parroquias do noso rural, polo mal estado no que se atopan as marquesiñas que o alumnado usa a diario para esperar o transporte escolar. Unha situación que non ven derivada só dos meses de verán senón do seu continuo abandono ao longo dos últimos dous mandatos.

De entre as deficiencias denunciadas, atopámonos marquesiñas cheas de silveiras, outras rotas, outras nas que entra a auga cando chove,  falta total de limpeza, inexistencia de bancos para sentarse, mal asentadas no chan, con ferros oxidados e cristais rotos, o que conleva unha total falta de servizo e incluso nalgúns casos un perigro real para os rapaces. “Visitamos “in situ” a marquesiña en Bergazos e o estado é deplorable” afirma o Responsable de Organización do BNG de Lalín Manuel Carbón. Ao mal estado da marquesiña, vella, oxidada e sucia, hai que engadir o estado da sua contorna, cheo de silveiras, cristais rotos e lixo ao redor dos contenedores que hai ao lado da marquesiña.O BNG asegura que esta é outra mostra máis do abandono e marxinación no que o actual goberno ten aos vecinos e veciñas do noso rural.

Para o BNG de Lalín é lamentable que este goberno non acometera ningún tipo de traballo de mantemento e limpeza das mesmas para o inicio do curso escolar cando se atopan en tan mal estado, algo que se repite xa que o BNG de Lalín xa o denunciara no seu día , e tamén pola necesidade imperante de telas en bo estado debido ás condicións climáticas tan adversas que temos ao longo de moitos meses no noso Concello. 

É por iso, sinala Carbón , que desde a organización nacionalista “solicitan á alcaldía que se proceda de inmediato ao mantemento adecuado das marquesiñas que o requiran,tanto no que se refire á reparación ou reposición dos elementos que se atopen en mal estado como á limpeza das mesmas e a sua contorna”.